Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vilas da Gallaecia

lunes, 19 de enero de 2015
Acabo de ler nalgures que o colectivo de municipios do Eixo Atlántico, do que forman parte no tocante á nosa provincia, ademais da capital os municipios do Carballiño, O Barco e Verín -se non estou mal documentado-, renova novos azos incorporando outros catro municipios de menor tamaño poboacional, das terras do sur da raia, pasando a contar dende o día un deste mes con 38 compoñentes que colaboran no ámbito da eurorrexión e da consecución de fondos europeos para financiar, entre outros moitos sectores, o deportivo, o cultural, etc.

Por outra banda, onte mesmo o Consello da Cultura Galega presentou unha interesante web que pon á disposición de calquera que teña un ordenador á man, máis de tres mil documentos medievais -moitos deles de Ourense-, baixo o epígrafe de "Gallaeciae monumenta histórica" e que eu convido a visitar porque seguramente, benquerido lector, ha atopar algunha cousa interesante.

Pois ben, ó fío destas dúas novas que aparentemente nada teñen que ver entre elas, acendéuseme a min unha luz que me lembrou que tiña pendente de traer a esta xanela -ou iso creo- unha reflexión que fixen hai xa uns meses, logo da celebración dunha xornada sobre programas europeos e colaboración transfronteiriza que tivo lugar no Centro Marcos Valcárcel daquela.

Organizados como están, dende hai máis de dúas décadas, as grandes cidades e os municipios de maior peso demográfico de ámbolos dous lados da raia, a nada que un coñeza minimamente a problemática singular desoutros concellos de lusco-fusco (os pequenos concellos rurais xa teñen outras necesidades en moitos casos ben diferentes), eses que sen teren como capitalidades urbanas localidades dimensionadas, son cabeceiras de comarca e polo tanto contan coa mesma problemática de servizos coa que contan as cidades, pero sen os orzamenos suficientes para sostelos, dame a min que empeza a ser máis ca necesaria a existencia dunha entidade que sirva para abordaren os seus problemas específicos e estudaren xeitos de colaboración conxunta, por máis que algúns avoguen por iso de que non son tempos de crear "chiringuitos", senón do contrario.

E para referendar o que digo voulle poñer un exemplo. Por máis que Terras do Bouro se atope a menos de 30 km de Braga e Celanova a pouco máis de 25 de Ourense, as dificultades de xestión municipal ás que se enfrontan Terras do Bouro e Celanova son moito máis semellantes entre ámbolos dous municipios, cas que teñen ámbalas dúas vilas coas súas capitais de referencia.

De aí que crea que os 36 concellos de entre 5 e 25 mil habitantes do norte de Portugal e os 85 de entre 5 e 20 mil habitantes galegos deberían pensar de vez na constitución dunha asociación de municipios que poña o foco certamente nos seus propios problemas e deixen de seren palmeiros dos grandes. E eu, para animalos, regálolles xentilmente dende xa a súa denominación: "Vilas da Gallaecia".
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES