Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Polemizar ou polinizar

lunes, 16 de febrero de 2015
Con esta disxuntiva remataba a anterior colaboración en Galicia Digital dedicada á memoria da primeira sentenza en lingua galega despois de cinco séculos de proscrición oficial. Comentaba que aquel fito histórico conseguírase en 1985, sendo maxistrado relator da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña o amigo Claudio Movilla Álvarez.

Para que non haxa ningunha dúbida, son o primeiro en afirmar que os poderes públicos teñen a obriga legal de cumprir e faceren cumprir a lei, arbitrando medidas para que a igualdade entre os cidadáns sexa real e efectiva. Están obrigados a velar polos dereitos dos cidadáns establecidos polo ordenamento xurídico, e permitir o seu libre exercicio sen discrminacións de ningún tipo, entre eles os lingüístico. Demandar os seus beneficios ou non depende da vontade dos individuos.

Pódese dicir que o exemplo persoal sempre foi determinante para provocar mudanzas ou crear escola. Tal aconteceu con moitos fitos históricos, mesmo de gran transcendentalidade, que non sempre foron precedidos por grandes acontecementos. Poden ter explicacións moito máis sinxelas. Unha amable conversa de amigos que compartiamos complicidades fixo posible rachar co secular maleficio que aqueixaba ao noso idioma. No canto de facermos estrondosos pronunciamentos, daquela optaramos por outros procedementos. Os mesmos que utilizamos para que os diarios oficiais da Xunta de Galicia e do Parlamento deixasen de ser editados a dobre columna, en castelán e en galego, modelo que non contribuía á alfabetización lingüística das funcionarias e funcionarios públicos.

Cando se estude o proceso de normalización lingüística dos últimos trinta anos, os historiadores que o fagan, terán que reparar por forza, se non queren errar nas súas conclusións, nas estratexias utilizadas polos distintos movementos que traballaron na restauración lingüística. Utilizar únicamente as crónicas que fan alusión ás reivindicacións públicas, máis ou menos acentuadas, é obviar aquelas manifestacións que responderon á oferta positiva, traballos desa natureza non ofrecerían conclusións rigorosas.

Ultimamente tense falado e escrito moito sobre a perda de galegofalantes e espazos sociais da lingua galega. Facer a transferencia da responsabilidade persoal á institucional pode agochar a falta de autenticidade do discurso na defensa da identidade en moitas persoas que, sen embargo, cohabitan con outras en formacións sociais e políticas de diverso signo.

En boa parte o futuro da lingua galega depende do uso que se faga dela no ámbito privado, onde os poderes públicos non se poden inmiscuír. Só unha cidadanía consciente, coa autenticidade dos seus exemplos e a radical autodeterminación lingüística, pode modificar os hábitos lingüísticos contaxiando o ámbito da súa contorna social. Polinizar, mellor que polemizar.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES