Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Guerra no Buriz

lunes, 09 de febrero de 2015
Non houbo no Buriz (Guitiriz-Lugo), que se saiba, feitos guerreiros na infausta contenda de finais dos anos trinta, pero si repercusións indirectas que pudieron ter graves consecuencias.

Chega ás miñas mans por gentileza do seu autor, o libro REPRESIÓN EN GALICIA DURANTE LA GUERRA CIVIL. VECINOS ACUSADOS DE REBELIÓN MILITAR, de Xenaro Pérez López, onde se relata cumplidamente un feito ocorrido naquela parroquia -e en altos tribunais civís e militares- en 1937, cando unha ducia de veciños se viron sometidos a un Consello de Guerra, gravísimo problema naquel tempo escuro e violento.

Xorde o problema cando, con motivo do chamado “plato único”, decretado polo Goberno para contribuir ao financiamento da Guerra, se planteaba que nun día á semana só se podese comer un plato de comida –ditosos os que podían conseguilo- e o importe do teórico segundo prato había que aportalo para a “gloriosa cruzada”.

Para artillar esa contribución, o Gobernador Civil repartía entre os concellos as cantidades a aportar, e nos concellos se distribuiría por parroquias. O entón concello de Trasparga, ao que O Buriz pertencía, adxudicou á parroquia do Buriz -en base ao criterio do Alcalde de Barrio e do Párroco- unha cantidade que os veciños estimaron excesiva, reuníndose arredor dun cento deles despois da saída da misa parroquial para reclamar pola inxustiza do reparto. A reclamación chegou a ser estimada polo concello por xusta, pero por denuncia de algúns veciños e do párroco, que non tiña moitas simpatías na parroquia, nove veciños foron acusados de rebelión militar -4 acusados e 5 encausados- nun tempo no que esa acusación podía ser causa de morte.

Grazas que outros veciños testemuñaron ao seu favor, e que os cregos da zona se pronunciaron a favor dos veciños e -na práctica- en contra do Crego do Buriz, os cargos foron finalmente sobreseídos, e todo quedou nun susto tremendo, en varios meses de cárcere, e nunha situación de medo colectivo na parroquia que o tempo foi deixando esquecer.

Setenta e sete anos despois, o autor -fillo dun dos encausados- rescata a historia do esquecemento, consegue o expedente da Causa militar seguida contra os veciños do Buriz e escribe unha crónica perfecta dun feito que na distancia pode parecer pequeno e aillado, pero é un exemplo clarísimo do clima existente naquel tempo escuro, de cómo se foi perfilando a nosa historia non escrita, de cómo funcionou o medo colectivo e a necesidade de esquecer agravios e sufrimentos para seguir vivindo, e da ignorancia que as xeneracións posteriores á Guerra tivemos e temos de innumerables acontecementos que tanto influíron en como somos e como sentimos.

Para a parroquia do Buriz, este libro é un elemento imprescindible para saber da intrahistoria que viviron nove homes que foron -son- pais e avós dos actuais veciños, algún dos que indirectamente resultan ser da miña familia.

Eu agradezo a Xenaro –amigo e lonxano parente que sinto moi preto- que me facilitase esta xoia que me axuda a entender cousas do pasado pero, de xeito especial, agradezo –como teñen que agradecerllo todos os vencellados ao tema- a súa preocupación por sacar á luz un feito do que nunca se falaba, que os máis vellos do lugar lembran entre sombras do pasado e que se en tempos contribuíu a “pacificar” inquedanzas veciñais, agora serve como exemplo de conciencia de dereitos e deberes nun tempo en que a palabra “dereito” deixou de ter significado práctico.

Quen queira saber o que pasou nesta terra pode, efectivamente, ler os grandes libros que contan os feitos relevantes da nosa historia. Pero sobre todo debe ler estes pequenos (en tamaño) grandes libros, que falan de xentes que coñecimos, de feitos que non nos deixaron coñecer, porque tamén aquí está -e de que maneira!- a esencia da memoria histórica que temos que ejercitar.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania