Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As debilidades da cultura mediática

miércoles, 25 de febrero de 2015
O caso das caricaturas da revista francesa "Charlie Hebdo" e do brutal atentado yihadista puxo ó descuberto as enormes contradicións da chamada cultura mediática global. Os efectos da información mundial ó instante foron enormes: conmoción colectiva a gran escala, efecto de imitación masiva con reaccións extremas en calquera sentido, uns cos redactores de "Charlie", outros contra as caricaturas de "Charlie" e outros con reaccións de extrema violencia. Quezas máis inadvertida pasou a reacción reflexiva de non adherirse plenamente nin a Charlie nin os yihadistas. Ambas opcións tiñan o seu lado escuro, aínda que o brutal atentado non garda proporción algunha coa publicación dunhas caricaturas. O mesmo volveu a ocorrer co último atentado en Dinamarca.

Falando da información mundial en xeral, de ningún modo se trata de suprimila senón de moldear a linguaxe mostrando todas as caras das perspectivas existentes. A liberdade de expresión é un gran valor ó servizo da verdade, mais non absoluto. Un valor que hai que cuidar ó máximo para que non se degrade. Un límite claro está no respecto a todos os demais próximos ou afastados, máxime cando se trata de grandes colectivos e de valores considerados como sagrados nos que as identidades afectivas priman sobre a razón.

Na democracia, que por principio ten que estar aberta a toda clase de informacións, hai tendencia a ser flexibles e tolerantes cos rumores e coas medias verdades, a ter unhas lexislacións ambiguas que se interpretan de forma frouxa para cumprilas a medias. A democracia mediática, para que non se degrade, ten que ter un dos seus piares nunha información integral e veraz. Nunha situación de crise e conflitos o primeiro que se degrada baixo mil subterfuxios é a información de masas.

A liberdade de expresión pode morrer de éxito, saturando o seu espazo mediático de noticias e interpretacións tendenciosas que vaian minando a credibilidade colectiva da poboación. Cantos discursos políticos caen agora no baleiro, aínda que sexan ben formulados e intencionados? Cantos votos están emigrando neste intre ó eido da sospeita, da inquedanza, da indiferencia? A conciencia colectiva da opinión pública é algo moi complexo que, aínda que reaccione lentamente, non poderá ser domesticada polos discursos mediáticos.

Está no bo camiño a cultura mediática occidental? En teoría si, mais na práctica deixa moito que desexar. O principio de veracidade non sempre se respecta escrupulosamente, a xerarquía de valores non sempre está clara e os seus excesos e contradicións poden afogar a credibilidade colectiva de grandes capas de poboación. Corruptio optimi pessima, dicían xa os latinos, a corrupción do mellor é a peor de todas. A cultura mediática ó estilo occidental é o futuro da sociedade global, mais se ese instrumento se degrada, un mal futuro nos espera.

Ó lado da saturación está tamén o silencio, os silencios interesados que constrúen toda unha trama de esquecementos inxustos, de desvíos planeados da atención, de intereses ás veces inconfesables. A actual cultura de masas ten, entre outros, eses dous grandes retos esenciais: eliminar os ruídos da saturación e escudriñar os silencios de intereses pervertidos.

(Xenaro Pérez López é sociólogo).
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES