Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Secuestro do Santa María

martes, 27 de enero de 2015
O día 3 de febreiro de 1961 rematou en Recife (Brasil) o longo secuestro do trasatlántico “Santa María”, da Compañía Colonial de Navegaçao, despois de trece días de navegación e unha intensísima actividade propagandística para chamar a atención das dictaduras franquista e salazarista, que tal fora o obxectivo desta acción espectacular protagonizada polo Directorio Ibérico de Liberación (DRIL), unha organización revolucionaria xestada no exilio venezolano, deseñada e dirixida polo nacionalista celanovés Xosé Velo Mosquera, que se facía chamar “Carlos Junqueira de Ambía”, coa colaboración de José Fernando Fernández Vázquez, un arousán, que fora militar da mariña republicana, que utilizaba o alias de “Comandante Sotomayor”, e o militar portugués Henrique Galvao. Na folla de ruta do directorio revolucionario estaba previsto levar o buque ata a illa de Fernando Poo e despois desembarcar na Guinea continental para incorporarse aos movementos independentistas.

Nos días que durou o secuestro producironse varios motíns a bordo, que Pepe Velo coa súa prodixiosa habilidade dialéctica aplacou. A medida que Velo falaba, como por arte de maxia, o ambiente íase sereando. Miguel Urbano, xornalista portugués e membro do comando relátao así: “Axiña me decatei de que Pepe Velo non era un “condottiero” nin un revolucionario profesional. Enfrentouse sen armas ao xentío enfurecido e dominouno con palabras. Pero dunha maneira rara, sen demagoxia, sen ameazas, cun extraño calor humano. Os tripulantes arredáronse avergoñados, as mulleres chorando”. Esa oratoria que caracterizaba a Pepe Velo foi a mesma que levantou o entusiasmo e o aplauso de máis longa duración dos asistentes ao 1º Congreso da Emigración Galega celebrado en Buenos Aires en 1956.

A escenografía revolucionaria que Pepe Velo utilizou durante os días do secuestro era dunha coidada pulcritude que motivaba sentidas emocións. Nun deses momentos, o día 25 de xaneiro, diríxiuse á pasaxe formada por moitos emigrantes que voltaban á súa terra así: “Irmáns: os tempos son chegados. Mais nós non andamos ao paso do tempo. Nós ímos sempre a destempo para ficarmos saudosos, dimitidos, no contratempo. Que ben di o Dieste cando trasuda a súa galeguidade humana nos Mandamentos para axudar á Renacenza de Galiza!: Ser sempre oportunos, endexamais oportunistas”. E invocando aos mártires galegos dílles: “Os soños de xustiza que moveron a vontade daqueles mártires están a punto de se realizaren”.

O mesmo acto de entrega da nave ás autoridades brasileiras foi dunha estética pouco común, pero que Pepe Velo soubo materializar en todos os extremos. Antes de guindar a áncora, escoitouse polos altofalantes, a todo volúme, a Obertura 1812 de Txaikovsxki, nos momentos finais, canda o repíque das campás, as descargas de fusilería e as salvas de artillería se mesturaban cos berros do pobo pola victoria. Arriouse a bandeira republicana cos membros do DRIL formados, mentres moita xente cantaba a “Marsellesa”.

Non coñecín a Pepe Velo, pero souben moito del polas confidencias que meu pai, que foi amigo seu, me contou. Confeso que o seu exemplo foi decisivo, anos despois, na formación da miña conciencia política.

Instalado en Sao Paulo, onde faleceu en 1972, ali pasou os seus derradeiros días rexentando a librería “Nós”, que había transformar en editorial –“Publicacións Galicia Ceibe”- na que tiña mentes de editar a súa obra inédita. Victor Velo, seu fillo, que tamén formou parte do comando do DRIL, relatoume moitas anécdotas do seu pai reveladoras do seu pensamento político, que se define moi ben nestas versos dun poema do noso heroe: “Ei Mocidade Galega/Non acaba o que non comenza/cómpre ir á liberdade/ela soiña non chega”.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania