Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A revolución da ignorancia

viernes, 06 de febrero de 2015
Habituámonos a empregar determinados sintagmas e seguímolos utilizando por comodidade ou porque soan ben. Así falamos sempre da “revolución científica”, que supón que o noso coñecemento experimentou un incremento e obxectividade impresionante, sobre todo na “Idade Moderna”. E isto é certo, é indiscutible; pero...de verdade que nunca se nos ocorreu pensar o papel que tivo a ignorancia neste afortunado proceso?.

Pois na miña modestísima opinión, o home non despregou os importantes e afortunados esforzos de investigación científica ata que adquiriu conciencia da súa ignorancia. E non estou aquí a dicir que ese home non pensara, na Idade Media, e xa antes, en que ignoraba moitas cousas. Non!. Porque tamén houbo, se non manexan a historia, ilustres pensadores que fixeron traballos relevantes cun certo matiz científico; pero foron esporádicos e illados.

Os tiros van por outro costado. O impulso científico só apareceu cando o home se decatou de que non tiña respostas que dar a algunhas preguntas que consideraba de singular importancia; cando se decatou de que a Biblia, o Corán, ou, tamén, os Vedas non ofrecían esas respostas, e se as ofrecían non eran satisfactorias no ámbito científico, é dicir, cando descobre que nestes libros non estaba, polo menos, toda a verdade, porque non estaba reflectido, como se cría, todo o que se consideraba que se debía saber do mundo.

Dito doutra maneira – e sen comprometer en absoluto as hermenéuticas desas fontes do cristianismo, do islamismo, do budismo, (...), certamente moi importantes no seu campo e cunha base incluso científica derivada doutras aplicacións – , só cando o home se deu conta de que esas fontes non tiñan valor científico, só entonces se apeou da ignorancia, explorou outras vías e utilizou outros métodos. Por iso penso que a revolución científica é consecutiva á da ignorancia: Cando apremou a ignorancia os desexos de saber, nos dotados de capacidade para iso, espertou o virus do método científico.

E ten tal importancia o papel da concienciación da ignorancia no quefacer científico, que, en plena efervescencia do mesmo, non deixa de utilizarse como unha garantía metodolóxica: En oposición a outros saberes coa aspiración de estar en posesión de verdades absolutas, o científico, cando descobre erros ou manifestas contradicións, suficientemente contrastadas, revisa, corrixe ou prescinde, sen reparos, as súas conclusións, e explora outras vías.
Pero quen descobre os erros e propón outras sendas non é cualificado de heterodoxo: O descubrimento, novamente, da ignorancia abre outros camiños de acceso á realidade. Case poderíamos afirmar que o mesmo feito de facerse cargo da súa ignorancia ven a ser o fundamento do progreso nesta área do saber humano.

Acabo de facer unha referencia ás relixións. Convén intercalar unha advertencia a este respecto, para evitar o inoportuno e impertinente uso das razóns cordiais de Pascal neste contexto. Entendo aquí “relixión” como unha institución social, un sistema de normas e de valores, dimanantes da lexítima crenza nunha orde sobrenatural, lembrada e celebrada en regulados ritualismos. E non descubro nada novo se afirmo que, en canto institucións, son creacións humanas, que responden á mesma dinámica de calquera outra creación institucional: Basta ler a súa historia para convencerse disto.
Non obstante, eu tamén penso que hai “outras” relixións, que así mesmo teñen libros aos que facer referencia, aínda que, coma o budismo, carecen de deuses; en todo caso endeusan ao home ou a especie humana. Estou a referirme a un certo capitalismo, ao comunismo, a un certo liberalismo...e o nazismo. Non me vou estender. Só direi algo para xustificar o meu uso da analoxía e as extrapolacións que penso utilizar nesta colaboración.

Contan estas ideoloxías relixiosas tamén con fundadores:
-Os marxistas, “marxólogos” (teólogos) do comunismo, recorren a Marx, a Engels e a Lenin, celebran a súas festas, para “santificar” algunha personalidade e rememorar significativos acontecementos, e len pasaxes do “Das Kapital” (O Capital).
-Os nazistas, ademais de algúns pensadores, anteriores a Hitler, recitan parágrafos do “Mein Kampf” deste (Miña Loita).
-O capitalismo, igualmente dentro do grupo destas relixións, ten catedrais en todo o mundo, celebra rituais, e sustenta moitos teóricos, inspirados nas teorías económicas do escocés Adam Smith, principalmente no libro “A riqueza das nacións” (que mantén a tese de que o egoísmo é bo, e convértese en altruísmo, dándolle tempo suficiente ) e o seu dogma principal é o crecemento económico, considerado o ben supremo, xerador – din – incluso da xustiza, da felicidade, garantía da liberdade, etc.

Non vou afirmar que tamén os seguidores destas ideoloxías relixiosas (reparen que non digo relixións ideolóxicas, aínda que o dubide) crean nunha orde sobrenatural; pero – por covardía que non quede sen afirmar! – si cren nunha superhumana, polo menos algunhas delas: Os soviéticos, por exemplo, poñían as leis que rexen o “materialismo dialéctico”, tanto aplicado á natureza como a historia, por encima do home, por iso, quen non as profesara e non tivera un comportamento consecuente con elas era un herexe, do que se encargaba o correspondente comisario. Estas actitudes non admiten erros; a verdade é patrimonio da nomenklatura: Non dan xogo a concienciarse da IGNORANCIA, porque eles nesta leira téñena superada.

Pola súa parte, os nazis eran (son?) uns amantes da especie humana (que disparate...!, dirá o lector). Séganme...!. Eles extrapolaron os principios do evolucionismo darwinista á humanidade, á especie humana, e aplicándoos a ela danlles unha tradución clara na práctica: Hai que axudar á selección natural a erradicar os enfermos, os inadaptados, os eivados..., porque, esperar que esta labor a leve a cabo a mesma natureza, comporta apandar con xeracións moi enfermizas, dexeneradas e carentes de vigor para a supervivencia, e isto debe evitarse. Mais xa que chegamos aquí, permítanme formular unha pregunta: A onde chegará a enxeñaría xenética?. Esquecerá a ciencia, acaso, o papel da IGNORANCIA?. Suxírema ese proxecto de fillo/a con tres pais biolóxicos!.

Esta élles unha tea que da moitos traxes. Utilizala toda, nin é fácil, nin debe facerse nestes tempiños de obrigadas austeridades. Limítome, pois, a confeccionarlle un a cada partido político, que poidan lucilo nas xa ben presentes lides preelectorais. Non van a estrealo, por suposto. E vindo dun xastre tan pouco autorizado, moito menos, mais, en aras dun posible éxito electoral, ata poida que teñan razón. Os tempos, ós que vivan, ofreceranlles as certezas ou os erros na bandexa do futuro.

O que quería dicirlles é que cando oímos ós líderes, que son os “teologuiños” dunhas ideoloxías políticas reflectidas institucionalmente, seméllannos uns misioneiros, dun estilo xa superado, das relixións por antonomasia: Só eles están no certo, só eles están lexitimados para administrar os sacramentos políticos, só eles están lexitimados para cualificar de herexes ós que se entreguen a outra confesionalidade, porque se poñen en mans do mesmo diaño, e se son líderes novos, recentemente ordenados pola súa freguesía, non reparan en cualificar aos “outros” de membros dunha “casta”, aínda que, para manter a súa pureza, corran o risco de “descastarse” a si mesmos. Aquí tamén perdeu o seu papel epistemolóxico a IGNORANCIA, afogada por tanto saber certificado.

San Agostiño e Nicolás Boileau intuíron moi ben o rol da ignorancia: “Ai de min que non sei nin aquilo que non sei!”, dicía o primeiro; “prefiro a ignorancia a un saber afectado!”, dixo o segundo. Un, aconsellando, implicitamente, apresurarse a descubrir o que non se sabe, e o outro, invitando a evitar a extravagancia presuntuosa, non só do que se sabe, senón (engado eu) tamén do que se pode facer.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES