Sr. iglesias e compañeiros desa forza política denominada PODEMOS, teño que confesarlles que eu son da Casta e a moita honra.
Son da casta dos galegos que se sinten orgullosos da súa historia, de ser o primeiro reino europeo e non son monárquico. Son da casta dos que

nos sentimos fachendosos de ter protagonizado a primeira revolta campesina de Europa ou da cultura castrexa e mesmo dos vellos galeguistas, as Irmandades da Fala e de ter unha lingua propia na que se expresaron Rosalía ou Curros.
Seguramente serei tamén da casta por non acreditar en vostedes cómo non acredito para o meu país en ningunha solución traída de fóra por salvapatrias.
Son da casta dos que estamos fartos que se non ningunee en tódalas decisió s de estado e se nos marxine en tódolos repartos de producción emanados desa centralidade que vostedes representan, no sector naval e a pesca, no leite, na industria en xeral...
Son desa casta que se sinte galego e nacionalista antes que de esquerdas porque até o nacionalismo galego máis moderado está máis na esquerda que vostedes.
Son da casta dos que defendemos que Galiza é un país e queremos que sexa un estado en pé de igualdade con calquera outro do mundo.
Son da casta de Castelao e Bóveda e milleiros de galegos que adicaron as súas vidas a loitar por este cometido sin leccións de iluminados desideoloxizados.
Son da Casta, sr. Iglesias, pero non desa que vostede define con desprezo, son da que usa a política como instrumento para emancipar o meu país ou o que é o mesmo, aos galegos.
Hai moitas castas e a de vostedes asentase nunha entelequia de dominio que chaman España e que nunca foi reino nin é país e cuxos dirixentes, vostedes incluidos, se negan a entender porque precisamente nese invento imposto se basea a pervivencia desa casta que comparten cos dirixentes de PP, PSOE ou IU.
Vostedes nunca entenderán que os nacionalistas, os galeguistas, cos nosos erros e acertos, temos algo moi por enriba das ideoloxías, que é o fondo e irrenunciabel amor á nosa patria, que se chama Galiza, non España.
E vostedes, señor Iglesias, entérese, parafraseando a Castelao, que como os outros, son uns imperialistas fracasados.