Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Claudio Movilla, xuiz da liberdade

lunes, 23 de febrero de 2015
Castro Caldelas ten na súa historia dous fitos que a vencellan á lingua galega. Un é o Foral do Burgo da vila, primeiro documento notarial redactado en lingua galega de 1228, e o segundo, protagonizado por un xuíz caldelao, Claudio Movilla Álvarez, que é o autor da primeira sentenza da idade contemporánea publicada no noso idioma en 1985.

Coñecín a Claudio Movilla na década dos anos setenta nalgunhas das reunións que se celebraban para artellar unha alternativa á ditadura franquista.

Representaba a Xustiza Democrática, unha asociación clandestina formada por xuíces, fiscais e secretarios xudiciais que tiña como obxectivo democratizar a organización da xustiza. Axiña xurdeu unha amizade entre nós que había durar deica o seu pasamento que aconteceu sendo maxistrado do Tribunal Supremo.

Soubo resolver as contradicións de conciliar a clandestinidade dos labores de oposición a un réxime xa en decadencia coas esixencias da función xudicial que lle provocaban,como el dicía, certa esquizofrenia.

A honestidade e lucidez das súas ideas quedaron refletidas nos centos de artigos que publicou en diversos medios de comunicación. Non se lle esgallou a pluma cando condenou o GAL, unha organización criminal creada desde os sumidoiros do Estado, ou a lei Corcuera que violaba os dereitos fundamentais das persoas, e os conseguintes desmáns das actuacións policiais. Claudio, como lembra un amigo seu da carreira xudicial, convertérase nun xuíz independente, sen doada acomodación ao Poder. Era consciente de que nun Estado Constitucional de Dereito o principio de independencia dos xuíces ten un profundo valor democrático, e neste sentido orientou sempre o seu labor profesional. Por estas virtudes deixou unha forte pegada en Cantabria e Andalucía onde foi presidente dos seus tribunais superiores de xustiza.

Colaborou activamente coa Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingúística para impulsar o uso do galego nas administracións públicas. Desa relación xurdeu a idea de publicar o 25 de marzo de 1985 a primeira sentenza en lingua galega, que foi o sinal para o comenzo dun movemento regaleguizador das administracións de xustiza e usos xurídicos, que había cristalizar anos despois coa Irmandade Xurídica Galega.

Claudio Movilla foi, en atinada definición dun compañeiro seu de xudicatura, Perfecto Andrés Ibañez, un xurista comprometido que profesou e practicou con paixón a máis notable forma de entender a orde xurídica. Como garantía de espazos de liberdade e como dique e resposta aos malos usos do poder. O seu exemplo tráeme a memoria do seu amigo o xuíz Moreiras, que en 1975 aconselloume fuxir do xulgado e ditar unha orde de busca e captura antes que privarme da liberdade que a lexislación represiva da ditadura franquista me negaba.

Xuíces da liberdade. Por esta razón o Concello de Castro Caldelas o próximo mes de marzo renderalle a Claudio Movilla unha homenaxe a súa memoria e exemplo.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES