Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Hospital asilo de Vilalba (18)

jueves, 29 de enero de 2015
Ano 1920

Falta papel. Ó cumprir o quinto aniversario da súa saída, «Heraldo de Villalba» manifesta sentir as mesmas ansias de defensa da colectividade que nos inicios. Non vai desfalecer por interromper uns meses a impresión pola falta de papel nin por ter que saír en papel de color no número do 22 de marzo.

«Progreso de Santaballa». Abril de 1920. Continúa a subscrición entre asociados e simpatizantes para construír un edificio que sirva de local para a sociedade agraria. Á súa fronte, como desde o seu inicio, o párroco Domingo Pérez Ocampo.

Médico municipal. Foi nomeado na sesión do 31 de abril o galeno Domingo Goás Canto. Tamén será membro da Comisión Executiva encargada das obras do hospital asilo.

Un donativo. Francisco Basanta Silva cedeu a cantidade de 339,5 ₧, que á súa vez lle correspondían como honorarios polo cargo de farmacéutico municipal de Vilalba do ano 1918. Pouco antes «A Xusticia» arremetera contra del e do seu pai, o alcalde, polo feito de pagarlle esa cantidade. A tradición oral di que era o propio alcalde quen se negaba a abonarlle os emolumentos e que só accedeu a facelos efectivos despois dunha resolución administrativa e de que o fillo prometese destinalos ó financiamento das obras do hospital.

Controversias ideolóxico. Nos meses de abril e maio as discusións por artigos publicados e por noticias dadas, continúan entre o «Heraldo» e «A Xusticia». M. García Olano xustifica as súas actuacións para beneficio da xente de Vilalba en xeral. Andrés Pernas Pérez indícalle a Antonio Peña Novo que non faga sofismas coas súas argumentacións e que non falte á verdade nun asunto no que el é alleo.
Nesta última controversia entra tamén Ant. García Hermida, quen fai unhas afirmacións moi ilustrativas sobre a situación do momento. Acusa a Antonio Peña Novo de mentirán e manipulador, engadindo que el non ten culpa dos insultos mutuos que se dirixiron, había tempo, «El Ratón» e «El Vigía». Ofrece a información de que o convidara Antonio Peña para colaborar en «El Ratón», ó que el non accedeu por non estar de acordo co xeito de practicar certas campañas. Afirma que en certa ocasión foi Antonio Peña quen lle ofreceu a propiedade de «El Ratón» pensando en ausentarse e coa liberdade de modificar o rumbo e cabeceira do mesmo. E remata: A este pobre hombre [a si mesmo] lo buscaron siempre con empeño los señores Peña Novo. De mí se valieron para organizar la «Irmandade da Fala» en esta villa, que no prosperó porque la mayoría «dos irmaos» no quisieron secundar ciertas posturas políticas. Y me consta que cuando don Luis Peña Novo dio su primera conferencia galleguista en el Centro de Artesanos se pensó en el poeta de Monelos para que en dicho acto diera a conocer algunas de sus modestas composiciones. El mismo don Luis Peña Novo se tomó la molestia de ir a buscarme al Campo de Guadalupe, en día de romería, para que con otros compañeros acudiera a saludar a don Francisco Cambó a su paso por esta villa. Y los que antes así me buscaban son los que ahora me combaten sañudamente por el mero hecho de defenderme y defender a mis amigos. El público juzgando serena e imparcialmente dirá quien tiene la razón. Definitivamente: hai cousas que non cambian.

Creación de escolas. Por decreto de do Ministerio de Instrución Pública créanse as escolas de Pedrouzo, na Torre; de Vilapedre e de Ribeira, en San Simón da Costa. Pouco había que se creara a de Xoibán e había esperanzas de que continuasen outras.

Vilalba terá hospital! Con este titular o «Heraldo de Villalba» de 6 de agosto informa que despois do chamamento deste xornal, os vilalbeses de Bos Aires están dispostos a realizar festivais e outras actividades para recadar fondos con destino a tan magna obra. Tamén se agarda a resposta positiva doutros lugares de América.

Do ferrocarril Lugo a Ribadeo. Continúa vixente a necesidade de construír este medio de transporte que suporá o progreso e despegue económico tan demandado para a comarca. E ademais debe construírse pasando por Vilalba, porque hai noticias de que os estudos encargados poñen dificultades técnicas, non precisadas, para que pase por esta vila. Castro e Feira do Monte parecen interesadas en dispoñer de vías e estación.

Tenente coronel Manuel Pena Vidal, heroe en Cuba. No número do «Heraldo» correspondente ás festas de San Ramón, refírese unha crónica na que se destaca un glorioso feito de armas para o exército español do que cumprían vinte e catro anos.
Refírese o seguinte. Data: ano 1896. Lugar: Cuba. Unha compañía do batallón de cazadores de Baza é atacada por uns cincocentos mambís ó mando do famoso caudillo Rabí. En principio causan moitas baixas e mesmo cae o capitán que mandaba os soldados españois. Ponse á súa fronte o daquela segundo tenente Pena Vidal mandando formar en cadro, como o facían os famosos terzos en Flandes, ante a inminente carga da superior cabalería cubana. Foi tal a resistencia e coraxe dos soldados mandados por Pena Vidal, que puxeron en fuga ó inimigo en número moi superior. Cando chegaron os reforzos do xeneral Hernández, desde Manzanillo, o tenente Pena tamén caeu moi ferido. Logo chegaría desde Madrid un lacónico telegrama que comunicaba que un dos fillos de Vilalba estaba moi grave de resultas de brillante combate en Cuba. Pasaron semanas e aínda meses de incerteza temendo o peor. Por fin, días antes do San Ramón, sóubose que as noticias eran de melloría.

Escola de Mourence. Os veciños da parroquia, convencidos da necesidade de dotarse dun local digno para escola, planean construír un pavillón do que xa teñen planos. O Hospital asilo de Vilalba (18)Forma a comisión como presidente honorario o tenente coronel Pena Vidal; presidente efectivo, o párroco Manuel González Pérez; vicepresidente, o sacerdote Melchor Montes Leal; secretario, José Sanjurjo Mouteira; vicesecretario, Lorenzo López Orosa; tesoureiro, Manuel Trastoy Otero; e vocais: José Noche Bocelo, Jesús Ferreiro Bellas, Ricardo Peón Soto e Manuel Carballeira.
«Un amigo de Mourence» asina o chamamento ós veciños de alén do mar solicitando axuda. Reflexiona: ¿Para que sirve el que no sabe leer, ni escribir, ni contar? Podemos decir que para nada... El hombre debe servir para algo más, si a su debido tiempo se le da la cultura suficiente y se le facilitan medios para que en él se pueda desarrollar la ciencia o el arte.

Un cine. Deron inicio, agosto de 1920, as obras para a construción dun elegante pavillón destinado a cine. Pénsase -moi optimistas!- que pode rematarse para o outono.
O Hospital asilo de Vilalba (18)
Próximo enlace. En breve unirán a súa sorte ante o altar co indisoluble lazo do matrimonio o noso estimado amigo don Vicente Rouco e a simpática e anxelical señorita María Eugenia Varela. Reciban por anticipado os nosos máis cordiais parabéns.

† Andrés Paz López. Faleceu en Cazás o 24 de outubro último. Foi alcalde de Xermade durante 41 anos ininterrompidos, xa que fora nomeado por primeira vez para o cargo en 1879. Pode asegurarse que era o decano dos alcaldes de España. O «Heraldo de Villalba» dedícalle palabras laudatorias, mentres que noutrora desde «El Ratón» fora moi duramente atacado e acusado de cacique e ignorante.

«A Galicia». Unha oda con este título, da autoría de Ant. García Hermida, foi galardoada cunha mención honorífica no certame literario musical organizado por «Cántigas e Aturuxos» de Lugo.

«A Xusticia» vs. «Heraldo de Villalba». No mes de decembro continúa a controversia. Esta vez Andrés Pernas Pérez é quen desmonta as argumentacións de Antonio Peña que á súa vez escribira un artigo descualificador cheo de falsidades referíndose con alcumes ós seus contrarios.

Para o hospital. Francisco Basanta Silva fixo entrega para as obras do hospital da cantidade de 485 ₧, salario que lle correspondía polo ano 1919 como farmacéutico titular.

Inauguración da escola de Lanzós. Nos primeiros días de decembro foi inaugurado o edificio escolar costeado polos habaneiros da sociedade «Progreso de Lanzós». Lamentablemente non dispoñemos da crónica xornalística do evento, pero a tradición oral aínda recorda o día como de gran alegría e de opulenta comida parroquial servida pola prestixiosa casa de don Ángel Rego.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES