Cinsa namorada
Santalla, Iago - miércoles, 18 de febrero de 2015
Sempre pensei que é correcto lembrar o traballo dos amigos alén do tempo e máis cando estes traballos proporcionan intensas horas de praceres e reflexións. Entón, nunca é tarde para facer o retrato dun disco, sobre todo, cando é obra mestra dun amigo coma Tino Baz. Tino Baz é unha voz intensa que recorre o país espallando emocións para compartir en irmandade pero, na voz de Tino espreguízase toda unha patria de liberdade que se soña ceibe no mar da Garda. Tino compón con sal de gamela nos beizos e con man firme das que levan os temóns da vida cara os mares do porvir.
Cinsa namorada é unha gran metáfora de todo o noso ser e do seu devir polos camiños da historia. Empeza sendo unha promesa de voz firme e invencible, cantarei por moito que veña as tempestades do autoritarismo ninguén me calará. Despois é un retrato de moitas vidas como a de Xuliva ou Arminda, unha muller con pantalóns . O mar está sempre presente e co mar recorda a negra tempestade do Prestige e, dende o mar, dende a loita diaria e eterna hai tempo para o amor que durme insomne no niño das flores porque Tino é un cantor do amor, un amor que o desborda en cada verba coa poesía que o abrangue.
Tino tamén é unha fábrica de soños nos que mesmo colle o atractivo á propia morte. Esa muller que nos tenta, día a día, quizais co brillo eterno da ledicia. Con ela Tino cumpre o soño de ver pola danza das mareas un carro de bois que pousa semente de estrelas. Tino debuxa unha patria nova, unha patria posible, unha patria liberada como a praza na que se soña toda a soberanía persoal e colectiva. O pobo canta na voz de Tino que inclúe a todos os desherdados nun canto colectivo.
Con gran mestría Tino, voz de loita namorada, lévanos nun equilibrio poético polos praceres da vida e polos camiños da morte, quizais separados por unha onda salgada de mar que nos abraia. As raíces do fin son os nosos propios comezos porque eternamente seremos principio e fin, vividos na fonda identidade que nos envolve no amor. Por iso, Tino nos deixa neste disco unha auténtica filosofía vital e colectiva que nos amosa o que fomos, o que somos e o que podemos ser. Déixanos a esencia dun pobo de terra e mar que é ceibe a forza de traballo, amor e palabras.
Cinsa namorada é levar o mar contigo na voz dun merlo que modula cada onda coa policromía da palabra ata deixar no corazón o sabor salgado da liberdade. Obrigado a Tino Baz pola humanidade e polo amor de cada encontro no mar da poesía.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora