Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A historia é mestra da vida, se é mestra

Carballo, Xosé Manuel - jueves, 05 de febrero de 2015
O día doce deste mes de febreiro, ás 8 da tarde, se non hai mala novidade, presentarase na Galería Sargadelos de Lugo, (que tamén podería chamarse con moita propiedade Centro Cultural de Santo Domingo), o libro de Anxo Ferreiro Currás: “Consejos de guerra contra el clero vasco (1936-1944)”.

O día seguinte, o 13, farase a presentación deste mesmo libro en Mondoñedo, no antigo cuartel reconvertido en local cultural, ás 8,30.

Ademais do autor e da súa compañeira, Rosa Cal, fíxosenos o honor de invitarnos a intervir na presentación a Xulio Xiz e a min.

Nesta colaboración aproveito pra dar a coñecer o evento, ben sabe Deus que máis polos outros ca por min. Pero, xa posto, direi algo máis pra que non se me queixe o programa de tratamento de textos que uso habitualmente.
No que eu entendo, que non é moito, neste libro hai un traballo moi amplo -525 páxinas-, pero, sobre todo, moi serio e moi rigoroso. A min polo menos amósame aspectos da nosa historia relativamente recente pouco coñecidos, como son os casos de curas represaliados por gobernos franquistas.

Botei anos crendo que Don Francisco Franco “Caudillo de España por la gracia de Dios” fora o salvador da relixión católica en España contra a conspiración xudeo-masónica. Ata me sentín gobernador de aldea cando se me pediron informes, que nunca din, dalgún fregués, porque non me fixera cura para dar informes gubernamentais. Pero o que non me imaxinaba era que para salvar a fe católica se vise o salvador na necesidade de mandar fusilar a sacerdotes católicos debidamente ordenados.

Despois de anos do cambio de réxime aínda sigo ensumido nas confusións dos estereotipos que se eternizan: a maridaxe sen infidelidades entre franquismo e Igrexa e á viceversa, o ansiado nacional-catolicismo, a saudade da santa cruzada, as heroicas vítimas só dun lado ou só do outro, segundo se mire, o ancestral separatismo de todos os vascos, o berce de ETA nas sancristías…
Non vou seguir por este camiño, porque non son quen de desfacer estereotipos, nin tampouco son historiador acreditado, nin inventei a pólvora, nin sequera apunto ben coa que outros inventaron.

Sen ser historiador meréceme moito respecto, iso si, o dito de: “A historia é mestra da vida”, pero a historia non vivida directamente depende moito de quen nola conte e de cómo nola conten. Aínda a propia historia é susceptible de variadas interpretacións pra canto máis.

Dise, e debe ser certo, que a historia inmediatamente despois da liortas escríbena os vencedores ó seu xeito e cando lles chega a oportunidade, entón reescríbena os vencidos á súa maneira.

Supoño que pra que a historia, liberada da lei do péndulo, poida ser mestra de verdade que nos ensine a progresar no bo conseguido e a non volver caer nos mesmos males, necesitamos o gran servizo daqueles que, ben documentados e sen apaixonamentos deformantes, van amosando con sosego como foi a realidade.

Anxo Ferreiro Currás cumpre, ó meu entender e ó doutros máis autorizados, con estas condicións mostrándonos partes desa nosa historia pouco coñecidas e, non obstante, fundamentais á hora de compoñer o rompecabezas completo e de facilitar o definitivo peche de feridas que sempre supón nun todo a falta de partes.

Graciñas, xa que logo, Anxo, compañeiro, amigo.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES