Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Hospital asilo de Vilalba (22)

jueves, 26 de febrero de 2015
Ano 1924


«El huérfano y la esperanza». A peza teatral deste título, en verso castelán e da autoría de Antonio García Hermida, púxose en escena o 3 de xaneiro con motivo dunha festa do catecismo coa finalidade de recadar fondos para a adquisición dun harmonio. Foron protagonistas, con O Hospital asilo de Vilalba (22)adecuada expresión, Blanca Tomé e Manolo Carballal. O público outorgoulle longos e cálidos aplausos.

Novo concello. Constituíuse o 20 de xaneiro. Presídeo como alcalde José Valdesuso e figuran como concelleiros: José Novo, Marcelino Martínez, Enrique Canto, Vicente Quintela, José E. Chanot, Tomás Otero, Manuel Rouco, Manuel Pardo Villarino, Calixto Soto, Domingo Apenela, Agustín López Arias, Pascual González, Antonio Fraiz, Manuel Currás, José Arias Varela, Antonio Paz, Cándido Anido, Domingo García e Manuel Otero.

D. Ángel Rego. O propietario e comerciante tivo a xenerosa idea de obsequiar os reclusos do cárcere cunha magnífica cea o día de Nadal. O seu establecemento era un referente para os grandes xantares e homenaxes que se celebraban, tanto os promovidos polos habaneiros como polos vilalbeses.

† Higinio Uriarte. Faleceu en Vilalba este mozo que atendía a súa quebrantada saúde despois de regresar da Habana.
Velaí unha un dos reversos da emigración: as enfermidades tropicais facían estragos entre os emigrados.

Comisión Executiva de 31 de xaneiro. Continúan as decisións:
―Apróbase a carta para enviar ás sociedades americanas conforme se acordara na sesión anterior.
―Unha comisión iría á Coruña para entrevistarse con responsables da casa Cervigón para contratar as madeiras.
―Pídese ó Concello de Vilalba que faga efectivo os xuros producidos polo título de 5.000 ₧ que doou no seu testamento Pedro González Maseda (q.e.p.d.) con destino ó hospital.
―Tendo en conta os fins para os que se destina o edificio, acórdase que a denominación definitiva sexa, a todos os efectos e o que se use no futuro, e ó que se obrigan os membros da Comisión, a de «Hospital Asilo».
―Con respecto ós galegos do exterior, acórdase nomear un comité de damas na Habana para que realicen actividades que á súa vez aporten fondos para esta obra. As integrantes da mesma son: Carmen López, de Sánchez; Consuelo Goás, de Bouza; María Goás, de Coira; Benita Fernández, de Gato; Lucrecia Cuba, de Collado e Pilar Fernández, de López. Este comité poderá ser ampliado segundo o consideren as propias damas.
Tanto nas cartas enviadas a América como nas decisións de crear o comité feminino na Habana están presentes as experiencias de Agustín López Arias e de Manuel Pardo Villarino.
Polo que respecta ó nome do hospital, abandónase o de Conde Pallares. Supoñemos que con esta decisión quedaban pechadas discusións pasadas. Dábase un paso máis para converter o hospital asilo nunha obra da totalidade da colectividade vilalbesa, fóra de ambicións persoais ou de interferencias de individuos de fóra.

Comisión Executiva de 28 de febreiro. Os chamamentos para aportar fondos van dando os primeiros froitos. A solidariedade dalgúns vilalbeses é firme. Emilio Bouza, testamenteiro de María Prieto, viúva de Santalla, entrega ó tesoureiro a cantidade de 250 ₧ que a defunta deixou para as obras.

Monumento na igrexa parroquial. Na Semana Santa deste ano, baixo o proxecto do presbítero Vicente García Hermida, levantouse un monumento que chamou xustamente a atención sendo unanimemente eloxiado. Foi confeccionado nos talleres dos irmáns Guntín.

Exames na escola da «Liga Santaballesa». Celebráronse con grande éxito pola aplicación dos nenos e nenas que a ela acudían.
Repartíronse diplomas e libros entre os máis aplicados. O corpo docente estaba formado por Josefa Fernández e polo mestre titular Román Antolín Crespo. No acto pronunciou un discurso Domingo Pérez Ocampo, párroco e secretario da Xunta Administrativa da Liga, quen destacou a importancia da educación e do labor dos profesores.

Comisión Executiva de 31 de marzo. Acórdase:
–Realizar un prego de condicións para que carpinteiros interesados poxen pola construción de trinta e catro ventás, catro portas e porta principal.
–Pedir que o Concello de Vilalba faga efectiva a cantidade que ten nos seus orzamentos consignada para as obras do hospital asilo; que para os próximos orzamentos se asigne unha cantidade conforme as súas posibilidades; que se fagan efectivos os xuros da lámina de 5.000 ₧ que legou o señor González Maseda.

Comisión Executiva de 24 de abril.
–Asígnase ós carpinteiros José Celeiro Castro, Manuel Celeiro Fernández e Santiago Durán Castro a construción de ventás e portas.
–Adxudícase a Narciso Villares o subministro de 350 pontóns de castiñeiro de tres polgadas e media por cinco e media para o piso da á superior do edificio.
–Noméase a Ramón Jiménez, coadxutor, para substituír o reverendo Ramos Cavado, párroco.

Comisión Executiva de 14 de xuño. Os señores Rouco e Canto presentan a súa dimisión fundándoa en que na discusión dos orzamentos municipais celebrada días atrás no Concello, esta Comisión non defendera con suficiente firmeza os intereses propios.
Debeu suceder que as aspiracións destes homes eran outras e que usaban os seus postos na Comisión Executiva como plataforma de medre político. Andando o tempo verían cumpridas as súas ansias ó chegaren a concelleiros. Posiblemente a man firme do presidente e os seus criterios ben asentados fixeron que non se manipulase a auténtica finalidade da Comisión Executiva.
Noméase membro da Comisión a Domingo Goás Canto. Tres días despois desta sesión, Goás Canto declinou o ofrecemento ale gando que a Comisión non tiña carácter oficial. Os membros que a integraban lamentaron tal decisión e arquivaron o trámite.
Por indicación do delegado gobernativo de Vilalba, a Comisión acorda que se redacte un regulamento para ter carácter oficial.

Obras na igrexa parroquial. Para revisar o teito da igrexa parroquial, que precisa dalgunha reparación, estivo nesta vila no mes de xuño o arquitecto diocesano señor Bescansa. Como xa se dixo, o arquitecto Leoncio Bascansa fora o autor do deseño do edificio do hospital asilo.

«Heraldo de Villalba». Prodúcese unha pausa na súa publicación que xa vai, 30 de xuño de 1924, polo número 154. Volverémo
lo ver outra vez case un ano despois, o 4 de maio de 1925, co número 155.

Comisión Executiva de 13 de xullo. A necesidade de fondos era manifesta e urxente. Para dar exemplo os propios membros da Comisión fan as seguintes contribucións:
Agustín López Arias, presidente, 500 ₧.
Eliseo Díaz Anllo, vicepresidente, 500 ₧.
José Manuel Cacharrón López, secretario, 250 ₧.
Manuel García Olano, contador, 250 ₧.
Francisco Basanta, tesoureiro, 250 ₧.
Antonio Fraiz Vizoso, vocal, 125 ₧.
Manuel Pardo Villarino, vocal, 500 ₧.
En total, 2.625 ₧.
O señor García Olano, ademais, pagou do seu pecunio particular a cantidade de 150 ₧ dos xornais do desmonte e acondicionamento da fronte do solar.
A comisión de festas de 1920 fixo entrega do sobrante dos festexos, 153,55 ₧, para as obras do hospital asilo.
Acórdase organizar unha festa da flor e unha tómbola para recadar fondos no próximo San Ramón. Segundo se desprende da acta do mes de setembro a festa logrou recadar 1.036 ₧ e nela participaron as seguintes señoritas: Carmen Chao, Rosario Casón, María Teresa Bouza, Delia Ramudo, Natalia Eimil, Raquel Soto, María González, Laura Tomé, Dolores Prieto, María Carballeira, Luísa Rego, Regina López, Dolores Seco, Manuela Somoza, María Criado e Antonia López.

Comisión Executiva de 10 de outubro. Cómpranse cristais, masilla, pintura... na ferraxería de Vicente Ramudo. As portas e ventás estaban acabadas.

Comisión Executiva de 30 de outubro. Mércase madeira de pinotea para escaleiras, piso e faio. Faise o pedido á casa Cervigón da Coruña por facer unha bonificación do 10%.

Comisión Executiva de 31 de decembro. Apróbanse as contas de 1924 que ofrecen un saldo positivo de 3.705,53 ₧.
O Hospital asilo de Vilalba (22)
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES