Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O tic-tac de Europa

miércoles, 25 de febrero de 2015
O reloxo tampouco vai deterse para a Unión Europea (UE). Xa nos ocupamos dela noutras colaboracións. E tamén da súa impropiamente chamada “constitución”. E aínda que non se nos ocorre pensar que temos competencia para emitir xuízos críticos acerca de cuestións de tamaña envergadura, creo que lexitimados para ofrecer as propias opinións á respectable reflexión dos lectores, si o estamos.

Penso que non é mester dedicar moito tempo a observar a dinámica da UE para darse conta de que está non só atravesando unha crise económica e social, senón tamén política e ética, que desencadean unha falta de liderado político; pero, ata agora, non parece que comprometa demasiado o seu poder económico, que aquí si ten certas competencias definidas.

Non obstante, o feito de que no seu seo as elites carguen as tintas nas cuestións económicas, fai indiscutible que a atmosfera que se respira é a propia do neoliberalismo. E isto ten consecuencias: Os Estados que a integran deveñen acredores especulativos, por esa socialización das perdas de entidades privadas, saneadas con diñeiro público, é dicir, dos cidadáns. Desta maneira, as reaccións nos países afectados coas medidas económicas, ou máis afectados, non se deixan esperar.

Consecutiva a esta política económica é o incremento da pobreza e a desintegración moral dun elevado sector da poboación, individual, familiar e socialmente, que debía de pulsar non só os resortes sentimentais dos responsables políticos (se é que están para algo), senón tamén os seus recursos intelectuais, porque teñen abondo documentado que o 10% dos fogares europeos posúen a metade da riqueza de Europa. Unha vergoña...!, pola falta dunha regularidade financeira adecuada.

Na revista dixital da Universidade de Comillas, “Tendencias21”, tomo algúns datos verdadeiramente preocupantes, como os derivados dun informe do banco privado Julius Baer, suízo, correspondente ao ano 2013, que revela que a riqueza europea superou OS NIVEIS ANTERIORES Á CRISE nun 1,70%, máis que o ano anterior. Os países máis favorecidos foron Alemaña, Reino Unido, Francia e Italia.

Aquí encontro tamén as riquezas medias por adulto e ano. Son as seguintes: En España, 92.300 euros; en Grecia, 58.900; en Luxemburgo e Suíza, 394.600. e a MEDIA DE EUROPA, 167.100 €.

Pero a pobreza trae consigo outras serias consecuencias: Pode afectar a “memoria de traballo” dos nenos, segundo unha documentada investigación. E anoto tamén que esta memoria é a que se encarga dos procesos de almacenamento e xestión da información. (Busquen en Internet polo nome de Michelle Tine, profesora no Colexio Dartmouth, universidade privada, en Hanover, Hampshire, EE.UU.).

Outro estudo nas universidades de Princenton e Cambridge, informan que as persoas pobres perden habilidades cognitivas e poden experimentar cambios mentais, precisamente cando teñen que soportar problemas económicos e loitar polo sustento familiar.

Por conseguinte, é evidente que, se as medidas económicas da UE xeran sistematicamente un sector incrementado de pobreza, poden levar a unha situación moi preocupante: Crear un número considerable de cidadáns con dificultades para superarse culturalmente, que sería tanto como promover unha dependencia intelectual, sobre todo tendo en conta a insensibilidade moral que tamén está en crise de ausencia.

Pero, a todo isto, poderíamos engadir as parsimonias, indiferenzas e falta de receptividade, intencionadas ou non, de carácter político, que tamén arrastran consecuencias imprevistas. A comodidade, a rutina e o inmobilismo nas funcións gobernativas e institucionais, volve opacas realidades aletargadas na conciencia colectiva dos pobos, que antes, ou despois, afloran con inusitada impetuosidade. E tamén descoñecer que nas sociedades de racionalidade tecnolóxica o único permanente é o cambio, trae consigo as premas de última hora, nas que se toman as decisións – cando xa hai desasosego causado polo inesperado – irreflexiva e irresponsablemente.

Acaso, nestas liñas de imprevisión, conta a UE. coas medidas a aplicar nos casos de contendas bélicas ou situacións de integración nacional, que poidan producirse nos Estados Membros?. Se nas negociacións de paz en Ucraína interviñeron a señora Merkel e Hollande, ¿que papel lle corresponde á UE?. Impoñer sancións económicas a Rusia habilmente suxeridas por EE.UU. ...?!. E nesta leira do económico, se, por exemplo, se produce unha crise de sobreprodución, como estimularía o consumo, no marco dunha austeridade imposta, por esixencias dos poderes financeiros?.

Hai tamén problemas que non se resolven co optimismo de máis tecnoloxía, agrávanse, sobre todo cando o incremento dela responde a razóns mercantís. Como di un autor: “Mentres que nosoutros dominamos a natureza a través de procesos produtivos, a tecnoloxía víngase de nosoutros impoñendo unhas condicións particulares: Se non aceptamos esas regras de xogo, nada funcionará”. Os teléfonos móbiles e compañeiros da viaxe tecnolóxica necesitan cobertura dunha infraestrutura adecuada, e a celeridade informativa está rifada coas parsimonias da xestión política: Hai que chegar a tempo e na ocasión propicia...!.

Eu tampouco entendo como tan sequera se pode pensar na posible saída de Grecia da zona euro (recorden á señora Merkel no caso grego), habendo un parágrafo 3, do art. 140 do Tratado da Unión Europea, no que se prescribe que a pertenza ó euro é irrevogable.

Empezando por saltarse á toureira os preceptos legais, cando teñen pleno vigor, algo desgraciadamente moi frecuente nestes tempos (lembren, se non, as contendas pendentes nos xulgados), mal se poden manter os liderados, nin nos estados membros, nin na UE.: Sementar desconfianzas e fomentar incerteza ten un prezo.

Non deberían esquecer as elites do poder político e económico que estas anárquicas situacións, cun aparato burocrático pouco áxil e demasiado complexo e ineficaz, favorecen a emerxencia e reactivación da dinámica intrínseca e espontánea das sociedades, derrubando o válido e substituíndo o corrixible por produtos ideolóxicos de sustento populista, sen que, a mesma reacción, explicable e xustificable en canto resposta a inacción (e aquí falla o principio físico), ofreza garantías de acerto e oportunidade.

Pero corresponde a realidade comprensible que haxa empeños en introducir elementos correctores, e incluso cambios estruturais, nos mercados financeiros, exacerbados pola incompetencia que arrastran as actitudes arrogantes e soberbias no ámbito de certos poderes fácticos, e a ineficacia e corrupción política.

Non obstante, o cidadán tamén debe estar advertido de que “corrixir”, incluso drasticamente, non é o mesmo que introducir substitucións descontextualizadas, que adoitan levar ao illamento e, non poucas veces, á pobreza estrema aos países. Venezuela é un exemplo de laboratorio!!!.
Se a UE non se conciencia de que tamén para ela hai un tic-tac, que marca os tempos, non me estrañaría que todo terminara como a Torre de Babel, aínda que aquí a confusión non sería das linguas, senón do estrondo producido polo derrube do mesmo Estado de Benestar e o afundimento das bases que sustentan o enorme caudal cultural europeo, xa escasamente potenciado no Tratado de Lisboa.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES