Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A anomia e a xenética

viernes, 13 de febrero de 2015
Na última colaboración fixen unha referencia a ese proxecto de bebé con xenes de tres pais, froito do amaño da enxeñaría xenética, que deron a coñecer os medios estes días. Algúns amigos, cos que tiven a ocasión de falar sobre isto, formularon unha serie de cuestións de orden moral e xurídico, que se escapan a miña modesta competencia. Non obstante, vou atreverme a escribir algo acerca deste problema, precisamente antes de que arrefríe a cousa.

Hailles proxectos moi interesantes que non presentan grandes dificultades para subsumilos no ámbito xurídico e moral, incluso a mesma humanidade fixo uso xa hai milenios de prácticas que conducen a unha manipulación no organismo dos animais e dos humanos: Lembremos que se castran os touros para que se adapten mellor as esixencias do uso que o home quere facer deles, e tamén ocorreu o mesmo coas persoas humanas, como é o caso dos eunucos.

Quero recordar que noutra colaboración aludía o posible retorno dos neandertales, mediante a proposta dun profesor da Universidade de Havard, George Church, de implantar ADN reconstruído deste antepasado noso nun óvulo dunha das varias mulleres que xa están dispostas a ser madres de aluguer. E fálase, incluso, da produción de superhumanos, e, por suposto, dos arranxos xenéticos para previr enfermidades. A propósito, acabo de informarme de que está en marcha unha investigación en EE.UU. encamiñada a descubrir un medio de curar o cancro, intuído dun estudio en millares de xenomas humanos.

Non obstante, hai que ter presente que da aplicación desta enxeñaría, como de calquera outra, sempre se derivan consecuencias que agora consideramos negativas; pero tamén as hai que xa se ven como positivas. Por exemplo, a produción dun neandertal pode axudarnos a resolver un problema que trae de coroa a psicólogos, filósofos, teólogos e neurocientíficos: Determinar como emerxeu a conciencia no homo sapiens, estudando, comparativamente, o seu cerebro e o do neandertal.

Todo o dito é unha sinxela introdución ó que hoxe quixera abordar: A anomia, ou falta de regulación, en xeral nas innovacións que se producen nas sociedades actuais, particularmente na leira da enxeñaría xenética. E aínda que adoitamos aventurar xuízos sobre esta temática, sería ben reflexionar antes de arriscarse a facelo.

As innovacións introducen novidades que, en canto tales, non nos resultan nada familiares e, como é lóxico, sorpréndennos e admírannos pola súa estrañeza, e incluso asústannos; pero, imperceptiblemente, van penetrando na sociedade dunha maneira inevitable, ata que esixen unha apropiada regulación que empeza cautelosamente, case sempre previo o asesoramento dun comité de expertos, que, sen poñer en dúbida a súa elevada e rigorosa preparación, soen pelexar cos seus prexuízos ideolóxicos e non soltan a corda á présa. Isto explica a lentitude e insuficiencia das regulacións, sen descartar as derivadas das ideoloxías dos gobernantes.

Como xa explicamos noutro artigo, a anomia é un concepto cuxa semántica pode ser, ademais, enfocada dende a socioloxía, a psicoloxía e mesmo dende a ecoloxía. En todo caso, non podemos perder de vista que a dinámica das sociedades actuais, impulsada, entre outros factores, polos logros científicos, en algún campo, como a microbioloxía, a neurociencia, a física nuclear, a mesma astrofísica e a medicina, abren espazos anómicos de tal importancia que poden por en perigo moitos proxectos que, aínda que na investigación científica representen unha correcta realización, a ética, a normativa legal e a mesma xurisprudencia, seguen a poñerlles atrancos, sen desbotar que non sexan moralmente prudentes e xuridicamente precautorios.

Pero tal vez conveña apercibirse de que estamos nunha era tecnolóxica, que ten esixencias propias, impostas e asumidas polo home, que fan que este conceda moita máis importancia o pragmático que o teórico; dáselle prioridade a acción, ao práctico, e isto ten unha tradución social clara: hoxe a racionalidade social predominante é a tecnolóxica, que se caracteriza por buscar a eficacia e poñer o mundo, a realidade, a súa disposición, modulando as estruturas tradicionais. E desta maneira, diriximos as preocupacións ao DEBER-ESTAR, é dicir, a axustarse máis a realidade investigada, que ás normas éticas tradicionais, ó DEBE-SER, algo xeneralizado na sociedade actual.

Non obstante, no caso que desencadeou estes parágrafos, non creo que proceda facer un pronunciamento ético precipitado, e, por suposto, tampouco están previstas as solucións xurídicas que comporta esa tripe paternidade, porque quizá haxa que razoar ata onde se lle pode expropiar o dereito a ese futuro bebé á identificación do seu único pai biolóxico. En fin..., son problemas que non se presentan fáciles de resolver, rigorosa e seriamente, en breve tempo.

Como dicíamos noutro traballo, as sociedades regúlanse e ordénanse con entidades creadas polo mesmo home; pero é necesario que o sentimento social colectivo cambie de chip, introduza outras estruturas que respondan ás aceleradas esixencias científicas, e isto require dalgún tempo, malia que, como di Emilio Lamo de Espinosa, páx. 133, da súa obra “Sociedades de cultura, sociedades de ciencia”, Ed. Nobel, Oviedo, 1.996, “As sociedades modernas entronizaron o cambio e non a estabilidade, a innovación e non a repetición, como medios de adaptación”; pero, en todo caso, non poden renunciar a buscar canles a súa propia dinámica de cambio.

Supoño, pois, que teremos que ir acostumándonos a falta do “consenso moral” que impoñían as sociedades tradicionais, e ós correspondentes baleiros legais, porque a presenza da anomia en espazos específicos vennos imposta, como dixemos, pola investigación científica, aproveitando unha racionalidade tecnolóxica que non ten marcha atrás.

Pero así mesmo quero resaltar que a falta de “consenso moral” non debe de considerarse, aínda que a veces ocorre, como abandono da moral, por varias razóns; pero sobre todo por estas dúas:

1ª.- O home ten unha indiscutible dimensión ética, e non pode renunciar a ela, pois a mesma in-moralidade é a forma negativa da moralidade, e, se non fose así, habería que colgarlle o cualificativo de a-moral, que só lle convén aos animais.

2ª.- Non hai que descartar que os estudos antropolóxicos tamén experimentaron substanciosos avances, que comportan correlativos cambios nas concepcións éticas e axiolóxicas.

Isto pon nas mans do home a posibilidade de que sexa el mesmo o que cree un novo ethos ( ethos, en grego, = costume, moralidade) de vida. A enxeñaría xenética, por exemplo, cada vez que presenta un proxecto de investigación, desencadea un rosario de razoamentos éticos para buscar acomodo moral ás súas derivas, seguramente introducindo novos elementos de xuízo. Por conseguinte, enriquece a casuística poñendo a proba a SITUACIÓN dos principios éticos, non necesariamente o seu contido.

Por outra parte, aínda que aplicación dos valores éticos, nun marco pragmático, se axuste as circunstancias, non pensemos que toda acción pode ser moralmente correcta, xa que os valores non serven todos por igual. Así como a “solidariedade” debe primar nunhas condutas, non parece esixible, ou tan esixible, noutras: No pragmático, por exemplo, á “eficacia” concédeselle un papel relevante; pero non todos os vectores éticos son eficaces e imponse a selección.

Certamente, na leira da xenética hai unha certa tendencia a considerar que non necesariamente se ten que someter a vida humana a ética, senón que esta debe estar ao servizo de aquela.

Tal vez vostedes se pregunten como é posible que uns cuantos científicos armen tanta barafunda. A isto respondeu John Russll afirmando que “o enxeño dun home (é) a sabedoría de moitos”, porque o que vemos tan estraño hoxe nos logros científicos, incorporarémolo mañá ó noso patrimonio cultural, aceptándoo como normal.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES