Xesús fala claro
Mato, Xesús - sábado, 01 de abril de 2006
Chamada á coherencia. Xesús invítanos a seguilo e a levar un xeito de vida semellante. Se o facemos, a nosa resposta será valente/coherente Con nosoutros mesmos, con Deus e cos irmáns. O actuar e vivir de Xesús concorda co seu falar. Vive e fai o que di. A súa Palabra e Feitos ( Evanxeo) son a norma/lei de vida para todos os cristiáns adultos.
Hoxe dinos, sen rodeos: Asegúrovos: se o gran de trigo cae na terra, pero non morre, queda infecundo; pero, se morre, da froito abondoso. Trátase de morrer a un mesmo (ao egoísmo), de descentrármonos de nós e centrármonos nos outros/as, de desbotar o orgullo, o desamor, a agresividade, a violencia... para liberármonos de opresións e escravitudes. Aínda máis: Quen me serve, que me siga; e onde eu estou, alí estará tamén o meu servidor(Xn 12,26). Seguir a Xesús é morrer/resucitar con El e servir aos demais, aos irmáns: aos pobres, marxinados, inmigrantes, humillados e empobrecidos da Terra. Facer o que fixo Xesús: Botar a man a quen o precise, acompañar a quen está só, escoitar ao que está triste, levar un sorriso aos que non atopan razóns para vivir...
Xesús non é un superhome, un heroe impasible, un extraterrestre. É un ser humano completo (¡verdadeiro home!) coas limitacións de toda vida humana. A súa gloria e grandeza están en asentar a vida no amor e na fidelidade ao Pai e no amor/bondade aos irmáns. O seu xeito de actuar é o modelo a seguir. Tamén nosoutros camiñamos cara a Pascua. ¡A vida é un andar permanente!. Con moitos atrancos, calvarios e cruces que desalentan. Precisamos folgos para vencer cansazos e desánimos. Coma Xesús.
Se vostedes e máis eu estamos agora aquí (compartindo reflexión) é porque nos interesa e amamos a vida, porque notamos/sentimos e temos a certeza de que vale a pena vivir cando se comparte algo de vida e porque esperamos que Deus a recolla e lle dea plenitude. Non se pode xerar vida sen que se entregue algo da propia. Non é posible axudar a alguén se non se está disposto/a a se desvivir e a facer algo polos demais. Ninguén contribúe a un mundo xusto, humano e solidario se se apega só ao seu benestar e egoísmo. A obsesión polo propio fai raquíticas ás persoas. Se pechamos os ollos á dor e ao sufrimento alleos non poderemos ser felices. Nin intelixentes, xa que evitaremos problemas pero quedaremos baleiros e estériles. Cando percibimos que a nosa Igrexa se ve como triste, cansa... ¿¡non será porque está a ollar máis para dentro que para fóra!?
Velaí principios para continuar a reflexión: O que non vive para servir, non serve para vivir (Parka); A Igrexa que non serve, non serve para nada (Jacques Gaillot) O que se ama a se mesmo, pérdese(Evanxeo). ¡Que preparemos a Pascua, en profundidade, para nos identificar co Misterio da Vida/Paixón/Morte e Resurrección do Señor!

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora