Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Valorar a vida

miércoles, 28 de enero de 2015
Dulcinea Estudios, en colaboración coa Asociación de adolescentes y adultos jóvenes con cáncer, lanza un novo vídeo viral no que se tratan as prioridades da vida facendo unha pregunta a dúas persoas que se descoñecen entre elas e que están separadas por un biombo. Unha delas ten cancro ou ten relación co cancro. A outra está sa e leva unha vida normal. A pregunta é sinxela: se puideras pedir un desexo, cal sería? Hai que dicir que se pide un desexo persoal, algo que consideren que vai mudar a súa vida.

A xente sa fala de proxectos de futuro, de preocupacións por todo aquilo que non acaba de saír ou que non acaba de dar a estabilidade necesaria á vida. Preocúpannos o porvir e o acceso a unha vida plena, o manterse lonxe do fracaso e a tranquilidade de gozar do seu entorno. Parece irremediable vivir coas preocupacións do cotiá magnificadas porque no seu éxito está o porvir.

Doutro lado do biombo a cousa cambia e os desexos simplifícanse nos pequenos praceres que nos ofrece o cotiá e que moitas veces rexeitamos inundados de preocupacións que non teñen peso. Algo tan sinxelo como sentir o vento na cara ou gozar do aroma dunha flor convértese nun auténtico fito para unha persoa con cancro. Entón comprendemos aquilo que dicía Facundo Cabral cando ía en “el tren de la muerte que pasa por la vida” ao final era todo tan sinxelo como vivir. Iso é o que moitas veces perdemos en absurdas preocupacións e en absurdas contendas que realmente non aportan nada útil nin para o progreso persoal nin para o colectivo.

A vida é tan sinxela como unha pinga de auga e tan grande como o son do río que nos abraia no sentido do vento. A vida está inventada e é un feito marabilloso que nos tocou no boleto da sorte. Só temos que atrevernos a vivila con intensidade e o mundo abrazará as nosas ilusións, as nosas fantasías e as nosas ideas. Vivir é tan doado como sentarse ao carón dun muíño e agardar pola fariña que nos alimenta.

Ao final a vida é un camiño con mil metas e rodeado de beleza para gozar e aprender da propia vida. Valorar o cotiá, o sinxelo, as cousas pequenas é coñecer o cerne da vida, é voltar á propia esencia para recoñecer o imprescindible e sentir, de novo, a maxia roubada polas preocupacións superfluas e xogar con ela a aproveitar fondamente cada minuto de existencia.

https://www.youtube.com/watch?v=5pynXxLh9iM#t=309
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES