Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Desmonte institucional

viernes, 23 de enero de 2015
Os lectores seguro que leron máis dunha vez que había que desmontar o modelo económico actual e algunhas redes establecidas, máis ou menos institucionalmente, como instrumentos socio-políticos de goberno, para corrixir certas irregularidades e inxustizas. Pero cando se fan afirmacións á destra e sinistra sen reflexionar, o baleiro e desatino do que se di está servido. Isto lévame a pensar que para valorar o alcance desta afirmación é necesario introducir algunhas explicacións previas, inda que moi modestas.

Hai que empezar por convencerse de que a orde e os modelos de todo tipo que introduce o home na sociedade, son imaxinarios e están suxeitos a crenza, precisamente pola orixe convencional. Lembren que as chamadas humanidades e as mesmas ciencias sociais teñen como contidos a explicación de como se entretece a orde nas redes sociais establecidas para articularnos colectivamente.

Isto supoño que pode resultar algo estraño, porque estamos educados para aceptar que esa estrutura que sostén ás sociedades é algo realmente obxectivo. Pois..., non. Élles moito máis subxectivo e imaxinario do que pensamos. E nesta valoración entran tamén as construcións ideolóxicos, os proxectos económicos e culturais dos partidos e gobernos da quenda, as institucións nas que se asenta o poder executivo, lexislativo e xudicial, as mesmas normas xurídicas, etc., etc.

Para convencernos de que todo iso está só na nosa imaxinación, seguramente nos convén diferenciar entre a obxectividade da realidade tanxible, e a que nosoutros ideamos para comprender a realidade construída, porque as diferenzas son abismais. E coa observación de que non utilizo aquí o termo “obxecto” e “obxectividade” con estrito rigor gnoseolóxico (por outra parte, non exento de discusión metafísica), paso a ofrecerlles algúns exemplos.

A obxectividade da realidade natural tanxible non se constrúe, está aí na natureza con unha estrutura inmutable. Os cantos de pedra dos que está construída unha casa non admiten máis cambios que os accidentais necesarios para adecualos a función que se lles asigna, teñen un orde estrutural perfectamente estable e están libres das veleidades do home; pero a casa en si mesma considerada, con independencia do seu asento realmente tanxible, responde a imaxinación dos construtores e queda sempre exposta a ser reformada ou abatida.

No primeiro exemplo encontrámonos cunha obxectividade propia da realidade tanxible; no segundo, cunha da realidade construída, cunha orde imaxinaria, na que hai que crer para mantela no seu estado, porque tan pronto deixe de presentarse como funcionalmente aceptable, o mesmo home se encarga de prescindir dela. As forzas policiais, os tribunais, etc., son outro exemplo de obxectividade dunha realidade previamente imaxinada.

Sen embargo, reparemos que esta realidade imaxinada está amparada das arbitrariedades de calquera persoa, porque está intersubxectivada: Se calquera de nosoutros quixera prescindir dela non poderá facelo se non convence a millóns de persoas que non están nesa liña de extinción ou cambio, xa que se asenta nunha rede comunitaria, porque non existe con independencia da conciencia humana e das súas crenzas. Non a confundamos coas realidades tanxibles nas que se asenta e coa que se entrelaza.

Permítanme resaltar aquí algo que considero de certa importancia: Para desfacernos socialmente desta clase de realidades sociais, imaxinadas polo home, con obxectividade construída, é mester non só substituílas por outras tamén imaxinarias (hai que imaxinar outras!!!), ou prescindir da súa función, senón tamén contar coa erradicación da intersubxectividade que a ampara. E pensen vostedes en que, en moitos casos, non se pode prescindir da ponderación de que este respaldo intersubxectivo ten un vigoroso ámbito internacional, global, como se soe dicir agora.

Tamén parece procedente prestar coidada atención a que, aquilo que depende das crenzas, das conviccións imaxinativas, xera sempre tensións e desencadea a diversificación de criterios, porque, pese á grande dificultade que se apuntou para prescindir del, non se sente como un imposible, e ás persoas cunha certa configuración psicolóxica ata lles pode parecer de realización inmediata.

Seguro que algún dos lectores está pensando en Hitler.

Polo contrario, non ocorre así coa obxectividade da realidade natural tanxible: A lei da gravidade, por exemplo, nin se pode alterar, nin depende das crenzas. Si... pódese aproveitar, favorable ou desfavorablemente; pero non hai nunca que soñar con substituíla ou facela desaparecer. E, xustamente por isto, non ofrece espazo para tanta argallada.

Insiramos agora os “desmontes institucionais” neste contexto que deixamos lixeiramente apuntado, sen ningunha dúbida, nunhas explicacións necesariamente insuficientes, e non só por razón de espazo (que ven sempre en auxilio do pouco que sabemos), senón tamén para evitar o manexo da documentación pertinente.

Analicemos unicamente estas dúas perspectivas: Unha, dende as posturas, politicamente tratadas, dos que, en determinadas circunstancias, están dispostos a vigorizar a intersubxectividade das institucións cuestionadas no seu funcionamento, ou a orde social mantida nun estado; e, outra, dende as de aqueles que, ben sexa por lixeireza electoral, ben porque contemplan a realidade con outra óptica, ou ben por inexperiencia, ofrecen levar a cabo desmontes de diferente alcance.

Polo que respecta aos primeiros – que ordinariamente ostentan o poder –, no caso concreto de España, están acusados non de desmontes, senón de desmantelamentos. Así, por exemplo, dise que desmantelaron os Servizos Sanitarios, o Estado de Benestar e a Ensinanza.

O termo parece adecuado, porque, tanto nun caso como noutro, as institucións están aí e prestan os servizos propios, aínda que espidas dalgúns mantelos; pero tamén hai que afirmar que algúns deles estaban nos armarios.

Enténdanme ben: É evidente, traendo un destes casos a exemplo, que non se podía manter a Seguridade Social como na época das vacas gordas, e, sen descartar a existencia de medidas inxustificadas, algo tería que facerse, aínda que non precisamente un desmonte coa careta do desmantelamento, para burlar iso da intersubxectividade, xa que, en caso contrario, habería que pensar nunha verdadeira traizón aos cidadáns.

En canto aos segundos, sería bo que, uns, explicaran o alcance do desmonte dos muros autonómicos, por vía constitucional, para que o cidadán saiba se está en presenza dunha legalización constitucional que dea satisfacción aos desexos autonómicos de independencia, ou dunha troula electoralista; e que, os outros, se fixeran eco do consello de que non sometan ao pobo á tortura de ter que deducir da escaseza programática de contidos explícitos, aínda que arroupada por unha facundia sofística, reiterativa e infantil, os escondidos desmontes que arrastran a desconfiar dunhas imaxinarias obxectividades, construídas para cubrir unha ideoloxía, xa superada ou de ensaio.

En consecuencia, e como estamos na etapa de tenteos electorais, sería un bo momento para demostrar a vontade de transparencia, evitando o engano ao elector; afirmación esta que vai dirixida a todos os partidos, que son un lamentable exemplo de incumprimento programático, esvaecido, sempre!, cun apoio gregario que, sen vergoña do que poida ter de paradoxal, non acusa, nin sanciona, os deficientes comportamentos democráticos internos deles.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES