Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Felipe Arias, Chairego de Honra

sábado, 21 de febrero de 2015
Falo no nome e representación dunha filla moi querida de Felipe: A Asociación de Amigos do Castro de Viladonga. Non sei se se dan conta da responsabilidade que iso significa. Falar en nome dunha filla sen sequera ser xenro! Falar en nome dunha Asociación con tan ampla traxectoria e con anteriores presidentes e membros asociados moitísimo máis autorizados ca min para faceren uso da palabra. Mellor non pensalo e tirar para diante confiando na benevolencia de quen escoita e nas desculpas de a quen se representa.

En calquera caso, aínda que todo o demais que fun escribindo non puidese dicirse en voz alta, quixera que resoase con claridade que teño a convicción de que os membros da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga adherímonos e sentimos profunda satisfacción por este acto e por cantos poidan significar recoñecemento e gratitude ó labor e á traxectoria de Felipe.

Agora, se me desculpan, paso a falar dalgunha experiencia persoal, nun certo desexo de transcender o particular e inmediato a remontarme a categorías un pouco máis colectivas.

Hai moitos ano que tiven a sorte de coñecer a Felipe e de sentir por el unha admiración que foi medrando pouco a pouco e que aínda non está esgotada.

Se Felipe non me fixese desde os primeiros momentos o agasallo de honrarme coa súa amizade eu non podería estar agora ocupando este lugar a carón del, porque ousar facelo sería una gran insensatez e unha non pequena temeridade.

Sería poñer en evidencia a grandísima diferenza de talla. Faría falla estar tolo para arrimarme en público a un xigante. Pero foi el quen, coma quen non quere a cousa, coa discreción e sinxeleza que o caracteriza, me upou coma se me collese no seu colo.

Entendo que esta experiencia miña persoal é unha experiencia compartida e polo mesmo, definitoria de Felipe; xa que unha das súas características é valorar aos demais e poñer en valor persoas e cousas, coleccionando amizades vivas antes ca pezas arqueolóxicas ás que tamén lles dá vida e palabra. Son moi abondosas as testemuñas neste senso como quedou ben patente nas intervencións na homenaxe que se lle rendeu a el e a Mariché con motivo da xubilación de ambos.

Dese labor de mestre que ensina a valorar o noso e, consecuentemente, a valorarnos a nós mesmos, xa se tén falado moito. Un dos últimos que o fixo foi Alfonso Blanco en El Progreso do 10 deste mes de febreiro. E ben seguro que tamén hoxe falarán outros con meirande propiedade ca min. Non quero desvirtuar as súas palabras coas miñas divagacións imprecisas nin roubar tempo a voces máis autorizadas.

Permítanme que faga referencia a outra experiencia. Algo que me axudou tamén moito a sentilo máis preto foi cando me dixo que tiña raíces na Terra Chá por ser chairega unha das súas aboas. Sen dicilo en alto, aquilo levoume a pensar: “Ai, logo, se cadra, ata somos parentes e todo”. Non me puxen a investigar por medo a que non resultase certo. Prefiro seguir pensando que, se cadra, é certo, e así, podo seguir sentíndoo como da familia.

Se non fose por Felipe e os seus moitos e moi cualificados colaboradores e colaboradoras o Castro de Viladonga e o seu museo serían menos do que son.
Se non fose polo Castro de Viladonga e o seu Museo a Chaira sería menos do que é.

Logo, Felipe e a súa obra, individual e conxunta, honran á Chaira. E, en consecuencia, Felipe é ben merecente de ser considerado Chairego de Honra. O que non sabería precisar é quen honra máis a quen. Se a Chaira a Felipe ou Felipe á Chaira.

O que si sei precisar, e se estou equivocado que me corrixan, é que a Asociación de Amigos do Castro de Viladonga sentimos fachenda desta homenaxe e sentímonos honrados tamén nela.

Por todo iso, graciñas á Asociación Xermolos e á Irmandade Manuel María por esta iniciativa, a todos e todas por escoitar e, sobre todo, a ti Felipe por todo o moito que xa deches e polo moito que aínda segues dando. Ti pasarás á historia como un dos que, achaiando montañas, levou as lindes da Chaira ata o mar ou dos que volveu a traer o mar ata a Chaira.

(Intervención de Xosé Manuel Carballo no acto de nomeamento de Felipe Arias Vilas como Chairego de Honra, pola Irmandade Manuel María da Terra Chá-Xermolos, no Castro de Viladonga, o 21 de febreiro de 2015).
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania