Paz e reconciliación
Mato, Xesús - lunes, 20 de marzo de 2006
Ou reconciliación para a paz. Obxectivo imprescindíbel no noso camiñar cara á Pascua. Comezar por reconciliármonos con nosoutros mesmos (¡aceptándonos e queréndonos!) para, dese xeito, poder colaborar cos que comparten connosco a mesma vida/mundo. Obxectivo común de toda persoa humana por enriba das súas crenzas e relixións.
O panorama do mundo é aberrante. Volve a guerra preventiva ao Iraq. Igual ca no comezo. Máis cinismo e hipocrisía. Cheira a corrupción e a podremia o ar que se respira no mundo da política, da economía e mesmo da degradación das grandes relixións. A maridaxe Deus/Poder, Deus/Diñeiro, Templo/Mercado segue a estar presente. Como nos tempos de Xesús, reina a ambición, a mentira, a manipulación, a profanación.
O talante pacífico de Xesús estalou ante a repugnante profanación do Templo. Facendo un vergallo, botounos fóra; guindou cos cartos e virou as mesas; e aos que traficaban, díxolles: Arredádeme de aquí estas cousas: non fagades da Casa do meu Pai unha cova de ladróns (Xoán, 2,13-25) Esta historia adiantou a morte violenta de Xesús.
No camiño dunha revisión seria, é bo que nos preguntemos: ¿que imaxe teño de Deus?: ¿como son as miñas/nosas relacións con El?; ¿que faría Xesús ante o que acontece nos templos católicos, como Xerusalén, Roma, Santiago e noutros!?; ¿que acontece nas amplas mezquitas dos árabes e nas sinagogas dos xudeus? O Papa (antonte) mándanos outro aviso: cristiáns, xudeus e mahometanos deben cooperar á paz. ¿Que opinamos dos ampulosos santuarios nos que se reparten as riquezas os amos da Banca, da Bolsa e das Multinacionais que están a afogar aos pobres/famentos do Mundo?.
Non é doado atopar a Deus (encontrármonos con El) nos nosos templos, ritos e actos de culto, coa mestura dos cartos polo medio. Estase a favorecer a práctica relixiosa evasiva no canto do culto que Deus quere: servir aos irmáns, os verdadeiros templos onde está Deus. Traficar coa relixión é un insulto a Deus. O Deus Amor/Gratuidade non casa co diñeiro. Hai que erguer o novo templo da xustiza e da irmandade, a mesa do pan compartido, como novo e verdadeiro culto ao Deus da misericordia e da liberación.
Promover a paz e a reconciliación entre as persoas é o obxectivo que ven de fixar o Papa para a Radio Vaticana, nos 75 anos de servizo á concordia. ¿Non lles parece que este obxectivo debería ser asumido polas emisoras (sobre todo da Igrexa e do Estado) e polos políticos/parlamentarios!? Están a darnos mal exemplo ao esnaquizaren as máis elementais normas éticas e morais para unha normalizada convivencia humana. Sería o mellor aval para facer crible a nova proposta da educación para a cidadanía.

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora