Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Iago Santalla na Agra do Orzán

viernes, 27 de febrero de 2015
Teño, hoxe, o difícil labor de presentar a un amigo, un amigo loitador empedernido, que busca a loita constantemente para romper os límites que creamos, as fronteiras que inventamos.

Teño hoxe o difícil labor de presentarvos a un amigo e poeta, algo nada fácil de ser e presentar, a un home cabal e cheo de cousas que dicir sabéndoas dicir. Un reto de heroicidade cando se trata de facelo desde a poesía, que non cotiza en bolsa, desde esta palabra ofendida que é nosa, maxicamante nosa, a única verba de nós, para todas as sortes do destino. Si, cando un canta, cando un pinta, cando un manifesta, cando escribe “en galego”, sen saber porqué nin como, nota como se pechan portas e olladas, como o odio conspira contra nós, contra O Noso, contra as nosas Esencias.

Debo dicirvos tamén que, cando se escribe, un non escribe só por desafogar, nin por inspiración que teña ou desvaríos suicidas que arriscan palabras.

Normalmente un escribe por unha dor e faino desde un impreciso lugar, que chamamos as entrañas e que non sabemos nunca onde localizar. Esas persoas que habitan a palabra e que, na súa xenerosidade, compártena escríbindoa e botándoa a voar, van moito máis alá da literatura, van a esa sublime dimensión dos soños, creando fantasías e realidades, posibilitando a materialidade do inmaterial, a transcendencia do intranscendente. Voan a horizontes sumamente delicados e de tal perigosidade, que se converte –o acto de escribir- nun reto constante de emocións. Faise, desde a honestidade, desde unha estrana sensibilidade que, por veces, moi escasas, as persoas teñen. É a capacidade de conmocionar, de contribuir a desfacer os límites que os humanos creamos, de inventar novos paraísos, de romper barreiras que nos atan desde a noite dos tempos, medos perpetuos que –a partir desas voces- se esfarelan coma charamuscas nun lume imaxinario. O importante, o máis importante de todo isto, é rigor ético que a palabra imprime diante de tanto insulto amorfo que a sociedade adora.

A poesía existe anque non haxa poetas, claro que sí. Pero temos poetas e iso supón, o triunfo da verdade por riba dos “luares, gaiosos e piñeiros”, por riba dos adormecedores aconteceres de Belén Esteban, Lolitas, Pantojas ou Cármenes de Mairena, que non precisamente cultivan horizontes dun saber emocional ou educacional, dun coñecemento formativo mínimo que impulse o desexo feliz de ser quen somos, pois lonxe de calquera humildade básica de querer aprender, limitan a nosa capacidade de soños, de comprensión, de rectificación, de aprendizaxe e reconstrución. É o seu orgullo o que os separa de nós, e para esa prepotencia servil do poder –pois adormece-, para esa soberbia, só existe a terapia de sabernos, coa humildade de comprendernos.

Por riba das precisións da palabra relatora e sublime da poesía, xa entre ficcións e realidades debemos ter en conta que cando contamos algo, por moi fieis que queiramos ser aos feitos, inevitablemente faremos un algo de ficción. Si, porque sempre –aínda sendo moi obxectivos- será unha visión partida ou colocada ao noso xeito, cos nosos matices propios, coas nosas verbas –sempre de por si- propias e personalizadas.

Pero, detrás de todo iso da apariencia, veredes que nas verbas habitan sentimentos, emocións, desexos, ...aí están as nosas verdades e os nosos horizontes. Eses non os podemos mentir, están aí: evidentes. Por veces dicimos algo e omitimos algo máis, non só porque se nos esqueza senón porque almacenamos falsas lembranzas, ou porque a nosa memoria é selectiva e tamén crea ficcións. Se por riba sabemos que tamén a verdade se inventa, pois xa temos conclusión para pensar que todo é soluble en expresións máis ou menos afortunadas, máis ou menos convenientes ou correctas.

Pero, repito, as nosas emocións, os nosos sentimentos estarán evidentes en forma de desexos, de irrefutables verdades que non admiten finximento. Eu xa o experimentei hai moito tempo, aquel Fiz Vergara Vilariño, o poeta de tanta dor encarnizada, o meu tamén amigo da verba ferida ao que un día, nos seus eidos xabreiros cargados de afectos, lle cantei os seus propios poemas. Tamén me fixo sentir a súa dor, e nesa dor sentinme na Nación compartida da Matria, do orgullo e honra.

E Iago, este que teño aquí canda min, ten ese don da palabra, da verdade. Por iso vos falei del aquel día que viñen cos meus versos onda vós, porque a pesar de todas as dificultades imaxinables, Iago, ten a esperanza cargada e a forza para partir e romper todas as barreiras físicas e de todo tipo. Desde esa forza, desde ela e a poesía, se defende esnaquizando medos e ameazas.

Permitídeme, xa para rematar, lervos brevemente uns versos seus, daqueles que me confortan:

HOXE QUERO SER INCENDIARIO:

Hoxe quero ser incendiario
para morrer no lume do teu peito.
Quero surcarte ata o fondo do teu mar,
racharche as cadeas e xurarche a liberdade.
Hoxe quero ser incendiario,
botar fóra este verso xurdido do amor,
para berrarlle ao mundo a ledicia
de que hoxe nacerá en ti unha muller ceibe.

...SON VERBAS DE QUEN O CORAZÓN ESCOITA.
PARABÉNS IAGO, GRAZAS POR SER COMO ES.
CONTA COMIGO TAMÉN, A TÚA É A NOSA LOITA!

(Palabras de Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero, no Recital poético do 26 de febreiro do 2015. Agra do Orzán, A Coruña).
Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES