O nove de febreiro estiven na embaixada de Galicia en Madrid, presentando a novela El quijote de madera, do urólogo Francisco Javier Neira Pampín. Xa sei que Galicia non ten embaixadas, que a autonomía non da para tanto, pero dalgún xeito haberá que chamarlle á Casa de Galicia en Madrid, un palacete da rúa Casado del Alisal, que cada día acolle actos relacionados con Galicia na capital de España, no que unha seire de despachos están dispostos para que presidente, conselleiros, titulares das deputacións ou Alcaldes, celebren xuntanzas institucionais, nunha casa propia que é algo máis que unha nominal Casa de Galicia, e na que os asistentes, a institución, e ata as obras de arte que a enchen, son plenamente galegas.

Goberna a casa con man diplomática e experimentada José Ramón Ónega, escritor e político, de Mosteiro de Pol da Terra Chá, que fai que aquel recanto galego na inmensa urbe madrileña se convirta nun punto de encontro, nun lugar común para falar de Galicia, desde os seus máis diversos aspectos.
Destacan as continuas exposicións de pintores galegos que levan as súas obras a Madrid, pero tamén alí se falou hai pouco da Festa do cocido de Lalin, do Arde Lucus, a nosa gran festa romana, ou do esencial papel de toda Galicia, na Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur.
Nesta ocasión fomos presentar en Madrid a primeira obra de narrativa do urólogo santiagués asentado en Lugo desde hai décadas, Francisco Javier Neira Pampín, e unha vez máis puidemos comprobar que se aquelo non é unha embaixada, que xa sabemos que Galicia non as ten, si é unha casa de todos os galegos, e un lugar para decirlle aos capitalinos madrileños que a comunidade galega ten un punto de encontro que nos honra e enriquece, e que a goberna un destacado chairego que sabe facer patente a súa experiencia, a súa elegancia e señorío, aportando á senlleira instalación un carácter institucional que fai que todos os que ali vamos sintamos que seguimos estando en Galicia, aínda no corazón de Madrid.