De chícaros e nostalxias
Fernández, Suso - miércoles, 21 de enero de 2015
O vindeiro fin de semana celebra Foz a XII Festa do Chícaro, molusco bivalvo ó que os foráneos chaman berberecho, aínda que por Galicia adiante recibe tamén os nomes de croque, crica, caralleta, berberechiña, carneiro.
Jorge Víctor Sueiro, prestixioso xornalista e gastrónomo, no libro Manual do marisco, di: existe a crencia de que algúns mariscos favorecen a vea amatoria dos que os comen. Poñen en situación, din; axudan a ese punto de enervamento que precede ao placer da parella humana, opinan
. No chícaro esta característica vai implícita nalgúns dos nomes galegos, xa que crica,berberechiña e incluso caralleta son sustantivos que afectan a zonas altamente eróxenas da muller
.
Nunca do tema falamos co experto gastrónomo, inesquecible amigo, co que tantas veces degustamos os chícaros no Cotarelo, Bar Lovento, O Lar, O Narciso, O Siso
Tras moitos anos de amizade entrañable, Sueiro finaba sendo redactor-xefe de TVE, a finais dos 80.
Coruñés, casara coa beleza mindoniense Amparo Nieto. Nas nosas pescudas, non atopamos lugar onde chamen chícaros , o que nos fai pensar que só en Foz reciben tal nome. Pregúntase un a qué ven trocalo; por qué imos ser depredadores das nosas peculiaridades, da cultura popular, pois neste caso, trátase de algo que pertence ó acervo inmaterial, á nosa tradición, que debemos conservar, defender e espallar como algo que nos singulariza.
En 1996 foi a primeira festa, organizada pola ACIA, cando aínda eran chícarose respetábase a tradición herdada dos antergos. Polos anos 50/60, e por causas naturais, entraran na ría grandes cantidades destes bivalvos: foron tempos de desusada abundancia, que logo remitiu ata a práctica desaparición
Toda festa ten a súa faciana nostálxica e desta é de esperar que as cancións de taberna, que se prodigaban a cotío, traigan ó recordo de moitos a feliz relembranza
Seguro que o amigo Jamones nunca trocará o nome do seu carismático bar O chícaro por berberecho: perdería a esencia do seu engado e a súa contribución á cultura do noso pobo. Sería unha mágoa! Graciñas, Xosé Ramón.
(Suso Fernández é cronista oficial de Foz)

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora