Cando escoito falar con desprezo do termo "gallego" como pasou estes días co líder de PODEMOS en Uruguay, e como ten pasado con Rosa Díez e outros persoeiros públicos, venseme á cabeza o manifestó daqueles paisanos meus da Sociedade de Progreso de Lanzós na Habana aló polos anos 20.

Esta sociedade de emigrantes en América sufragou a construcción da Casa Escola Habanera na nosa parroquia no ano 1913 e como esta centos de outras sociedades ao longo da xeografía galega.
O manifestó adxunto demostra a preocupación pola cultura destes homes saídos hai cen anos do rural chairego a gañarse a vida en ultramar, pero tamén aportando aos países de acollida traballo, riqueza e mesmo integración nesas sociedades emerxentes naqueles momentos a tódolos níveis.
O manifesto dos "cubanos" de Lanzós, representativo daqueles emigrantes galegos que non esquecían aos seus e as súas orixes, deixan en evidencia a aqueles que empregan o termo "gallego" pexorativamente e demostran moita máis cultura que aqueles que nos insultan.
A lectura do manifesto tamén deixa en evidencia os recortes actuáis en educación coa escusa da crise precisamente cando máis se precisa de formación e investimento tamén en investigación para enfrentarse ao futuro. Algo que sabían estes emigrantes en1923 a pesares das moitas limitacións daqueles tempos e que parecen ignorar os actuáis gobernos.
Paga a pena leelo. A min emocioname polo que din estas xentes de Lanzós, algúns deles parentes, e me enche de fachenda a súa lección de compromiso cos seus en particular e coa cultura en xeral.