Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un fiscal galeguista con auctoritas

lunes, 02 de marzo de 2015
Repaso a historia da institución do ministerio público en Galicia e non atopo na relación ningún titular que se distinguise pola proximidade aos problemas reais da sociedade, e moito menos coa sensibilidade ou curiosidade intelectual pola cultura e lingua do país. Neste, coma noutros ámbitos institucionais, arrastramos un déficit de galeguidade preocupante. Os que acceden a un posto de alta responsabilidade pública van servir cegamente ao partido que os nomeou, e de paso tirarlle proveito persoal. Máis nada.

Que razón tiña don Ánxel Fole cando en certa ocasión, coa súa rexouveira retranca, respondeulle en castelán galeguizado a certo gobernador civil que acababan de presentarlle: “Si,señor, a gobernadores civiles he conocido yo a muchos”. Eu tamén coñecín a moitos que o tempo arrombou. De vivir hoxe estaría admirado do labor desenvolvido nos últimos dez anos polo Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela García, facéndoa máis visible na sociedade, aproximando a institución aos movementos sociais, ao tempo que lle imprimíu un novo estilo ao desempeño desta función xurisdicional.

Nas memorias anuais da institución quedan reflectidas para os historiadores a súa preocupación polos problemas da cidadanía á que estivo sempre disposto a ouvir, e procurarlles solucións viables. As súas actuacións estiveron marcadas por medidas cun carácter preventivo, como así quedaron patentes as moitas iniciativas para facer fronte aos problemas medioambientais, os incendios forestais, a mediación como alternativa á xudicialización dos conflitos, e a defensa do patrimonio que as autoridades eclesiásticas, por exemplo, ignoraron. Que certas e fundadas eran a súas sospeitas sobre a fraxilidade do mesmo e que pouco caso se fixeron ás medidas que propuña!. Significativas e novidosas foron as súas propostas para combater o andazo da corrupción. A el acudiron as asociacións de afectados polo timo das preferentes, asumindo a súa defensa.

O Fiscal Superior de Galicia actuou en moitos casos como un verdadeiro Valedor do Pobo, mentres o titular desta institución agochado no seu tobo non se deixaba ver.

Pero amais de todas esas accións, que non tiveron parangón noutras fiscalias superiores do resto do Estado, velaí está outra preocupación á que soubo responder coa coherencia propia de quen sinte Galicia con verdadeira emoción: o uso da lingua galega en todas as actividades escritas e públicas.

Carlos Varela falou e escribíu sempre en galego. E fíxoo con total naturalidade, sen molestar a ninguén, pero facendo valer o seu dereito a se expresar nun idioma que é o seu e ao que leva anos prestándolle transcendentais servizos para normalizalo nos usos xurídicos.

O Fiscal Superior de Galicia estivo presente durante estes dez anos en todos os actos para os que foi chamado de afirmación da identidade galega pronunciando emotivos e sinceiros pronunciamentos inzados de novidosas achegas, afastado dos exercicios retóricos de contidos ocos que tanto se estilan. Rematado o seu mandato, sen que ninguén cuestione as súas actuacións, todo o contrario, é louvado e recoñecido o seu carisma. Un exemplo de función institucional que deixa unha grata memoria. Exerceu a “potestas” con “auctoritas”, un binomio pouco común. Velaí o seu gran mérito.

A partir de agora a súa autoridade, xurídica e humana, vai ser un inexcusable referente no galeguismo cos seus devalos históricos maxistralmente precisados por Díaz Castro: ”Un paso adiante e outros atrás, Galicia/e a tea dos teus sonos non se move”.

O próximo día 13 de marzo ofréceselle unha homenaxe de gratitude que será un canto á esperanza nunha Galicia máis galeguizada.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES