Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Hospital asilo de Vilalba (17)

jueves, 22 de enero de 2015
Ano 1919

«En este momento serio». É o titular dun artigo de opinión asinado por Jaime Solá desde Vigo inserto no número dous de «Aurora», mes de xaneiro. Reflexiona sobre o concepto de galeguismo, de nación e manifesta as razóns polas que non está de acordo cos nacionalistas. O fondo da discusión persiste nos nosos días. É mágoa que non se definan os conceptos que hai tras das palabras que se manexan nas argumentacións. Resulta así que un mesmo vocábulo serve para manifestar ideas non concorrentes ou desvirtuar e descualificar argumentos que se aproximan entre si.

Antonio Souto Pena. Foi un habaneiro de fortuna a quen vimos nas directivas que se constituíron para edificar a escola de Tardade. O Hospital asilo de Vilalba (17)Despois de pasar uns meses nestas terras e de ir tomar os baños a Ourense, regresa para A Habana na compaña da súa esposa. Ángel Fraga Orosa, mestre da Liga Santaballesa, dedícalle unha despedida laudatoria con motivo do seu retorno ó país antillano.

«Sociedade Agraria de Mourence». Constituíuse en decembro de 1918. Á súa fronte, como presidente, Melchor Montes, párroco.

A gripe en San Simón e Samarugo. Das parroquias da Costa e Samarugo veñen noticias de que a enfermidade causara máis de trinta defuntos no mes de xaneiro.

Petición de man. Realizouse na Coruña da señorita Ermitas López Verdes para o culto avogado, presidente da Irmandade desa cidade, elocuente orador e querido amigo don Luís Peña Novo. A voda realizaríase o vinte de xaneiro.

Realidades e esperanzas. Este é o titular dun artigo de opinión asinado por García Hermida. Refírese á necesidade imperiosa de retomar os traballos da magnífica obra do hospital asilo. Xa pasaron os anos da gran traxedia mundial na que Europa se viu inmersa. De non poderse habilitar todo o edificio, polo menos que se habilite unha sala, que se dean cales ó edificio para a súa mellor conservación, que se poñan as madeiras dos vaos e que así, paso a paso, o edificio vaia rematándose.

Primeiro premio para Ant. García Hermida. Foi o ditame do xurado que cualificou o concurso de contos celebrado en Ribadeo polo Ateneo Biblioteca Popular. O relato, en castelán, titúlase «El jardín de Roberto». En formato de 15’50 x 10’30, 16 páxinas, viu a luz na imprenta F. Lanza de Ribadeo, a expensas de don Ramón González Fernández, rico americano, fillo predilecto e benfeitor de Ribadeo. O argumento xira ó redor do amor ás plantas, á natureza e á festa da árbore que anualmente adoitaba celebrarse nas escolas.

En defensa propia. Con este titular arremete M. García Olano no «Heraldo» de 16 de xullo de 1919 contra o xornal «A Xusticia». Los que me aluden en el último número de un libelo mensual, escrito en mal castellano y peor gallego, que aquí se publica para vergüenza de Villalba y que se distingue por su obra de injuriar y calumniar a personas dignísimas sembrando odios y acentuando divisiones que perjudican grandemente al pueblo en general, que de tal indignidad protesta, se sentirían humillados si fuesen capaces de adivinar el desprecio que me inspiran. Como fondo do asunto estaba unha polémica entre o sector máis radical dos rexionalistas que tiña na «Xusticia» o seu voceiro e o sector moderado. Este parece ser o inicio da ruptura definitiva da Irmandade da Fala de Vilalba, que se ben foi das primeiras en constituírse, a intransixencia e seica o desprezo dalgúns motivaron a morte de tan magna agrupación.

Festa do «Centro Villalbés» de Bos Aires. Tivo lugar o 7 de xuño para conmemorar o seu quinto aniversario, segundo narra José López Veiga desde a cidade porteña. Como local, o elegante salón teatro da casa suíza Rodríguez Peña 254. Son presidente e vicepresidente da sociedade Tomás Barro e Ángel Ocampo. Xuntáronse máis de dúas mil persoas que permaneceron reunidas ata pasadas as cinco da madrugada.

Festas de San Ramón de 1919. Como actuación estelar acompañou as festas a banda do rexemento Zamora, de gornición en Lugo, que foi moi aplaudida e despedida con entusiasmo.

Premio ós queixos de San Simón. Foille outorgado na exposición da Coruña celebrada en agosto de 1919. Presentou o produto a sociedade agraria de Lanzós.

Casa escola de San Simón e Samarugo. Contratáronse as primeiras obras en 7.875 ₧. En acto solemne colocouse a primeira pedra o 9 de marzo. E cabo dela o señor Cuba Restrebada depositou un documento onde constan as directivas que rexeron a sociedade desde a súa fundación e os señores Rouco Cortiñas e Antonio López colocaron moedas circulantes.

Velada músico. Celebrouna a «Unión Villalbesa» o 12 de novembro. Houbo declamacións poéticas en galego e un diálogo de carácter cómicoseñorita Dopico e polo señor Santalla. Todos demostraron unhas grandes dotes escénicas.

Actividades das sociedades. Chegan noticias de que no último trimestre do ano as sociedades realizaron as tradicionais reunións festivas. A «Liga Santaballesa» no Palatino coa orquestra de Enrique Peña. Igualmente «San Lorenzo de Árbol y su comarca». Función teatral os da «Unión de San Simón e Samarugo».

Vilalba na prensa de Cuba. «Aurora» comunica que a prensa cubana chegada á súa redacción publica unhas fermosas perspectivas de Vilalba e dos seus fillos ilustres.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES