Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eu tampouco son Charlie nin Yihadista

jueves, 22 de enero de 2015
Con un tradutor correntiño non sería difícil dicir en francés: “Je ne plus suis Charlie hebdo” pero, en nome da liberdade de expresión que non ten como única nai a república francesa, non me dá a gana de dicilo en francés. Digo en galego: “Eu tampouco son Charlie hebdo”. Non o son en primeiro lugar porque non son francés e, tamén en nome da liberdade de expresión, ouso dicir: “Grazas a Deus”. Si, grazas a Deus que me agasallou coa sorte de nacer aquí e non alí. Se nacera alí ben seguro que non sería de aquí e non tería, entre outras finezas, que aguantarlle a un fachendoso policía francés que non sabía escoitar, na estación de tren de Toulouse, como tivemos que aguantarlle catro amigos aló polo 1970, que se non sabíamos andar polo mundo nos quedásemos “lá bas”. Ou sexa: “alá abaixo” Ou sexa: “en España”.

Insisto: Non ser francés non é mérito meu, pero selo tampouco é mérito dos que o son pra que en xeral nos miren ós de “la bas” por riba do ombro. Os de “la bas” e os de “aí arriba” pertencemos todos ó chamado Mercado Común, pero parece que os de detrás dos Pirineos pensan que temos que pasar necesariamente pola súa feira de camiño pró mercado.

Como non estamos falando de caridades senón de prepotencias, tampouco son Charlie, porque tampouco vin ós charlies nin ós parisinos dicindo no seu día que eles tamén eran “11 M” ou “T4”.

Por non ser da la Grand France non podo ser ese periódico semanal que se define como humorístico e que, en nome da liberdade de expresión podo dicir que, a min maldita gracia me fai o seu humor. Pero ademais, en nome da liberdade de elección, tampouco me dá a gana de selo. Total, se xa o son tantísimos millóns non se vai notar que non o sexa este galego que tivo a sorte de non ter que emigrar e a pena de non colaborar á “la grandeur de la France”.

Tampouco me dá a gana de selo, entre outras razóns, porque teño un concepto moi distinto do que é o humor do que parecen ter os humoristas de Charlie, curiosamente sucesor de Hara-Kiri. Teño entendido que o humor é unha gran ferramenta prá crítica, pero unha ferramenta aguda, enxeñosa, intelixente, fina, con señorío. Unha ferramenta que como toda boa ferramenta debe ser utilizada con arte e non como simple mecanismo de provocación ou de insulto indiscriminado en nome dunha liberdade de expresión que asoballa outras liberdades anteriores e superiores á de expresión. Porque hai liberdades e dereitos que xa deben estar en exercicio cando empezamos a expresarnos, por exemplo o dereito á vida.

Cales son os beneficios -ademais dos económicos pró semanal ese que se define como satírico e humorístico, pero só de esquerdas cando o humor debe ser universal- de insultar gratuitamente a mahometanos, xudeus e cristiáns?

Esa chamada liberdade de expresión que din abandeirar compensa os cabreos, as mortes de traballadores e policías e a crise internacional desatada? Non faltará quen diga que se había desatar igual. Non, igual non. Desataríase, -ou xa estaría desatada- pero igual non. Como haberá que entender a Freud cando di que o humor é a máis alta manifestación dos mecanismos de adaptación do individuo? Só teñen que adaptarse os outros a Charlie, ou tamén Charlie ten que gardar algunhas formas?

Dito isto, non quero deixar de dicir tamén que, se non son Charlie, menos quero ser un yihadista nin un fanático fundamentalista de ningún signo sementador de terrores. Do mesmo xeito tampouco podo venerar a antievanxélica imaxe dun Santiago matamouros. Actitudes coma as que se esconden detrás de ideoloxías absolutistas que deron lugar a esas imaxes non servirán de certa explicación a comportamentos negativistas, radicais e destrutivos que queren xustificarse detrás de expresións tan falsas coma “guerra santa”?. Unha guerra nunca é santa aínda que se bendigan as máquinas de matar.

Non. Non quero ser un relixioso tan convencido da eterna felicidade que se pode acadar morrendo como mártir nesas “guerras santas”. Se tivese unha filliña de dez anos como podería entregala pra ser esnaquizada en mil pedazos nun suicidio forzado pra eliminar “infieis”?. Fai falla ser ben dexenerados tanto os pais coma os talibáns, seus mentores! Os animais de verdade non fan esas cousas. Deus nos libre de tal! Nisto ben sei que non son orixinal, pero repito a pregunta oída a outros: Porqué non se inmolan eses pais e eses talibáns pra acadaren axiña o paraíso? Pode que sexa pra non deixar orfos desamparados.

Dos atentados de Francia non podería non eterarme aínda que o pretendese, porque sigo xantando e ceando con eles, pero do exterminio duns 800.000 (oitocentos mil) ruandeses en cinco meses e das sete igrexas queimadas en Niger o 17 de xaneiro como resposta á nova publicación de caricaturas de Mahoma, entereime case por casualidade buscando outra cousa en internet.

Tamén acabo de descubrir que Francia sempre estivo ó nosos lado na loita contra o terrorismo. Non o sabía ata que llo escoitei a Rajoi. Irame fallando a memoria ou será que a liberdade de expresión dos políticos e dos que lles escriben os discursos dálles dereito a esquecer a historia?

Con motivo da masacre de París tamén lle escoitei dicir a unha señora que se chama Rosa que din que sabe moito de máis dun partido político algo así como que facer calar a un periodista enmudece a todo o pobo. Mira ti, e eu que pensaba que algúns periodistas enchen a columna non porque teñan que dicir, senón que din porque tiñan que escribir… Ata chegara a pensar que os había, coma o que lle escribiu iso, que escribían ó ditado dos seus amos e señores, ou sexa, de quen lles servía o alpiste ou lles daba subvencións con diñeiro público.
Non me vai dar tempo a aprender case nada do moito que ignoro, pero, de momento, sigo sen ser francés nin Charlie.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES