Sheriff ó volante
Riera, Martiño - sábado, 24 de enero de 2015
É probable que nalgunha ocasión, conducindo de camiño ó traballo ou de volta deste se cruzasen vostedes cunha desas persoas que teñen por afección convertir a estrada en pouco menos que nun circuito de competición. Se fan memoria de seguro que serán capaces de lembrar esa mirada inquisitiva no espello retrovisor ou ese bocinazo nun semáforo a golpe de luns que puxeron a proba o seu tempero e a súa paciencia. Pois ben, este grupo de persoas que a miúdo se afanan en alegrarnos o día ó volante pertencen a un colectivo que poderiamos denominar os sheriff do volante.
O termo sheriff danos unha pista do tipo de personalidade que se agocha tras este perfil e que nas próximas liñas tentaremos describir. A conduta destes indivíduos explícase en boa parte pola existencia de dúas concepcións erróneas ás que ó sheriff se aferra coma se de dogmas se tratase:
1. Os pequenos erros ó volante son inadmisibles;
2. Eu son perfecto ó volante e ademais, como sheriff supremo, teño dereito a increpar a aqueles condutores que ousen equivocarse empregando para iso os medios que eu considere oportunos.
O catálogo de recursos ofensivos do bo sheriff é tan variado como inoportuno, incluíndo xestos, peinetas, bocinazos e por suposto o insulto, disciplina que todo español que se precie debe dominar con destreza. Á marxe do lado humorístico con que toda realidade pode ser observada, o certo é que dende fora o neurótico do volante produce certa lástima xa que as súas reaccións esaxeradas deixan entrever outro tipo de problemas. Ninguén perde os nervios ó volante por casualidade, senón como consecuencia, entre outros motivos, dun problema de autocontrol. Imaxinan vostedes a un monxe budista vociferando e adicando peinetas ó condutor de adiante porque este esqueceu activar o intermitente para cambiar de carril? Por suposto que non, xa que as persoas serenas, as que dominan os seus impulsos e pensan racionalmente (non é preciso irse ó caso extremo dos mestres budistas para atopar persoas con este perfil) compórtanse na estrada como o fan na súa vida, con respeto e sobretodo con empatía, ese rasgo tan necesario para relacionarse cos demais de xeito armónico e que tanto se bota en falta ó volante. Así, ante un posible erro ou indecisión doutro condutor a persoa empática, a diferencia do neurótico do volante, intentará comprender o porqué do comportamento da outra persoa e será capaz de atopar explicacións razoables para os erros desta ó volante como o descoñecemento da estrada, un pequeño despiste ou problemas máis complexos como a amaxofobia ou medo á condución. Trátase polo tanto dun estilo de pensamento moito máis profundo e adaptativo que o dos sheriff do volante e que ademais denota unha maior intelixencia da persoa sobretodo no referido ó ambito emocional. Dita facultade resultará beneficiosa tanto no ámbito interpersoal, o referido á relación coas demais persoas, que será máis respetuosa e equilibrada, como no intrapersoal, referido ó benestar da propia persoa, posto que o individuo competente a nivel emocional contará cun maior nivel de benestar psicolóxico.
Pois ben, como dicía, a agresividade ó volante non é un rasgo aillado senón que máis ben é reflexo dunha personalidade débil nalgunha das súas facetas. Un exemplo moi común desta debilidade que se soe por de manifesto ó volante é o machismo que, desafortuadamente, segue a estar enquistado na nosa sociedade. Aínda que a deseabilidade social obriga ó machista a reprimir os seus instintos en público para amosar unha postura aceptada socialmente, existe un contexto no que o machista soe mostrarse tal e como é e ese entorno non é outro máis que a condución. Por algunha extraña razón o volante actúa coma unha especie de confesionario onde a persoa se ispe e amosa moitas das súas vergonzas, inconfesables noutros contextos pero irreprimibles unha vez emprendida a marcha. No caso dos machistas existen numerosas frases que os delatan e que denotan a súa pequenez intelectual.
Xa para rematar só quixera engadir como reflexión final que, ante a dificultade de cambiar a conduta das persoas que nos rodean, sobretodo cando non mantemos ningún tipo de vínculo con elas, quizais o máis sensato sexa intentar non entrar ó trapo das provocacións nas que algúns sheriff do volante pretenden que caiamos. Pensen que é probable que na seguinte rotonda se atopen con alguén máis sensato, alguén dos seus.

Riera, Martiño
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora