Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Furtivos

jueves, 12 de febrero de 2015
Cando eu era neno, e disto xa hai un tempo, a ribeira era de todos. Lembro que, na baixamar, as veces íamos a coller algunha ameixa, mexillón, berberecho, etc... como actividade de distracción e para o noso autoconsumo exclusivo. Os que vivíamos a carón do mar tíñamos unha despensa a man da que facíamos uso colectivo. E non pasaba nada. Claro que a colleita era en xeral pequena e non había interese crematístico no asunto.
Furtivos
O problema veu cando isto converteuse en negocio, cando a ribeira pasa a ser usufruto daqueles que a sementan e que, coa correspondente expedición de carnés, fan logo a recolleita baixo a atenta mirada e control das confrarías que organizan a fiscalización do peso e posterior poxa. E eu non serei quen discuta, a estas alturas, a necesidade de poñer certo orde neste tema tal e como están as cousas.

Volvendo de novo a vista atrás direi que denantes neste campo todos eramos furtivos; collíamos e consumíamos e as especies seguían reproducíndose sen que houbera perigo de extinción. Pero os tempos foron cambiando, as ocupacións laborais en xeral minguando e as necesidades básicas perigando por mor dun estafo colectivo chamado crises o que fixo que moitos mozos e mozas víranse na necesidade de botarse á ribeira sen papeis converténdose en furtivos e creándose así unha dicotomía mercantil: a que controlan as confrarías, e a venta directa entre o furtivo e o establecemento de hostalería. E esta é a situación na que nos atopamos agora sen que haxa sobre a mesa unha proposta de solución que satisfaga ás partes.

Se a ribeira converteuse nun campo de cultivo que sementan os confrades, poderíase entender que moleste a irrupción de persoal alleo disposto a recoller indiscriminadamente o froito que outros sementaron. Ata aí todo normal. Pero a mar era de todos, era un ben comunal ca xente compartía ata que alguén decidiu poñerlle portas as parcelas do marisco e tamén as do peixe.

Son necesarias as pertinentes autorizacións, carnés. Sen papeis non hai maneira de operar. Sempre os papeis. E cales son os requisitos necesarios para obter a autorización para mariscar, para conseguir o tan desexado carné? Quen decide a quen si e a quen non e en base a que criterios? Faise a selección de mariscadores/as a traveso de entrevistas coma se fai a un aspirarante a un posto de traballo nunha empresa, ou son necesarias outras específicas condicións? Eu creo que os furtivos preferirían deixar de selo e a maioría apuntaríanse a ser depositarios dunha licenza para poder traballar na marea tal e como establece a lei na actualidade. Pode que haxa quen prefira seguir na clandestinidade, pero imaxino que serían minoría.

Traballar no mar, a bordo ou dende terra, é unha actividade dura, nada doada. O traballo é necesario para vivir e é un dereito contemplado na nosa Constitución á que, nalgúns casos, non se lle fai caso ningún.

Haberá pois que crear os canles necesarios para que esta xente obteña os papeis que lles outorguen o dereito a traballar en paz e deixen de ser furtivos. Se lles cerramos as portas é lóxico que resistan na clandestinidade como faríamos calquera de nós se tivésemos por diante fillos pequenos que alimentar e outras cargas familiares.

Quizais sexa iluso de máis, pero malia todo son dos que penso que isto do furtivismo ten solución se se pon o interese preciso para acadala. Os furtivos non son delincuentes, son ilegais porque ata o de agora ninguén os escoitou, os deixamos na estacada e xa que logo non lles quedou outra alternativa.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES