Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Candy Crush (Crash) parlamentario

viernes, 06 de marzo de 2015
Sabido é que os debates sobre o estado da nación deixan sempre algunha graza; pero tampouco hai que descartar as razóns de fondo que desencadean os eventos graciosos, e xa teñen menos importancia, na miña modesta opinión, os comentarios a posteriori de matiz ideolóxico.

Nesta ocasión, a señora Villalobos, que á sazón presidía o Parlamento, foi sorprendida xogando ao Candy Crash, precisamente durante unha intervención do Presidente Rajoy. Non é estraño, porque iso, din algúns comentaristas, tamén ocorreu no Parlamente Británico. Ala!... A nosoutros, que non somos moi afeccionados a copiar as prácticas políticas correctas doutros países, sérvenos de xustificante as que non o son.

Non obstante, hai unha importante diferenza: O deputado británico pediu perdón, a Sra. Villalobos negouno e, por tanto, mentiu. Pero aquí se queremos ir un pouco máis ao fondo, non debemos quedarnos na anécdota: Hai, como dixo Rosa Díez, un problema de actitudes. O británico evidenciou sentir un certo respecto cara aos cidadáns que representa, e a nosa deputada comportouse como se os españois tivéramos que estarlle agradecidos porque se digna representarnos. Pero a señora Díez tamén faría ben en mirarse a si mesma: Recordemos que tivo ocasión de manifestar a súa actitude acerca dos galegos.

Esta clase de comportamentos non son estrañs en España: a arrogancia, a soberbia e a indiferenza irresponsable son compañeiras de viaxe nestes quefaceres políticos. Unha recente perla (se é un exemplo dun español!!) foi o uso que fixo dunha Comisión do Parlamento Catalán o Sr. Puyol, para aproveitar rifarlles os que o interrogaban acerca da súa vergoñenta conduta...

Como se lles ocorre someter a tan atrevida indagación a un dignitario de tan alto copete?!. Non faltaría máis...!.

Seguramente o Sr. Puyol quixo de boa fe (Deus mo perdoe!, dicían os nosos devanceiros) evitar que os señores deputados/as caeran nun estado soporífero que os levara non só a xogar ao Candy Crush, senón incluso o Frozen Free Fall, que, segundo parece, tamén está de moda nos Parlamentos. Xa hai que ser cara lavada para facer ese uso dun aparello que levan para outros mesteres!.
Isto, á vez, elles unha maneira de levar a crítica das intervencións a un plano intranscendente, accidental, desviándoa de analizar a falta de esplendor e lixeireza, que preside algunhas sesións parlamentarias, evidenciada pola terminoloxía empregada polos oradores nas liortas, cando carecen de contidos substanciais e de elegancia argumental.

Pero hai aínda outra cuestión a considerar con relación a esa linguaxe dos nosos deputados na sesión do estado da nación: Esqueceron – e disto foron advertidos a destra e sinistra – que os escoitan as xeracións as que estamos descualificando, nalgunhas ocasións, pola súa mala educación, cando, certamente, se ven superados os seus integrantes pola dalgúns oradores intervenientes.

A cousa sube de chanzo se contrastamos, as esixencias – lexítimas – a Pablo Iglesias de que asista as sesións da Eurocámara, que para iso se lle paga, coa descarada e vergonzosa desbandada dos nosos deputados en certos momentos do proceso parlamentario, que, como moi ben captan os cidadáns, coinciden coa oportunidade de desairar a algún adversario.

E aínda que iso ocorre así mesmo en Europa, ben estaría que non pensáramos que o que fan moitos, como se o número validara as condutas, é necesariamente correcto; pois xa dicía o noso Feijóo, o frade, que a suma de ignorantes nunca daba por resultado un sabio. Polo tanto, a desbandada, tamén vergonzosa, na Eurocámara, non xustifica a do noso Parlamento, e sobre todo en sesións de especial transcendencia.

Por outra parte, non parece que o debate clarificara nada. Formalmente, remitiu a tempos xa superados, porque o único que se fixo foi dar cumprimento a certas esixencias rituais e empaquetar os contidos, reiterados polos gobernantes e refugados pola oposición, nunha xeneralización desconectada coa casuística que se vive.

A reiterada afirmación do señor Presidente de que saímos da crise económica “grazas o esforzo de TODOS os españois”, cando menos e para dicilo suavemente, é un despropósito, porque el ben sabe (supoño que non o ignora!) que quen verdadeiramente soportaron a riada da austeridade foron aquelas clases sociais máis expostas e vulnerables ás súas políticas restritivas.

Na última colaboración ofrecinlles a vostedes uns datos da situación económica en Europa, permítanme que hoxe, cun apoio na Intermón Oxfam, ONG que traballa para erradicar a pobreza, nun informe relativo á xustiza social e a ética na recadación, referido o ano 2.014, lles diga que segue sendo relevante a desigualdade fiscal e a “pauperización” da poboación española.

Pero é algo que os gobernos foron pasando uns a outros, sen que ningún deles se molestara en corrixir, e este tampouco, posto que xa no ano 2011 as grandes empresas aportaron á Facenda Pública o 1´98%, fronte ao 91´52% das familias españolas, que contribuíron nunha proporción de 46 veces máis que esas grandes corporacións.

Sabemos moi ben os cidadáns que non é o mesmo gobernar que predicar, e precisamente por iso non nos sería difícil valorar algunhas medidas gobernamentais necesarias; pero o que non podemos é dixerir as xeneralizacións sen matizar, como esa universalización, empregando o adxectivo TODOS, por poñer un exemplo, referido aos españois. E isto vale tamén, a contrario sensu, para a oposición.

Porque nin D. Mariano sinalou novas sendas económicas innovadoras (xa que todo vai cor de rosas), nin a oposición articulou saídas documentadas a problemas como o paro, a seguridade social, a sanidade, etc.: Abondou en promesas derrogatorias, que só paralizan os procesos, se non se abren e coñecen outras canles fiables.

Certo é que o venres seguinte, déronse a coñecer certas medidas, elixindo o momento menos oportuno, porque algunha delas puido tomarse bastante antes, para evitar a triste espectacularidade dos desafiuzamentos, e fíxose agora con olor, cando menos, electoralista. E non se veña coa andrómena de que se adoptou cando o permitiu o estado da economía, que, aínda que a nosa débeda non é a grega, case non producimos para pagala.

Non sei, amigos lectores, que pouso deixaron en vostedes estas buliciosas sesións parlamentarias, borradas as pegadas dunhas intervencións cíclicas, por esperadas; insubstanciais, polos contidos, e túzaras, polas formas. Polo que respecta a min, confésolles o desacougo que me produce descubrir que, tamén a eses niveis, o importante progreso da racionalidade científica a que chegaron os nosos tempos, parece que non vai aparellada dos pertinentes razoamentos no eido da ética e da política.

E non se aflixa, Señoría...!, que Clifton Fadiman xa dixo que aburrirse no momento adecuado era sinal de intelixencia, e vostede aproveitouno ben.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES