Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fotobiografando a Otero Pedrayo

jueves, 12 de febrero de 2015
Leo e releo estes días un volume que me ten fascinado. E escribo ‘leo e releo’ pero ben podería ter escrito ‘miro e remiro’, pois o libro non é outro que, digámolo xa, o magnífico Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía (1888-1976), coasinado polos estudosos Patricia Arias Chachero e Afonso Vázquez Monxardín e esplendidamente editado pola editorial Galaxia baixo o selo da Fundación Otero Pedrayo e a colaboración da Deputación de Ourense e mais a Xunta de Galicia.

Ao longo de dous centos de páxinas percórrese a vida e a obra de quen foi un dos grandes nomes da cultura galega do pasado século. Agora ben, entre as virtudes para min máis queridas deste libro está o feito de que, nese percorrido, non só descubrimos moitas e moi interesantes noticias da peripecia singular oteriana, senón que o señor de Trasalba é a escusa para facer unha auténtica travesía pola historia cultural dun século, pois dunha maneira ou doutra non hai autor ou artista de relevo da pasada centuria que non tivese, velis nolis, relación máis ou menos estreita con Otero Pedrayo.

Por tanto, saber do xenio da rúa da Paz é tamén coñecer de Risco, de Castelao, de Blanco-Amor e de tantos outros que foron cruzando con el ao longo da súa estesa vida (oitenta e seis anos cumpridos) e informarse de xeiras comúns, que o fixeron atravesar moi diferentes réximes políticos, participar en distintos procesos históricos e viaxar por ben diversos lugares.

Arias Chachero e Vázquez Monxardín dispoñen xunto ás ducias de instantáneas e reproducións de documentos que ofrece o libro (moitas delas inéditas ou abondo descoñecidas) un relato moi informado dos diferentes períodos vitais do polígrafo, que inclúen os a infancia e primeira mocidade (1888-1904), os anos da universidade (1904-1912), o tempo de autoesculca e tenteo intelectual (1912-1921), a afirmación de Nós (1921-1929), a esperanzada angueira que desembocará na chegada da II República (1929-1936), a difícil vivencia da guerra e a posguerra e o conseguinte exilio interior (1936-1950), os anos como catedrático de Historia na Universidade de Santiago (1951-1958), a época na que, con xustiza, señoreou como Patriarca (1959-1974) e os derradeiros días (1975-1976).

Todo o que as imaxes e os textos -tan documentados como amenos- dispostos por Arias Chachero e Vázquez Monxardín van artellando compleméntase cunha moi útil “Cronobiografía” final e un clarificador ensaio de Ramón Villares titulado “O autor de Solovio”. Nel, o profesor chairego sintetiza a importancia do legado autorial e intelectual de Otero Pedrayo ao tempo que pon en relación o seu camiñar co doutros compañeiros xeracionais, un artigo este de Villares, por certo, que foi extraído do libro Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista, tamén publicado baixo os auspicios da Fundación Otero Pedrayo no 2007.

Coa escolleita pero moi significativa bibliografía final dan remate a este Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía (1888-1976) Patricia Arias Chachero e Afonso Vázquez Monxardín, a quen ten de se lles aplaudir por tan inxente traballo desenvolvido para atesourar, en premidas e celmosas páxinas, tanto e tan bo sobre o autor de Os camiños da vida e os que con el viviron días de luces e sombras.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania