Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha ollada aos papas até Francisco (I)

martes, 03 de febrero de 2015
De Pío XI a Paulo VI
Se ben para uns máis e para outros menos, a historia dos papas representa unha pegada na nosa vida en diversas circunstancias e sobre todo para España que en xeral tivo que sufrir ou celebrar, segundo quen os mire, a súa influencia polos momentos históricos que nos tocou vivir. Vou dar unha lixeira pasada dos papas dende os anos trinta do século pasado até chegarmos ao papa Francisco.

PÍO XI

Comezamos con Achille Ratti, Pío XI (1922-1939), autor da encíclica Quadragesimo anno, en lembranza da Rerum Novarum de León XIII. Estas encíclicas trouxeron á Igrexa, adormecida nos templos e preocupada na condena do modernismo dende Pío IX, a defensa dos dereitos dos obreiros e campesiños, traballando de sol a sol con salarios de fame, e por enriba ben desaproveitadas e sobre todo rexeitadas polos terratenentes e burgueses guiados por unha parte significativa dos xerarcas españois; velaquí o discurso do catolicismo rancio de un deputado nas Cortes da República que quedaría reafirmado coa vitoria de Franco: “Si se siguen citando las encíclicas de los Papas, los defensores de la propiedad privada nos veremos en la necesidad de declararnos cismáticos” (Sempre en Galiza Libro II, cap XII).

Coñecemos a este papa pola súa débil defensa dos “outros”, referíndose ao bando republicano “que tamén son fillos meus”, aínda que esta pouca cousa non gustou aos xerarcas que apoiaban o golpe militar.

A encíclica Divini Redentoris da condena do comunismo denuncia a persecución relixiosa na guerra civil citando os crimes das vítimas só de un bando sen facer a mínima referencia ás vítimas do franquismo, que superaron en número e criminalidade. Ben sabemos documentalmente que esta encíclica foi imposta polo seu secretario, daquela Cardenal Pacelli e o papa negro, Prepósito Xeral dos Xesuítas, Ledochowki, ambos a dous grandes defensores de Franco e furibundos anticomunistas, asesorados polo Cardeal Gomá.

Cando o embaixador de Franco ía polo Vaticano a queixárselle por acoller a personaxes do bando da República, como Alberto Onaindía, Pacelli respóndelle: “mais non se queixará do moito que facemos polos seus”. Dado que agora se abriron aos investigadores os arquivos vaticanos desta época, moitos mitos do “Glorioso Movimento de Franco” quedan esnaquizados. Concretamente, non se pode esquecer a valentía de Pío XI na defensa daquel Clero Vasco asasinado, encadeado e desterrado polo bando franquista, que eu teño estudado no libro Consejos de Guerra contra el Clero Vasco.

PÍO XII

Sucédelle como non podía ser outro, o cardeal Pacelli, Pío XII (1939-1958). A súa figura hierática acompañounos na nosa nenez e xuventude. Bendiciu a vitoria de Franco, e o seu nacional catolicismo asinando un concordato, que fixo que a Igrexa Española na práctica fora a Igrexa de Franco. Máis tarde soubemos tamén da feble actitude de Pío XII co nazismo e fascismo, que condenara o seu antecesor en sendas encíclicas, e o seu silencio na denuncia do holocausto, que uns oportunamente queren xustificar e outros claramente condenar, como foi El Vicario e o filme Amen, e outras moitas testemuñas que deixan ás claras o seus silencio ominoso.

Por último, hai que deixar constancia dun proxecto, descuberto tempo despois, que tivo algo que ver con este papa. Trátase da Encíclica Oculta de Pío XI titulada Societatis Unio, condena xa moi claramente os abusos do nazismo de Hitller, e coa clara defensa dos xudeus, mais a súa morte atrancou a súa promulgación. Pío XII non tivo a valentía de publicala por estratexia ou por ocultas razóns, como que esta denuncia levantaría aínda máis a furia de Hitller (?). Din que en discursos e cartas papais utilizou o borrador. Esta encíclica Oculta ou nonnata merecería ser tratada no tema da Igrexa e o Holocausto.

XOÁN XXIII

E con esta Igrexa xa cansa do tradicional catolicismo, xurdindo novos aires teolóxicos por Europa e sobre todo novas prácticas pastorais en América Latina, África e Oriente, aparece o Papa Bo, Angelo Roncalli, Xoán XXIII, (1958-1963). O velliño, que dicían “ papa de transición”, vai conseguir só en cinco anos ser o autor da encíclica Pacem in terris, e o autor da obra máis extraordinaria –digo eu- en toda a historia da Igrexa, o Concilio do Vaticano II, que fixo da Igrexa Hierática de Pío XII, baixala ao carón da xente crente e non crente, con aquela frase sinxela e clara, “abramos as fiestras desta Igrexa que cheira ao balorecido e que entre o ar fresco de fóra”. Unha Igrexa clerical mudala en “Pobo de Deus”.

Tamén deixou ver a súa intención de meterlle dente á Curia Vaticana cando lle preguntaron: “cantos traballan na Curia?”, responde coa ironía de un bo coñecedor deste organismo, “máis ou menos a metade “. O seu “sucesor” no caso de facer algo neste eido, tardaría en chegar 40 anos.

PAULO VI

Porque o seu sucesor inmediato foi Paulo VI (1963-1978). Lembro ver en Viveiro que a fumata branca anunciando a elección do cardeal Montini supuxo un amarguexo para o daquela clero tradicionalista viveirense, pois, literalmente, bufaban contra del por ser un antifranquista declarado como o anterior. Estes dous papas non entraron na manipulación que os xerarcas españois querían empezar coa propaganda das beatificacións das vítimas da guerra civil. Foi o autor da Populorum progressio que, xunto coa devandita Pacem in terris, formaban parte das armas de apostolado que levaba debaixo do brazo o noso amigo, compañeiro da alma, falecido, Cuco Ruiz de Cortázar.

Este papa clausurou o Vaticano II así, un pouco ás presas. Veuse entre os que querían levar adiante sen atrancos as conclusións deste Concilio e os que querían dálo por concluído e sobre todo esquecelo pechando as portas que abrira para o mundo o papa Xoán XXIII.

anxofcurras@gmail.com
Ferreiro Currás, Anxo
Ferreiro Currás, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES