Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De 'Marías' a marionetas

miércoles, 21 de enero de 2015
Compás social

Dun tempo a esta parte case non hai semana ou mes que non apareza nos medios de comunicación algún caso de corrupción, case sempre preto dos cumios dos poderes dirixentes. Por outra banda, recentemente os profesores de relixión de Andalucía manifestáronse porque o Goberno autonómico andaluz reduciu a 45 minutos semanais a clase de relixión no ensino primario; e, ademais, vai facer un ERE a ese profesorado despedindo un millar deles. Outros bótanlle a culpa o ministro Vert por andar facendo chiscos ós reinos de taifas.

Estamos nun momento pertinente para reflexionar sobre algunhas materias impartidas no ensino público, posiblemente relacionadas con eses ruídos mediáticos. Podemos enfocar tres materias que, tanto no franquismo como na democracia, foron languidecendo como marxinais dentro do sistema educativo. E froito desa marxinalidade albiscamos algunhas consecuencias, unhas claramente visibles e outras difíciles de avaliar. Refírome ó ensino público da Ética, da Relixión e da Formación Cívico-política que, con algunha varianza de nomes, estiveron, seguen estando de forma marxinal nos diversos banzos do ensino público.

Hai unha cuestión apenas explorada: ante un certo esmorecemento ético-moral colectivo, unha corrupción individualizada pero xa cualificada como sistémica, unha palpable incultura relixiosa, unhas actitudes e comportamentos político-sociais desnortados de moita xente e unhas ideoloxías herdadas do pasado e agora soñadas e propostas como futuro, ante todos estes fenómenos sociais cabe preguntarse ¿teñen algo que ver co ensino público marxinal das chamadas "tres Marías" do franquismo, que agora, no sentir de moitas persoas, convertéronse en "Marionetas" da democracia? Fuxindo de demagoxias, intuímos e sospeitamos que algunha relación deben de ter. A unha sociedade de escasos ideais e horizontes, non lle quedan máis que as comenencias descontroladas; e estas acaban sendo demagoxias aproveitadas por determinados grupos sociais.

Se fitamos as tres "marías ou marionetas", podemos discernir un proceso case regresivo porque, vistas a grandes trazos, non houbo consenso nin progreso senón máis ben unha loita ideolóxica e unha continuidade de rutinas arcaizantes e desgastadas.

Na materia de Ética, sometida ó dilema de confesional ou laica, acumuláronse en España excelentes estudos para construír unha ética racional e universal; mais eses traballos foron elaborados en termos abstractos que pasaron por alto as dinámicas e mecanismos colectivos concretos de corrupcións individuais e de redes de grandes grupos de intereses. Eses estudos son valiosos, mais bastante desligados da vida real das maiorías silenciosas e das minorías reitoras. Hoxe percibimos unha moral fragmentada en compartimentos estancos conforme ás ideoloxías dominantes. Xa non se sabe, por exemplo, cal é un salario mínimo xusto para un traballador manual ou que remuneración sería equitativa para un alto cargo executivo.
Máis aló dunha estética pública é esencial a construción dunha Ética obxectiva, racional e universal na que poidamos encontrarnos e recoñecernos todos; e esta cimentación só pode conseguirse cun ensino público universal que achegue puntos de referencia colectivos.

A materia de relixión, despois das retóricas do nacionalcatolicismo, foi zarandeada polos ventos da secularización e dunha laicidade mal entendida. Hoxe está reducida no ensino público a ser unha alternativa do recreo escolar ou doutra materia tamén devalada, có paradoxo de que mesmo moitos progresistas, incluso crentes, pregan pola súa eliminación total dese ensino público. Levando esa opción ata as últimas consecuencias, semella que a ignorancia masiva e a multiplicación de seitas serían a mellor solución o problema da crise relixiosa actual.
A relixiosidade e as relixións, salvo algunhas excepcións aberrantes, xa non son unha proposta medieval nin un laicismo da Francia de 1905, senón unha forza de cohesión e compromiso social cada vez máis elaborado. O Estado non debe deixar esa parcela de servizo colectivo ó garete da desinformación colectiva e maioritaria.

A formación cívico-política, despois duns vaivéns ideolóxicos con rumbo errático, pasou pola "Educación da cidadanía" que tiña aproximadamente un 90% de contido razoable e un resto de cuestións discutibles e algunhas inadecuadas. Hoxe dorme de novo no limbo das liortas ideolóxicas. Neste proceso non hai ninguén inocente, nin os ideólogos, nin os partidos políticos nin os grandes grupos da sociedade civil.
Temos unhas novas xeracións técnica e profesionalmente ben formadas, mais no eido da cultura político-social da a impresión de que se moven nun limbo de frases feitas e cargadas de historia arcaica e arcaizante, onde os soños de futuro parecen fitar cara a un pasado xa superado. As experiencias negativas do século XX de algo deberían servirnos, e o mesmo as positivas. Temos unha Constitución cos seus valores que deben ser interiorizados, temos toda unha rede de institucións de democracia formal, mais non se estudaron masivamente os seus valores nin os seus necesarios contrapesos. Porque a democracia ciméntase na lei do compromiso e ó mesmo tempo na vixilancia permanente.

Todas estas constatacións están converténdose nun rosario de lamentacións estériles e perigosas. E para saír deste trollo non basta con escribir e proclamar códigos de boa conduta, normas xenéricas de transparencia e outras proclamas de intencións políticas difíciles de crer. É necesario reconstruír a sociedade desde uns principios culturais moito máis fondos. É necesario reconstruír unha ética racional, obxectiva e afastada dos sectarismos ideolóxicos; é necesario lograr unha formación relixiosa xeral ben informada e respectuosa con todos; é necesaria unha ética cívico-política para unha convivencia democrática de todos. O Estado, ademais doutros instrumentos, debe facilitar esa tripla información e formación mediante o Ensino Público.

Pero como? Como superar o actual labirinto nesas materias? Moitos cren que toda información e aduotrinamento; mais esa actitude previa tamén ten que ser superada. Non se trata de adoutrinar, senón de consensuar entre todos uns contidos da ensinanza, partindo dunha actitude positiva de base e metodoloxía científica. A sociedade civil, os partidos políticos, os parlamentos teñen que encontrarse nunha vontade construtiva, non nese ridículo, estéril e interminable "vosoutros sodes máis corruptos que nós", "España é laica, que non aconfesional".
As ciencias sociais, chamadas humanas, (Antropoloxía, , Socioloxía, Psicoloxía, Historia, Pedagoxía, Filosofía, etc.), xa acadaron un desenvolvemento considerable e lograron un substrato de certezas firmes, non de simples hipóteses. Eses métodos e contidos compartidos poden e deben ser a base dunha información / formación / educación das tristemente famosas "tres marías" ou "marionetas", a dicir de moitas persoas.

No ensino primario, medio e universitario deben ser materias potentes, obrigatorias, con tempo lectivo suficiente e avaliables a todos los efectos. As actuais ocorrencias ideolóxicas deben acabarse. As bases consensuais dos contidos deberían ser a Historia Comparada que achegaría a materia prima dos feitos e a Filosofía Crítica que abordaría o discernimento da realidade. De onde nos virá a rexeneración? Que xeración vai a realizala? Velai a cuestión.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES