Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Hospital asilo de Vilalba (19)

jueves, 05 de febrero de 2015
Ano 1921
Retómase o proxecto


«La Voz Villalbesa». «Revista mensual defensora de los intereses de Villalba y su comarca». Aparece o primeiro número o 10 de xaneiro de 1921. Incorpora na primeira páxina unha viñeta irónica na que se fai referencia a que seguimos sen tren eléctrico ou tranvía. Figura como director Andrés Pernas Pérez, rúa Valeriano Valdesuso. O prezo da subscrición era de 0,90 ₧ semestrais. Imprimíase no establecemento de O Hospital asilo de Vilalba (19)Pérez Ceinos, de Vilalba.
En «Nuestro programa» fai a proclama de intencións: Nuestro programa se condensa en el titular de esta revista: voz del pueblo que vibrará constantemente señalando deficiencias y errores para que se corrijan, reclamando progresivas reformas y una actuación decidida y protectora de sus directores políticos. Y a esto tiene el derecho la comarca villalbesa cuya vitalidad languidece atrofiada por la ausencia de una renovación vivificante en los procedimientos arcaicos... Brindaremos estas columnas a nuestros hermanos que en las Américas luchan por la existencia y a todas las personas de buena voluntad...
Y este es nuestro primer saludo para la verdadera prensa que difunde la cultura y el bien con su actuación, y especialmente para nuestro colega Heraldo de Villalba al que nos une fraternal afecto.
Conta con colaboracións literarias: Noriega Varela, García Hermida, Vidales Tomé, Xan da Pontella, Pepe... lamentablemente non coñecemos máis ca o seu primeiro número.

† Francisco López Arias.Os dous xornais, «Aurora» e «Heraldo de Villalba» de inicios de 1921 ofrecen con grandes titulares a necrolóxica do santaballés e habaneiro Francisco López Arias. Estaba casado con Dolores Varela Orosa e tiña dúas fillas, Carmen e Engracia e un fillo político, José Cacharrón López. Eran os seus irmáns José, Ma Josefa, Agustín e Manuel. A estes dous últimos, que tamén fixeron fortuna na Habana, verémolos insistentemente como filántropos nas obras da colectividade vilalbesa: edificación do hospital asilo e escolas habaneiras: Santaballa, Tardade...
Os funerais celebráronse o 24 de decembro de 1920, en dobre función como de costume. A primeira presidiuna o Rvdo. Domingo Pérez Ocampo, párroco de Santaballa, e a segunda o Rvdo. Daniel López Barro, párroco de Tardade. A Capela de Lugo cantou nos oficios relixiosos e ademais dos instrumentos de costume, o órgano parroquial fixo máis elevada a solemnidade.
Francisco López Arias fora comisionado, anos antes pola «Unión Villalbesa», para observar a marcha das obras do hospital e para traer fondos que na Habana se recadaran. Desde mediados de 1910 vímolo nas actas da Comisión Executiva traballando pola construción do edificio.
Na memoria colectiva dos vilalbeses, algún día haberá que poñer no lugar que lles corresponde ós irmáns López Arias, oriúndos do Cubel, Santaballa, que tanto contribuíron ó engrandecemento da comarca. Sempre deron mostras de magnificencia e de labor, por veces non ben entendidos, en favor da comunidade. O que deixaron traballado polo futuro da veciñanza ben merecería que os seus nomes fosen recordados a diario.
De Agustín López Arias escribiremos máis adiante.

Fabrica de curtidos? Dise que un emprendedor home de negocios de fóra da localidade pensa establecela próxima á vila.

Obras que avanzan. As que realiza Vicente Quintela Miragaya, preto dos muíños eléctricos, para construír unha fábrica de serrar madeiras. Tamén se encontran avanzados os traballos do salón teatro que Mariano Sánchez e Guillermo Orosa levantan na rúa Cos Gayón.

La Voz Villalbesa. 10 de xaneiro de 1921. A la hora de cerrar este número se halla en gravísimo estado nuestro querido amigo don Andrés Basanta Olano. Se considera inminente un fatal desenlace que causará general sentimiento por ser de todos tan querido y respetado. Ojalá no se confirme tan triste pronóstico.

† Andrés Basanta Olano. Faleceu ós 68 anos de idade na mañá do 17 de xaneiro por mor dun derrame cerebral. Era alcalde de Vilalba, farmacéutico e exercera o cargo de deputado provincial.
Pola necrolóxica sabemos da súa familia. Estaba casado con Concepción Silva Posada. Eran os seus fillos: Arturo, capelán das Oblatas de Ferrol; Víctor, avogado e deputado provincial; Francisco, farmacéutico; Ramón, avogado; Eugenio, médico; Carmen; Andrés, avogado; Santiago, avogado. Os seus irmáns políticos: Víctor, Consolación e Asunción Silva Posada. O seu director espiritual: José Goás, párroco de Alba. O seu testamenteiro: Manuel García Olano.
Estivo á fronte da Alcaldía desde o 1 de xullo de 1891 ata o presente. No momento do seu falecemento o Concello debíalle máis de 2.000 ₧ porque co seu celo adiantaba fondos para obras municipais. Iniciou a construción do hospital asilo e presidiu a Comisión Executiva. No momento do seu óbito as obras estaban paralizadas.
O enterro constituíu unha manifestación de dor popular. Estiveron presentes ou mandaron representación deputados a Cortes, autoridades provinciais, alcaldes de concellos próximos e o clero de Mondoñedo e da comarca.

Xira na Habana. Celebrouse por iniciativa da «Unión Villalbesa y su Comarca» no «Mamoncillo», nos xardíns de «La Tropical», en decembro pasado. Ignacio Prieto presidía a sociedade. Reuníronse máis de cincocentos comensais que degustaron un menú exquisito. Fixeron uso da palabra Segundo López Carpintero e Cosme Sacido quen repasou os problemas que tiña na actualidade Vilalba e proclamou a necesidade de traballar unidos para solucionalos.

«La Voz Villalbesa» Revista mensual que proclama defender os intereses da comarca. Dirixiuna Andrés Pernas Nieto. Empezou a publicarse o 16 de xaneiro de 1921.

Novo alcalde. Resultou elixido José Ma Orosa. Unha das súas primeiras medidas foi reactivar a Comisión Executiva do hospital asilo que se volve reunir, despois de case sete anos, en maio de 1921. Outra foi a de ordenar o peche dos establecementos de bebidas ás 10 da noite en inverno e ás 11 en verán.

Entroido. O deste ano resultou lucido polas comparsas que percorreron as rúas da vila: «Benéficos Villalbeses» e «Los pollos mal». Sen embargo o sábado de piñata un tráxico suceso enfrontou as dúas agrupacións. Das voces pasaron ós feitos e resultou morto dun tiro de revólver Marceliano García Rego e feridos por pedradas Antonio Quintela e Germán Orosa. Este último foi detido como presunto autor do disparo.

† César García Seco. Este avogado mindoniense faleceu o 19 de febreiro. Era o dono dunha tipografía onde se imprimiron moitos dos xornais de Mondoñedo, de Vilalba e doutras vilas. O negocio tivo a súa continuidade como imprenta Mancebo e verémola noutras publicacións vilalbesas.

Avogado do Estado. Obtivo por oposición este rango funcionarial Santiago Basanta Silva, de 22 anos. Os exames tiveron lugar en Madrid e acadou o número dous da súa promoción.

Comisión Executiva de 10 de maio de 1921. As obras do hospital asilo estancáranse. A última sesión que celebrara a Comisión Executiva fora o 28 de setembro de 1914 e daquela, rematadas as paredes exteriores e cuberto o edificio, decidírase tapiar os vaos e agardar por tempos mellores. Pasada a Guerra e a gripe de 1918, as condicións parecían propicias para retomar o proxecto. Había que contar con que morreran algúns dos iniciais impulsores da construción: † Antonio María Díaz Requeijo; † Eulogio Goás Pardo; † Francisco López Arias e † Andrés Basanta Olano. Quedaban da antiga Comisión: José Ma Orosa ―actual alcalde―, Juan Ramos Cabado ―párroco―, Víctor Andrade Arias ―médico―, Manuel García Olano ―cuñado do defunto Andrés Basanta Olano―, Antonio Fraiz Vizoso ―mestre de obras― e o secretario Ignacio Cacharrón Salgueiro.
Así as cousas intégranse novos membros para tentar dar o impulso definitivo á obra. A Comisión Executiva quedou constituída do xeito seguinte: Antigos membros: José María Orosa Gómez, presidente e alcalde ―membro fundador―;Víctor Andrade Arias, vicepresidente ―membro fundador e médico―; Manuel García Olano, contador ―membro fundador―; Ignacio Cacharrón Salgueiro, secretario ―membro fundador―; Juan Ramos Cabado, ―membro
fundador, párroco―; Antonio Fraiz Vizoso ―membro fundador, mestre de obras―. Novos membros: Agustín López Arias ―«americano» e irmán de Francisco―; Francisco Basanta Silva,
tesoureiro ―farmacéutico e fillo de Andrés Basanta―; Manuel Rouco Fernández e Enrique Canto Cao.
Por ser representativo do traballo realizado, deixamos constancia que desde finais de 1912 só asistían ás reunións Juan Ramos Cavado, Domingo García, Manuel García Olano, Francisco López Arias ademais do propio presidente e do secretario, respectivamente, Andrés Basanta Olano e Ignacio Cacharrón.
O contador García Olano dá conta dos recursos a 31 de decembro de 1920: Total recadado desde o inicio das obras, 38.035,18 ₧. Total de gastos desde o inicio das obras, 33.084,80 ₧. Saldo, 4.950,38 ₧.
Comisiónase a Manuel García Olano, a Antonio Fraiz Vizoso e a Manuel Rouco Fernández para estudaren e propoñeren a obras que se estimen oportunas, tendo en conta as existencias de numerario que existen naquel momento.
Transcorreran sete anos desde a última actuación, pero precisaríanse outros trinta e un meses ata que realmente se retomen as obras. A Comisión non se volveu reunir ata o 3 de decembro de 1923, con novo organigrama.

O hospital en construción. Así saúda o «Heraldo de Villalba» do 22 de xullo o intento de continuar as obras. Por iniciativa e petición de García Hermida o «Centro Villalbés» de Bos Aires contribúe con 2.500 ₧. Preside a sociedade Tomás Barro, fillo desta vila; é o secretario José López Veiga. Tamén o «Centro de Artesanos» celebrou unha velada en favor do hospital o día 3 de xullo. Púxose en escena, en catro actos, a obra «La casa de la Troya», de Pérez Lugín.

Camiño veciñal á Balsa. Veciños de Lanzós, Costa e Vilapedre, apoiados polas autoridades locais e provinciais, piden con toda urxencia un camiño que dende a vila vaia dar á ponte da Balsa. Suporá un beneficio para todos e permitirá saír da incomunicación a unha importante zona do Concello.

Inauguración do salón teatro. Vaise realizar o día 7 de decembro. Está prevista unha velada coa representación da obra «Pipiola», dos irmáns Quintero. Son dignos dos maiores eloxios os actores Guillermo Orosa e Mariano Sánchez.

Proxecto de escola en Árbol. Téñeno os veciños e os membros da sociedade habaneira «Hijos de S. Lorenzo de Árbol». Na parroquia sitúanse ó fronte o párroco Manuel Rey e o sacerdote Eliseo Rivas. Na Habana a comisión fórmana Daniel Paz, Avelino Fernández, Ángel Aguiar, José Debasa e Jesús Debasa.

Regreso. Procedente da Habana un destes días vai desembarcar na Coruña o propietario da imprenta onde se edita o «Heraldo de Villalba» Mariano Pérez Ceinos.
O Hospital asilo de Vilalba (19)
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES