Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Se non é certo...

jueves, 12 de febrero de 2015
Contan que os italianos adoitan dicir iso de que "se non è vero, è ben trovato", que, como vostede sabe, ben a querer dicir algo así como que, cando un feito, un sucedido ou unha anécdota está ben contada, aínda que a historia que se conte non sexa de todo certa, o pecado de falso testemuño é menos pecado.

Apoiándome nese vello teorema literario e pedindo desculpas por adiantado por se erro, voume permitir contar hoxe unha historia que se cadra non "è vera", malia que quen ma contou a min tiña relación persoal cos dous protagonistas e ademais contouma "ben trovata". Por iso, aínda a risco de "meter a pata" voulla contar igual a vostede, benquerido lector, agora que os xornais de todo o mundo se fixeron eco do falecemento dun dos dous máis coñecidos magnates de Avión.

Que a relación persoal que mantiñan ámbolos dous levaba tempo transitando por camiños moi diferentes, era algo que reproduciron durante anos tódolos medios de comunicación cando falaban deles, non sei se por simple osmose informativa ou, dito doutro xeito, por mero contaxio documental. Cousa que, de ser así, non debería sorprender moito, xa que logo, o universo enteiro das familias do mundo está ateigado de rutilantes episodios de refracción entre irmáns, que a veces non duran máis ca un suspiro mentres que outras non se recuperan nin sequera ás portas do cadalso. Cousa que tampouco sei se aconteceu porque non me chegan tan alá as influencias informativas.

Ora ben, repito, sexa ou non sexa "vera", a anécdota que a min me chegou foi así "trovata":

Disque un día atopábase un dos dous -por prudencia non desvelarei quen era quen neste episodio- nun luxoso restaurante do Distrito Federal, dispoñéndose a almorzar con outros tres comensais, cando, pouco antes de iniciar o banquete fixo tamén entrada no salón o seu irmán con outro grupo de persoas, co fin de facer o mesmo naquel mesmo comedor, pero nunha mesa algo alonxada.

No intre no que o "metre" do local acomodou ó grupo que fixera entrada en segunda instancia, dous dos compañeiros de mesa do primeiro, pedindo licencia de cortesía seica se ergueron para saudar ó segundo e ó resto de persoas que o acompañaban, departindo uns minutos de cortesía con el, o cal parece ser que cabreou tanto ó primeiro que acabou reclamando a presenza do responsable da sala para ordenarlle que retirase os dous servizos que antes ocuparan os seus atentos compañeiros de mesa, porque -disque dixo-: "…aqueles que lle dan a man ó meu irmán non comen comigo á mesa".
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES