Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As contradicións culturais

viernes, 30 de enero de 2015
Na anterior colaboración dediquei un espazo as ordes e institucións sociais e políticas que imaxina e constrúe o home no seo da sociedade, e dicía algo, sen dedicarlles un tratamento estritamente gnoseolóxico, acerca das obxectivacións das realidades só con existencia na súa imaxinación, para establecer algunha diferenza coas obxectivacións das realidades naturais tanxibles.

Na medida en que as sociedades foron crecendo, foron facéndose moito máis complexas esas construcións imaxinadas para soster as ordes necesarias nelas, e pouco a pouco, adquiriron un refinamento tal que esvaeceu na mente das mesmas xentes a súa natureza mítica, e dunha certa ficción.

Pensei que isto seguramente tal vez poida inducir ao lector a non concederlle a importancia que teñen estes conceptos na cultura en xeral. E, sen embargo, o que ofrecen ten un alcance tal que pode explicar e fundamentar determinados fenómenos actuais, no ámbito político e económico, certamente estraños e desacougantes.

Que todo o referente as dinámicas sociais, así como o control das mesmas, é moi complicado, escuso dicilo. E os sistemas culturais desenrolados nelas participan desta complexidade. Evidentemente, toda cultura ten certas crenzas, estableceu normas peculiares e posúe valores propios, que non poucas veces merecen o cualificativo de antivalores desde outras perspectivas culturais. E todo isto é bastante normal: As obxectividades imaxinarias explícano ben e dan razóns de fundamento polo mesmo feito de facer referencia a unha realidade convencionalmente constituída, a diferenza das obxectividades físicas que carecen de inconsistencia.

Sen facer ningún recorrido histórico, que aportaría máis ideas e sería iluminador, reflexionemos nun ámbito moito máis reducido e veremos como as contradicións culturais non son só detectables nos espazos INTER-culturais, senón tamén nos INTRA. Por dicilo investido de actualidade, non son só de matiz “yihadista”, senón que tamén emerxen dentro de cada sistema cultural, patrimonio de distintas nacionalidades, e, a veces, de forma imperceptible.

Se lemos as constitucións máis coñecidas, observaremos que recollen como obxectivos fundamentais, a defensa da liberdade e da igualdade dos cidadáns. Unha cantilena que verniza de hipócritas intencións as constitucións, porque... de verdade, ¿alguén cre que se pode acadar a “igualdade”, con todo o que esta comporta de imprecisión, sen limitar (e ata onde e por quen...?!) a “liberdade”?. Pois ben; os mesmos principios legais polos que se vai a rexer un país, en canto realidades imaxinarias, introducen nestas prescricións contradicións de moi diversa importancia.

Lembremos, polo que respecta o exercicio político, como os políticos soviéticos eran capaces de articular primorosos e apaixonados discursos de defensa do igualitarismo; pero ocultando sempre as brutais operacións de control de todos os aspectos da vida diaria dos cidadáns: A igualdade e a liberdade só marchaba do brazo nas veciñanzas, entre si vixiadas, da nomenklatura. E foron teoricamente tan amantes de superar as contradicións que sucumbiron vítimas delas.

Pero..., non se alarmen, que só aporto feitos e eventos. Non presento unha postura ideolóxica persoal. Porque..., no outro costado, tamén hai tea que cortar. Pasemos agora a el.

En Norteamérica, Obama quixo xestionar unha sociedade máis xusta e igualitaria, con axudas á pobres, enfermos e anciáns; pero a oposición opúxoselle: Defendeu gastar o diñeiro ao seu antollo, sen atrancos para a liberdade individual. Velaquí unha evidente contradición, no seo da orde imaxinaria constitucional, e, en canto tal, susceptible de cambio. Pero a constitución de EE.UU. tamén se resente coa ocasión da aplicación dos seus principios correctores da discriminación racial.

Quede, pois, claro que a pementa de toda cultura (sobre todo se non é sinxela interpretación dunha realidade estruturalmente consistente), por ser realidade creada e obxecto de crenza, son as contradicións, e cando non se presentan evidentes, invéntanse estratexias políticas, que tamén teñen existencia só na nosa mente. É o caso, por exemplo, da “macro- e micro-economía. Reparen no exemplo español, previa algunha explicación necesaria.

Que decisión toma un empresario que ten un negocio que lle vai mal e dálle perdas?. Se é sensato, liquídao como pode e, se lle queda algo de diñeiro, estuda a maneira de invertelo noutro máis modesto e rendible: O QUE NON FAI É INXECTARLLE MÁIS DIÑEIRO, PORQUE ISTO NON O SALVA; sería sostelo sen visión económica, posto que manter un negocio con perdas é unha insensatez.

Pero, a nivel macroeconómico, fano os gobernos, creando unha débeda con cargo ao peto dos cidadáns, que soportarán o pago do correspondente crédito, mediante a suba sostida e disimulada dos impostos, durante moitos anos. É o que se coñece como “hipoteca das futuras xeracións”. Para elas segue o rabo da crise, que afirman haber superado.

No primeiro caso estamos ante unha operación microeconómica, e no segundo, ante unha macroeconómica, que non reparan en xestionar os gobernos, de esquerdas e dereitas, aplicando receitas keynesianas. Pero aquí só nos interesa como exemplo de invención política dunha contradición. A análise estritamente económica pertence a outro costado e ten outras esixencias lonxe da miña modesta competencia.

En España, os conservadores no goberno aplican os consellos keynesianos, que tanto valora a esquerda, e esta, non obstante, critica os resultados macroeconómicos que o PP estima positivos, polo escaso impacto – afírmase – na microeconomía. Como pode intuír o lector, a contradición buscada está servida.

Hai exemplos que acusan resultados que o confirman. Lembremos o Plan E do Sr. Zapatero: Endebeda o Estado para enviar diñeiro os concellos, que deben empregar en contratar obreiros en paro, esperando así reducilo; pero co que se encontra é cunha contracción do PIB e un aumento do paro. É un bo exemplo de que esta operación de inxección de diñeiro, keynesianamente aconsellable, non endereita as cousas.

Este mundo da nosa creación ofrécenos tan estrañas contradicións que nin os mesmos que as provocan se decatan. ¿Acaso non son os abusos, os egoísmos, a altivez e a soberbia que acompañan a certo capitalismo, como constituíntes dunha cultura de insolidariedade e depauperamento, os que propician a emerxencia das posturas extremosas, acentuando as contradicións e convulsións sociais?. Curioso!!!: Un capitalismo que rexeita as ideoloxías da esquerda, propicias torpemente, catalizándoas mediante as súas maquinacións mercantilistas e financeiras.

Pero así como na historia non todo foi malo e tampouco bo, a nosa condición de herdeiros dos que nos precederon debe previrnos contra as posicións límite, tanto dun optimismo desbordado de entusiasmo, como dun pesimismo enervante. As contradicións impulsan os cambios e son estruturas que desencadean a dinámica social. Que ninguén pense que os problemas que nos presentará a sociedade global, nun futuro seguramente máis inmediato que o esperamos, se van a resolver desde perspectivas polarizadas.

É certo que hoxe o mundo soporta unha dispersión cultural e unha fragmentación política que nos disipa as tendencias á globalización mundial e impídenos percibilas na súa propia concreción. Pero non se pode negar que os estados teñen cada vez moita menos independencia – os mesmos EE.UU., tan poderosos, non só conta con fortes dependencias na estratexia militar, senón tamén na economía e, incluso, na seguridade interna –.

E, con isto por diante, veremos ata onde pode cumprir Psipras, en Grecia, as promesas que fixo aos gregos, que, por razoables que sexan a nivel nacional, poden resultar inviables no marco comunitario e disonantes no global: A alianza coa dereita confirma a necesidade de practicar unha política DUA-léctica, de intelixentes equilibrios.

Certamente, non é fácil, nos nosos tempos, executar políticas económicas independentes, porque nin hai que desbotar as posibles maquinacións dos mercados, que non se controlan dende un país, nin tampouco unha serie de interferencias de compañías e organizacións globais non gobernamentais, de ámbito mundial, que fan permeables e obvian as mesmas fronteiras.

Por outra parte, non podemos manternos alleos ás opinións globais, que canalizan os comportamentos financeiros, nin á problemática ecolóxica e ambiental estreitamente vinculada á necesidades vitais de todo o mundo.
Tampouco cabe desentenderse dunha serie de importantes e vigorosas correntes profundas que están modelando o mundo nunha dinámica DUA-LÓXICA, non DIA-LÉCTICA, xa que non cabe esperar unha síntese que supere as habituais polaridades das contradicións, senón que se manterán co-implicadas para que non quebre a súa función estrutural nun ámbito global de novos equilibrios.

Permítanme terminar facéndome eco do que algún intelectual dixo: O oficio dos que se dedican a pensar consiste en amontoar nubes e sistematizar dúbidas. Rógolle, agarimosamente, ao lector que, se non perdeu a paciencia, lembre que a sociedade tamén conta cos que teñen como oficio a dedicación a amontoar tormentas e a provocar cambios que eles mesmos non desexan, nin controlan (divertida contradición!). Hai de todo na viña do Señor!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES