O negocio é o negocio
Xiz, Xulio - lunes, 26 de enero de 2015
Houbo un tempo que supoño que aínda dura- en que se consideraba un bo negocio a atención á terceira idade, porque cada vello levaba aparellada unha pensión, maior ou menor pero sempre interesante por estar garantida periódicamente, e a atención aos maiores da familia xa non só se facía por tradición, por devoción, pola compensación de anteriores esforzos, senón tamén porque tiña interesantes compensacións.
A crise fixo que non só fose verdade ese extremo, senón que moitas familias poidan subsistir na actualidade por ter a un maior entre elas de xeito que a súa pensión xeneralmente modesta- contribúe decisivamente ao equilibrio económico da unidade familiar.
Do mesmo xeito que a atención aos maiores pode ter unha visión económica ou economicista, e así xurdiron numerosas residencias para xente maior, quede constancia da importancia que ten o pasamento das persoas, téndose formado arredor dos mortos toda unha industria que vai desde os cadaleitos e lápidas e placas ás flores, desde os tanatorios ás esquelas, nunha cadea milenaria en euros de xeito que cada enterro é económicamente, empresarialmente- unha festa.
Só pola especial querencia dos lucenses ás ceremonias relacionadas coa morte se entende que habendo en Lugo un tanatorio privado máis o do Hula, pretendan montarse outros dous, nunha operación económica de entrada de novas iniciativas na capital e reforzamento das xa existentes, proba de que estamos nun sector no que a competencia será boa, pero tamén o é manter unha cuota de mercado que permita aumentar os beneficios.
Vai resultar que os mellores negocios están nos últimos tramos da vida e na mesma morte, aforrando ou suscribindo seguros- para eses últimos tempos, como non facemos con ningunha outra etapa da nosa vida.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora