Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O que debemos a Grecia

viernes, 30 de enero de 2015
Na Acrópole de Atenas está o templo trazado por Ictino e Calícrates, onde o xenio de Fidias cicelou en frisos, frontóns e metopas que foron roubadas e agora admiramos no Museo Británico. A maxestosa ruína do Partenón é paradigma da Grecia actual. A que fora faro da civilización máis luminosa xace onde a colocaron sagas de políticos mentireiros e incapaces: os Papandreu, os Karamanlis.

As fermosas ruínas son agora esta desfeita nas mans de acreedores ávidos do curto prazo, eses bancos alemanes que lles expulsan de Europa e lles rouban o futuro.

Canto debemos a Grecia! Na historia de Occidente representa un corte co anterior, un salto cultural que chega ata hoxe. A Grecia da que somos debedores é a do descubrimento do individuo, da liberdade e da igualdade, conquistas inéditas.

A Grecia reclámanlle miles de millóns de euros que non pode pagar, pero ela regalounos o pensamento, a arte do home individual, a lei aprobada polo pobo. Dela herdamos a democracia, palabra grega para designar o que nunca existira. Deunos a traxedia, a filosofía, a ciencia, a historia crítica. Ah, e o olimpismo. Todo iso é específicamente grego.

Roma, os bárbaros, o cristianismo, o Islam, acabaron tinguidos desa excepción luminosa que é a cultura grega. Velaí o notable destino dun pequeno pobo e, dentro del, dun sector libre e creador. E como toda gran cultura, chegou máis lonxe que ninguén. Foi a súa unha colonización cultural e unha colonización da liberdade. A Grecia libre creou a ciencia e a democracia, o máis radical dos inventos do igualitarismo grego. Algo impensable por exemplo, en Exipto ou Babilonia.

A democracia tivo en Grecia unha vida curta, pero o impacto foi xigantesco e duradeiro. Grecia respira un aire de liberdade e humanidade, unha explosión de personalismo. Desde o s. VII a.C. coñecemos os nomes dos mellores escultores, ceramistas, arquitectos. Ata os que ignoran o que é filosofía oíron falar de Sócrates, dos sofistas, de Aristóteles. Homero sabe escribir traxedia na Ilíada e comedia na Odisea.
Ata no amor trunfa o individualismo. Hai celos, laios, seducción nos deuses, tan humanos. Amor homosexual en Safo ou de vello en Anacreonte, mentres o finísimo cicel de Fidias viste con teas transparentes a carne feminina.

A apertura grega vén acompañada de esplendor cultural: teatro, filosofía, oratoria. E tamén artes, política, ciencia. Todas as linguas modernas maman dos tetos desa lingua cultural e científica que é o grego, que algúns descerebrados chaman lingua morta.

O legado de Grecia é inabarcable. Todas as luces da civilización acendéronse alí. Hoxe, forzas do lado escuro, usureiros do euro, tentan apagalas devolvéndoa á súa posición marxinal. Esquecen o moito que lle debemos. A Grecia.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES