
Nin as distancias nin o tempo separan os sentimentos. Noutrora, cando San Román de Vilaestrofe tiña aos seus fillos emigrados a cincocentos quilómetros ao sur de Bos Aires e comezou a variar a emigración cara a centroeuropa os pais dos que saían tiñan por costume lamentarse dicindo : Non sei porque se vai para tan lonxe podendo ir, coma os demais, para Arxentina.
Este achegamento sentimental convertiuse nunha sublime realidade o pasado día dez de xaneiro cando máis de seiscentas personas compartimos os actos da conmemoración do Centenario do Escolar para darlle valor ao noso e demostrar que as utopías, querendo a maioría, son pequenos pasos que en conxunto pode e debe dar a humanidade. Non cabe dúbida que a satisfación colectiva nace do esforzo organizativo realizado baixo o amparo das administracións e personas colaboradoras pero de nada servirían se non xerminase a semente de gratitude que, tal como deixou escrito o poeta cubano José Martí La gratitud, como ciertas flores, no se da en la altura y mejor reverdece en la tierra buena de los humildes.
Dende esa humildade, como coordinador dos actos, síntome moralmente obrigado a expresar públicamente a miña sinceira gratitude polo exemplar espíritu colaborador demostrado polas administracións públicas cos seus representantes locais e provinciais á cabeza, a directiva da entidade organizadora, a veciñanza, amigos e compañeiros, a tódolos visitantes e ausentes que dalgún xeito fixeron notar o seu esprito presente, os músicos, os técnicos de son, os medios de prensa que tampouco escatimaron esforzos ao igual que o condutor do evento ou os moitos colaboradores que puxeron o broche de ouro a un proxecto de tres longos anos de esforzos compartidos coa miña dona, coa que xa teño unha débeda infinita. A todos moitas grazas!
Non existen palabras nin espazo dabondo para poder citar, con nome e apelido, a tódalas personas que, sen agardar medallas nin homenaxes, entregan parte do seu tempo ao servizo da comunidade servindo de bandeira e de exemplo ao resto da sociedade, deste xeito adquire pleno sentido O valor do noso, un libro humilde, de formato, estilo e linguaxe popular que non pretende ser modelo nin aspira a durmir firme nun andel pois prefire andar de boca en boca e pasar de man en man mentres a xente fala e o corrixe pois daquela non será meu senón de todos que para iso naceu. Foi un pracer!