A nova linguaxe da RAE
Santalla, Iago - miércoles, 04 de febrero de 2015
Semella que a RAE quere achegarse ao pobo recollendo novas palabras de uso máis ou menos diario como cague, gorrilla ou gatillazo. Incorpora así o novo xeito de ser e de falar dun pobo que vai cos tempos actualizando o seu idioma con verbas de fóra comocoach ou chaise longue. Que a linguaxe vaia cos tempos resulta absolutamente imprescindible e que a RAE asuma unha nova forma de ser da cidadanía con verbas como mileurista, chupi, tuitear, wifi, lorza, pilates, bloguero, abrefácil ou anticrisis paréceme un xeito de achegar a lingua ao pobo e de recoñecer que el é o construtor do seu propio devir.
A RAE nun exercicio de empatía ábrese á cultura popular recoñecendo que o seu xenio creador é o que evoluciona a lingua atribuíndolle novos usos. Por outra parte, esta empatía esténdese a reclamas históricas como a eliminación do significado pexorativo de gallego. Coido que neste ámbito desaproveitouse a oportunidade de eliminar outras acepcións de termos como gitano, autista ou judiada que supoñen un trato igualmente pexorativo que debemos evitar polo menos na linguaxe. Xorde, aquí, o dilema de se a RAE ten que ir paralela á evolución da sociedade ou se, en determinados ámbitos, ten que ir un paso adiante eliminando o pexorativo. Neste aspecto, sempre se dixo que a linguaxe ten que dar un paso á fronte pero dada a intencionalidade da RAE nesta reforma parece coherente non eliminar un uso que o pobo pon en práctica.
Este é un debate no que persoalmente me custa tomar posición xa que por unha parte agradezo á RAE a eliminación do significado pexorativo do gallego e, pola outra, coido que só será efectiva cando deixe de ter proxección social.
En todo caso, gústame a iniciativa da RAE de escoitar como fala o seu pobo e sobre o que escoita emprender iniciativas de reforma xa que o pobo é o verdadeiro garante da lingua e a lingua ten que acompañar ao pobo no seu devir histórico. Quizais, a RAE teña que corrixir no futuro algunhas acepcións pero dependerá de que o pobo camiñe cara a inclusión de certos colectivos e borre do seu imaxinario as visións pexorativas dos mesmos.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora