O Códice Calixtino
Xiz, Xulio - lunes, 02 de febrero de 2015
Nos nosos museos gárdanse reliquias de tempos idos, gracias ás que se poden estudiar os costumes e a vida dos devanceiros. E nos arquivos históricos dormen un sono case eterno documentos imprescindibles para entender o que pasou nesta terra, por que pasou, e que consecuencias tivo o que pasou.
Nos grandes mosteiros como Samos, ou nas catedrais de Lugo ou Mondoñedo existen os Tumbos, coleccións de historias que conforman a historia da Igrexa, da sociedade, e de todos nós.
A de Santiago, ademáis, ten o Códice Calixtino, do que ata hai un tempo só oíran falar os especialistas no tema, os estudiosos, e os peregrinos do Camiño de Santiago que sabían que era a que se podería chamar a primeira guía turística do mundo.
O Calixtino, así nomeado na honra do Papa Calixto, é o Liber Sancti Jacobi, o Libro de Santiago, un códice no que se reflicten milagros do apóstolo, pezas musicais, sermóns, e descrición da ruta e do que nela encontrará o peregrino. De mediados do S. XII, ten casi novecentos anos, e é a xoia máis fermosa e valiosa da arte bibliófila do seu tempo. E sen embargo só o coñecían uns cantos privilegiados, sendo para os galegos como unha lenda urbana ou unha réplica do Santo Grial.
E, de repente, un electricista que traballou para a Catedral de Santiago, por motivos económicos ou venganza, rouba o Códice, e este pasa a ser o obxecto máis coñecido da antigüidade galega.
Despois dun período de agonía polo que puidera pasar ou onde puidera estar o Códice, Galicia enteira respirou aliviada cando este volveu estar gardado baixo sete chaves é un decir- no arquivo catedralicio da Arquidiocese compostelana.
O códice aínda terá máis sona agora que o xuizo polo roubo se está a celebrar, testemuñando de novo que xa non é verdade como dicían os antigos que o bo pano, na arca se vende, senón que a publicidade é precisa para vender calquera producto. Neste caso, a publicidade fixo o milagre de que unha xoia que permaneceu case nove sécalos na escuridade, no silencio, se convirta en algo de dominio público, para que nos sintamos orgullosos del e loitemos polo seu estudio e coñecemento. Malo, se as xoias da historia teñen que estar en perigo para que nos lembremos delas, as valoremos, e as coidemos mellor.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora