Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tira ou non tira, esa é a cuestión

lunes, 02 de marzo de 2015
Marchamos! Mete leña! Esa frase aparentemente inocua, tan só unha simple instrución, nada que nun principio poida distraer a un sobremaneira do que andaba a facer, ben fose ler o xornal, ordear o cuarto ou calquera outra tarefa propia dunha mañá de domingo adquire no meu caso un matiz diferente.

Por que? preguntaranse. Pois ben, algo hai nese trebello tragaleña que non alcanzo a comprender. Gústalle bromear, iso está claro, pero non de calquera modo. O caso é que parece desfrutar poñéndome a tarefa difícil, coma se detrás dese amasixo de ferros se agochase un trasno de perversas intencións que agarda a que estemos a soas, el e máis eu, coa cociña como escenario da contenda, para comezar a retarme e xogar a alterar os meus plans.

O procedemento é sempre o mesmo. Ó principio as lapas parecen rebulir no seu estómago coma volcán en erupción, nada que me faga intuir que o lume se vaia apagar en breve. Esta circunstancia aprovéitoa para respirar tranquilo despois de meter outa acha, por se acaso! Desta vez non se me apaga!

Repítome un par de veces ó tempo que marcho da cociña agardando que, coma quen recita un mantra, a pronuncia desta frase teña un efecto positivo no devir do lume.

Ó cabo dun rato, media hora quizais, diríxome de novo á cociña e os nervios acrecentan a medida que me achego. Estou xa fronte á porta, ábroa sen dubidar e detéñome un instante para escrutar o panorama cal gladiador ás portas do coliseo. Tento disimular o medo porque sei que o meu inimigo se alimenta del, máis debo de admitir que o esforzo resulta van. O silencio que escoito augura malas novas, pois un sabe de sobra que cando a cociña tira ben as lapas encárganse de pregoalo cun constante repenique de fondo.

A pesar de todo, tiro de autoengano e camiño decidido en dirección á cociña de leña coa ansia de coñecer o resultado da última contenda. Entón, agáchome seguindo o ritual e unha vez alí abaixo abro a pequena porta para comprobar que, en efecto, unha vez máis, o trasno xogárama e as lapas alegres e vivas que crera ver minutos atrás non eran máis ca un espellismo que dera paso a un mísero toro a piques de se consumir. Entón, posuído polo espírito de Indiana Jones póñome en acción tentando diseñar un plan de rescate en poucos segundos. Trátase de intentar avivar o lume non para loitar contra o frío, obxectivo que agora pasou a un segundo plano, senón para reparar o meu ego ferido polo enésimo fracaso. O primeiro que fago é correr en dirección ó garaxe para coller máis leña, pois como de costume o cubo estaba vacío, e regreso á cociña cargado de rachos e piñas coa esperanzada de lograr así reanimar ó enfermo.

Decido comezar axudándome dalgún papel de xornal vello, algunhas piñas e un par de mistos. Cando o lume parece prender nas piñas engado algunha pequena acha agardando que as lapas recuperen así o vigor perdido e nun aceno de lucidez lembro que abrir o tiro tampouco viría nada mal para incrementar as posibilidades de éxito.

Doume unhos segundos para respirar e terminar de recuperarme da carreira ó garaxe e comezo a mirar con anhelo o comportamento do lume. Despois dunhos segundos comprobo que as piñas ían de farol e comezan a facer caso omiso do lume que a sección necrolóxica daquel xornal lles estaba a ofrecer, quizais a escolla da sección non foi a máis apropiada. Nese intre, miro cara fora e comprobo que o gato me observa resignado dende a ventá, no sitio de sempre pero con xesto diferente, vítima quizais do déjà-vu que lle provocou verme fracasar unha vez máis.

Pola miña parte, só me queda erguerme e pensar nalgo que me levante o ánimo, nese momento afundido á altura da cinseira. Así, aínda admitindo que pertenzo a esa casta de zoquetes no que ó manexo do lume se refire, tento aliviar o remorso pensando que alomenos son afortunado por vivir nunha época na que podo disimular bastante ben a miña tara. Imaxinan que sería de min de ter nacido no Paleolítico? Coido que o mantemento do lume no sería precisamente un dos meus comedidos dentro da tribo. Aínda que, pensándoo ben, a miña incompetencia para manexar o lume quizais me permitise adicarme a tarefas bastante máis atractivas como a caza ou a arte rupestre. Está claro, non hai mal que por ben non veña.
Riera, Martiño
Riera, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES