Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sermón de Entroido

miércoles, 11 de febrero de 2015
Bos días compañeiros,
aquí veño predicar
este ano vén quentiño
teño moito que falar.

Non quería vir
porque xa estou un pouco vello
pero, se non vos din as cousas
non botades o aparello.

Empezo polos periodistas
que non saen da televisión,
falan, falan e falan
e todo é desinformación.

Sigo polos políticos,
non se sabe cal minte máis
soamente é virídica
a súa foto nos xornais.

O noso pobo ten fame,
a xente pasa necesidade
mentres estes señoritos
cóbrense de vanidade.

Fálanche moi ben,
con verbas que nunca tal vira,
de cada verba que pronuncian
tres son mentira.

Falareivos da sanidade
que era universal,
agora queren convertela
no privilexio do capital.

Seguirei coa educación,
sempre cambiando de modelo,
agora estudan os ricos
para aos pobres tomarlles o pelo.

Isto da educación
non vos é cousa menor
que non hai máis regalía
que un fillo sabedor.

Temos que saber
temos que ser xente
e defender os nosos dereitos
desa pandilla indecente.

E falando de pandilla,
seguirei o meu compás,
non podo deixar fora
ao pequeno Nicolás.

Évos un rapaz
moi moi intelixente
e polo xeito das verbas
parece que non mente.

Ten un aire altivo
un non sei que de escalador
e un don de xentes
que che parece un valedor.

E a moitos valeulles
unha boa tempada
ata que lle deron as costas
para que non os pillaran na allada.

E non me esquezo
que temos uns reis novos,
que terán unha nova irmá
para repartir os ovos.

Non me quero meter
moito coa monarquía
por se volve o feudo
e me leva ás maquías.

Pero a verdade vos direi
moita rabia me dá a min
ver ceibe e voando
ao paxaro de Urdangarín.

Por moito que nos convenzan
tanto rateiro mangando,
este país non se mantén,
nin que se poña un santo ao mando.

Tamén me van oír
os señores banqueiros
por deixar á xente na rúa
e ter os pisos baleiros.

Escasea neste mundo,
sobre todo, a humanidade,
manda o deus diñeiro,
acabouse a dignidade.

Mais berrou Curros
un día pola unión!
E cando berramos nós
témblanlles os pantalóns.

Pois que se acostumen!,
moito lles queda que temblar,
pois xa se finiquitou
aquel tempo de calar.

Eu véñovos falar
porque vós me escoitades
pero de nada valerá
se non vos levantades.

Aínda ha ser peor
que volo tomarán a risa
calquer día déixanvos
sen as mangas da camisa.

E sei que é Entroido,
eu tamén veño disfrazado
mais o mércores non retirarei
unha miga do falado.

Por falar do Entroido
falarei de festa comunal
en Santiago de Arriba
haivos unha troula fenomenal.

Non perdamos o ánimo,
aí vén o Entroidiño
xa podemos falar mal
sen molestar ao caciquiño.

Mais esta xentiña
sabe que non minto,
algún co que leva comido
non lle dá abrochado o cinto.

E neste país
todos disimulamos ben
pero parvos non somos,
e sabemos quen é quen.

Téñome que despedir,
xa me vou marchando
que se enteraron nas alturas
que vos ando predicando.

Voume antes de que veñan
que non andan con chiquitas
ata vos teño medo
que me leven o millo das pitas.

Aquí nunca se sabe
que hai homes moi dispostos
para subir no lombo dos outros
todo é inventar impostos.

E fano moi requintados,
teñen unha gran maña
e logo mandan todo
pra esa señora de Alemaña.

Algo hai que recoñecerlle,
éche muller moi lista
leva man de obra barata,
mándanos a cambio pensionistas.

Non vos digo máis nada
anque tiña moito que dicir
poñeivos todos en pé
que vos vou bendicir.

Sacade o xenio
ata do fondo da entraña
porque dentro de pouco
isto nin deus o amaña!
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania