Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Portomarín: Anacos da súa historia'

miércoles, 25 de febrero de 2015
É un libro que, impreso por Grafic-Lugo, Depósito legal LU 69-2013, intenta adentrarse no coñecemento dalgúns temas de interese 'Portomarín: Anacos da súa historia'fundamentalmente para as xentes da antiga vila de Portomarín, sen pretender un estudo cronolóxico rigoroso da súa rica historia, senón, como o seu título indica, anacos da mesma.

O libro comeza salientando a vida e a cultura dos nosos antepasados primitivos: os homes do Neolítico que descubriron a agricultura e construíron en honra ós seus mortos “mámoas ou medorras” en varios puntos das parroquias de Portomarín e do Camiño de Santiago.

Continúa coa implantación da cultura castrexa e co tipo específico do seu asentamento, o castro, de onde deriva a denominación xenérica desta etapa. Faise asemade unha pequena relación destas construcións e dos lugares onde se asentaban, destacando que as xentes que as habitaban dedicábanse á agricultura , á gandería, á caza , á pesca e á minería, mantendo intercambios comerciais de diferente rango. Levarían unha vida relativamente pacífica, pero coa incorporación de Galicia ao Imperio Romano as cousas cambiaron.

Saliéntase a importancia que os romanos concederon ao establecemento dunha rede viaria que puxera en comunicación distintos núcleos de poboación urbanos e rurais, para dar saída aos produtos, en especial aos extraídos das explotacións mineiras; cítanse tamén os camiños máis antigos que unían distintas localidades de dentro e fora de Portomarín, recordados pola memoria das persoas maiores da vila.

Noutras páxinas faise referencia á perda da estabilidade política e social do Imperio Romano e á entrada no noso territorio doutros pobos: os suevos, os visigodos e os árabes, e destácase que neste intervalo de tempo aumentaron as comunidades cristiáns presididas por un bispo, e comezan a estabilizarse as primeiras igrexas rurais presididas por presbíteros.

Portomarín conserva o recordo da breve estancia dos musulmáns no solar galego: “segundo a tradición, as hostes de Alfonso II (791 - 842) “el Casto” derrotaron ás tropas de Abdelkierín no inmediato lugar de Narón, despois dunha cruenta batalla, no ano 813”.

O libro continúa con referencias aos primeiros reis asturiano-leoneses que inician a Reconquista e cómo se vai deliñando un constante trasfego da riqueza agraria a favor da nobreza, sexa laica ou eclesiástica, ata chegar ao século XIX, con períodos intermedios doutras contendas que tamén se relatan.
Xurde así un capítulo referido ás xurisdicións, coutos e señoríos, no ámbito territorial do concello de Portomarín (ano 1753), e incídese nos privilexios dos señores ó tempo que se inicia o estudo para o coñecemento da organización do territorio, partindo das parroquias, xa que foron estas o marco de referencia territorial máis definitivo e consolidado desde a Idade Media ata os nosos días.

Realízase logo un percorrido por todas as parroquias do Concello, especificando as rendas que en cada unha pagaban os labregos a quen eran os seus donos e señores. Este itinerario histórico a través das freguesías do actual concello de Portomarín permítenos visualizar as xurisdicións e coutos en que estaba torado o seu territorio.

Enlazando co capítulo que se termina de resumir aparece outro que se titula “Portomarín: Da organización en xurisdicións, coutos e señoríos á configuración dos novos concellos” Nel especifícase que nos finais do Antigo Réxime (antes da Constitución de Cádiz de 1812), o Goberno de Galicia estendíase a sete cidades, 101 vilas, 665 xurisdicións, 496 coutos ou pequenos señoríos e 3.652 parroquias; e que o fronte das xurisdicións encontrábanse xuíces particulares nomeados polos bispos, por grandes títulos e cabaleiros particulares e por algunhas comunidades. Dise tamén que ata o segundo terzo do século XIX, as terras de Galicia e as do contorno de Portomarín estiveron organizadas, ou mais ben desfeitas, en xurisdicións e coutos señoriais. Cítanse asemade as xurisdicións e coutos señoriais que había na provincia de Lugo en 4-4-1834, así coma o número de parroquias que comprendía cada xurisdición.

Neste capítulo sinálanse os primeiros concellos que con carácter xeral se establecen na provincia de Lugo de acordo co soberano decreto de 23 de xullo de 1835. Desaparece aquí por primeira vez a mención á organización territorial en xurisdicións e coutos señoriais, aínda que estes primeiros concellos xorden condicionados polas xurisdicións do Antigo Réxime. Para corrixir esas irregularidades, no ano 1840, faise unha nova organización do territorio máis racional; suprímense os concellos de 1835 e créanse definitivamente os actuais co seu correspondente número de parroquias. Os pormenores deste proceso poderá comprobalos o lector con máis detalle se ten a paciencia de analizar as páxinas do libro que estamos a comentar.

Por outra banda, esta publicación, no ánimo de ir analizando os anacos máis relevantes da historia de Portomarín, non debía deixar de facer unha referencia especial as súas “pontes e feiras”.

¿Qué sería a vila de Portomarín sen as súas pontes, as súas feiras, os mercados medievais e o Camiño de Santiago? Sería unha vila pobre sen a puxanza económica e cultural que ten na actualidade.

Ben é verdade que a arteria fluvial - o río Miño - proporcionoulle gran beleza, paz sosegada, abundancia de salmóns, troitas , peixes e anguías. Mais supúxolle tamén unha barreira natural que impediu a libre e cómoda circulación de persoas, de animais e de todo tipo de mercadorías durante moitos séculos ata que, por fin, se construíu a gran ponte romana.

Nas seguintes páxinas relátanse a data aproximada de construción, as súas características, a destrución da mesma ponte pola raíña dona Urraca, a súa reconstrución por Pedro Peregrino en 1126, o cobro de portádego por cada cabalería ou res que a transita, etc. Fai referencia igualmente ao derrubamento definitivo desta gran ponte, ocorrido o día 8 de febreiro de 1895, e a gran desolación e incomunicación que sofren os veciños da vila de Portomarín xunto cos do seu entorno por tan grande perda.

Portomarín desde aquela data queda illada ata que en 1930 se constrúe a segunda ponte, a que por primeira vez permite acercar os automóbiles á súa vila, aínda que, tristemente, esta vai ter unha curta vida porque en 1963 queda asolagada polas augas do encoro de Belesar. Por esa circunstancia houbo que construír unha terceira ponte, a que disfrutan na actualidade as xentes da nova vila de Portomarín, que ademais serve de nexo entre Sarria, Paradela, Taboada, Monterroso, Guntín e Lugo.

Polo que atinxe ás feiras e mercados hai que dicir que Portomarín como vila antiga dispuxo desde a Idade Media dun mercado semanal na súa praza semiporticada, emprazada no corazón da vila, e dun mercado anual, o de San Brais, o día 3 de febreiro, que polo seu prestixio e antigüidade termina adquirindo categoría de gran feira anual. A ela acudían os maragatos a vender as súas mercadorías e levar anguías salgadas e outros produtos típicos das nosas terras. Esta feira foi tan famosa que xa a citan o Licenciado Molina no século XVI e Lucas Labrada a principios do XIX. En Portomarín creáronse tamén outras dúas feiras máis tardías: unha na carballeira de Santa María de Gonzar, o día 2 de xuño de 1874, e outra, a da propia vila, que se inaugura o día 9 de abril de 1938.

“PORTOMARÍN: ANACOS DA SÚA HISTORIA”, non debía deixar de dedicar unhas páxinas a Encomenda de Portomarín, institución de carácter relixioso que gozou dun gran protagonismo durante longos anos na vida das xentes de Portomarín e nas do seu contorno.

No libro dise que ben se podería afirmar que Portomarín sen a ponte romana, o Camiño de Santiago e a Encomenda sería unha vila sen o atractivo señorial, económico, social e cultural que goza na actualidade.

A ponte, de valor incalculable, facilitoulle durante cerca de mil anos a comunicación entre os pobos. O Camiño de Santiago abriu á vila ó mundo cultural e espiritual e a Encomenda foi a partir do século XII, e ata o segundo terzo de XIX, a institución que se enraizou con máis forza na vila, estendendo a súa área de influenza a outros pobos de dentro e fora da provincia. O lector poderá comprobar nas páxinas do libro as súas áreas de influenza, os seus dominios e as rendas que cobraba así coma os seus orixes e as doazóns reais que foi recibindo ata facerse dona e señora de grandes xurisdicións e prerrogativas.

A ponte foi tan importante e aglutinadora que Portomarín desde os primeiros anos da Idade Media, era coñecida co nome de Ponte Minei (Ponte do Miño). Sen dúbida o río Miño e a ponte compartían liderato nesta denominación. Mais, nestes últimos tempos os estudosos do nome dos pobos achegan unha interpretación do topónimo Portomarín máis acorde coa historia da vila e coas súas orixes. Así, afírmase que aínda que modernamente a palabra porto se asocia co significado de obra artificial onde se abeiran os barcos, non é este o concepto orixinal do vocábulo que, proveniente do latín portu, equivale primeiro a un paso estreito entre montañas, a un paso entre o mar á terra a través dun entrante natural da costa ou ó lugar por onde se podía atravesar un río grazas as favorables condicións de profundidade, etc.

Esta última acepción é a que convén a Portomarín, o coñecido lugar da provincia de Lugo que, situado na ribeira do Miño en pleno Camiño de Santiago, sinala un dos numerosos portos ou pasos fluviais que tiñan que salvar os peregrinos no seu percorrido.

En canto a Marín, a segunda parte do étimo, cremos que nada ten que ver co mar e si co nome persoal Marini, xenitivo latino do antigo dono/ posesor do lugar e mesmo do estratéxico paso. No libro faise un pequeno percorrido cronolóxico, a través da análise de documentos, que pode darnos algunhas luces máis acerca da evolución do topónimo Portomarín.

O libro destaca o valor do río Miño como despensa de pesca para a xente da vila de Portomarín ata a construción do encoro de Belesar en 1963; a presenza dos Cabaleiros da Orde de San Xoán que foron os grandes beneficiarios de doazóns reais e de particulares, converténdose os seus comendadores en donos e señores non só da vila de Portomarín, senón doutras moitas terras, sen esquecer que no ámbito xeográfico de Paradela e Portomarín asentáronse tamén os Cabaleiros da Orde de Santiago.

No seu apéndice faise referencia, por medio dun mapa, ó ámbito xeográfico da Encomenda de Portomarín; aos documentos de doazóns reais, e de concesión de foro á vila de Portomarín pola Orde de Sa Xoán no ano 1212.

Reprodúcense escudos e inscricións de interese histórico e termínase cunha serie de fotografías da antiga e nova vila de Portomarín.

E, por último, en tres páxinas encontrará o lector a bibliografía máis importante que o autor empregou para a escritura do libro “Portomarín: Anacos da súa Historia”.

(Ángel Fernández López éo autor de "Portomarín: Anacos da súa historia").
Fernández López, Ángel
Fernández López, Ángel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES