Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Coruña no corazón do P. Seixas

jueves, 29 de enero de 2015
Dentro da intensa actividade de Seixas en diversas partes do mundo (Bordeos, Salamanca, A Coruña, República Dominicana e finalmente Vigo) esta cidade da Coruña é aquela na que durante menos tempo residiu Seixas sendo xa xesuíta. Pois aquí estivo só durante un ano: desde finais de 1960 ata finais do ano seguinte. Con todo, Seixas confesaba que levaba esta cidade moi no “corazón”. En boa parte porque aquí, aínda tendo nacido en Santiago, vivira xa durante algún tempo (tres anos) sendo rapaz. Cóntanolo el nas súas Conversas do Pai Xaime Seixas con Silvestre G. Xurxo, aquí presente: “Dos sete ós dez anos anos vivín na marabillosa cidade da Coruña -¡como lle quero á Coruña!-, e alí fun confirmado polo gran bispo galego Lago González e fixen a Primeira Comuñón na igrexa dos xesuítas. Ás veces penso que aquilo me marcou para o futuro porque acabei sendo xesuíta e téñolle un gran amor a Galicia, como lle tiña ese home excepcional que foi Lago González”
A Coruña no corazón do P. Seixas
A que se dedicou no ano 1961 aquí? A fundar e traballar coa Vangarda Obreira, do mesmo xeito que xa o fixera durante unha etapa máis longa inmediatamente antes en Salamanca. Nun escrito seu sintetizaba así a súa acción: “Traballo na Residencia [xesuítica da Coruña] e na reorganización da ‘VOJ’ [Vangarda Obreira Xuvenil] e na fundación da VOJF [Vangarda Obreira Xuvenil Feminina]. Moita dirección espiritual e acción xuvenil. Pola miña chamada a América non houbo tempo para consolidar o traballo comezado”.

Na fundación da Vangarda Feminina colaborou estreitamente con Seixas a relixiosa Filomena Beiras García, irmá do político galeguista Manuel (e pai do actual político Xosé Manuel Beiras Torrado). En calquera caso, aínda que breve, a etapa coruñesa foi, tal como lle comentaba Seixas en xaneiro de 1966 ó seu antigo Mestre de novizos Rafael Garrido, unha etapa intensa e “feliz”: “Organicé todas las ramas de la Vanguardia Obrera (Juvenil, Femenina y Social). Trabajé mucho en dirección espiritual. Encontré gran apoyo en las gentes coruñesas y pasé un año muy feliz”.

Nunha conferencia impartida por Seixas neste mesmo ano 1966 comentará algo semellante en relación con este ano na Coruña: “Do Centro da Coruña, no que traballei un ano, teño a mellor lembranza. Hai unha sección feminina bastante boa e outra adulta de homes”.

Será, pois, a finais de 1961 cando Seixas se trasladará á República Dominicana, para traballar alí intensamente durante catro anos. O seu novo destino relixioso, trala súa volta de América, será a cidade de Vigo. Mais Seixas non se esquece da súa anterior estancia na Coruña. Pois terá ocasión de presidir aquí (cando xa levaba un par de meses no seu novo destino de Vigo), unha eucaristía, da que se conserva a breve homilía pronunciada por el. Adúzovos agora ós parágrafos iniciais da mesma, porque Seixas relaciona neles de maneira moi directa a actividade social co sentido misioneiro, as dúas dimensións que conforman a súa vocación relixiosa. A homilía, escrita en galego, foi pronunciada por el o 5 de Nadal do 1965, hai agora case medio século. Era o 2º Domingo de Advento. Velaquí o comezo da mesma:

“E chamou Xoán Bautista a dous dos seus discípulos e enviounos a Xesús. ‘Es Ti o que ha de vir ou agardamos a outro?’. E Xesús respondeulles: ‘Ide e contade a Xoán o que escoitastes e vistes: os cegos ven, os coxos andan, os mortos resucitan e o Evanxeo anúnciase aos probes’. Deste anuncio do evanxeo aos probes, que pon Xesús como proba da súa mesianidade e divindade, quero eu hoxe dicirvos algunhas palabras.

Cales son hoxe os probes dos que fala Xesucristo? Sen dúbida esa meirande masa de traballadores e de parados, das cidades e dos agros, dise inmenso mundo subdesenvolvido que non dispón das cousas máis necesarias pra unha vida humana e que moitas veces non ten que xantar nin que vestir.

A nosa primeira misión no mundo, como cristiáns e militantes do movemento obreiro cristián, neste caso da Vangarda Obreira é levar o Evanxeo de Xesucristo a tantos irmáns nosos que aínda non o recibiron. Irmáns que habitan non somentes noutros continentes e países, mais tamén eiquí perto de nós, na mesma Cruña e na Galiza en xeral. Velaquí a laboura da Vangarda Obreira, que por ser cristiá é necesariamente misioneira.

Eis por iso que fai xa máis de catro anos deixei, con moita dor e sufrimento interior, a vosa compañía, atendendo a chamada do Pai Xeral da Compañía de Xesús que pedía voluntarios pra a República Dominicana e máis en concreto un pra a misión da fronteira con Haití. O Señor quixo que volvera...”

Cara ó final desta homilía Seixas pregará aínda por diversas intencións (persoas, colectivos, etc.), entre elas “por tódolos irmáns traballadores do mundo, especialmente por aquelas santas razas indias e pretas tantas veces asoballadas”.

Respecto do uso por parte de Seixas do galego nesta homilía súa e como por entón aínda non estaba aprobada oficialmente desde as correspondentes instancias romanas a liturxia en galego, Seixas considera oportuno darlles razón nela ós seus oíntes coruñeses de por que se dirixe a eles en galego. Coido que son dignas de seren lembradas hoxe aquí despois, como digo, de case medio século. Son estas:

“Así como cando antes estaba en Francia na parroquia, verdadeiramente internacional, de Bordeos, percuraba falar e predicar nas linguas dos meus ouvintes; e o mesmo dimpois en Salamanca; e derradeiramente na parroquia fronteiriza da República Dominicana; así hoxe eiquí, e aínda con moita máis razón por se tratar do meu propio idioma, quero falarvos na nosa querida lingua vernácula. Nesta lingua na que falan decote os nosos traballadores da cidade, do agro e do mar. Nesta lingua que é a lingua dun pobo que traballa, sofre e cala; duns homes e dunhas mulleres que, conscientes dos seus valores, atravesan moitas veces as fronteiras da terra ou do mar pra buscar lonxe da Patria un porvir millor pra eles e pra os seus fillos. Desta lingua feita pra falar cos homes e con Deus [...]. Sen estreitismos, pois tódalas linguas son boas pra loar a Deus, mais tamén sen ridículas concesións, preguemos a Deus e levemos aos homes a súa mensaxe no noso idioma e non somentes por dereito natural que ninguén pode asoballarnos, mais tamén polo mesmo espírito universal do Evanxeo, contrario a todo imperialismo aínda que fose somentes cultural, e polo ensino actual da Eirexa feito manifesto polas verbas dos Papas Xoán XXIII e Paulo VI e polo Concilio Ecuménico Vaticano 2º”.

(Resume da intervención do autor no Encontro "INAUGURANDO O CENTENARIO DO NACEMENTO DO P. SEIXAS NA CORUÑA", no Centro Fonseca, o 15 de xaneiro de 2015)
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES