Caillou e as perspectivas da vida
Santalla, Iago - miércoles, 21 de enero de 2015
Nunha serie de debuxos animados titulada Caillou atopamos nun colexio a un tentando interaccionar con Andy, un compañeiro con autismo. Polo que se ve, ninguén informa aos alumnos da forma de ser de Andy pero Caillou vai loitar por forxar unha amizade. A gran idea vén do seu pai: poderías intentar ver as cousas dende o seu punto de vista. Entón nace entre os dous nenos a comprensión na que pouco a pouco Caillou entra nos xogos de Andy ata facer unha amizade.
Esta é a proba de que a curiosidade é inclusiva ata o punto de converterse no primeiro alicerce dun mundo sen arrabaldes pero tamén proba que todos temos perspectivas marabillosas sobre a realidade. Ver polos ollos do noso compañeiro é un exercicio de empatía que todos temos que facer. A vida é un xogo de perspectivas nas que o mundo avanza da man daqueles que se atreven a seguir o seu propio criterio. Por iso cada ollo que analiza a realidade supón unha oportunidade infinda para transformar o mundo.
Caillou ve un amigo onde outros ven un ser solitario. O seguinte paso é pórse na súa pel e é aí onde a vida empeza a funcionar. Os ollos de Caillou son os ollos da empatía, da curiosidade e dun auténtico aprendiz da vida que quere latexar ao ritmo solidario da irmandade.
Como Caillou, todas as persoas temos perspectivas marabillosas para mellorar a vida. Entre elas están as múltiples perspectivas da inclusión que nos certifican que a riqueza está en camiñar coa diferenza e non en castrala.
Cando aprendamos a aceptar a cada persoa, a achegarnos sen medo a cada realidade, a comprender cada corazón e a ver por todos os ollos, o mundo tocará na punta dos dedos o paraíso da convivencia.
https://www.youtube.com/watch?v=tjYrrIgNaGE&feature=youtu.be

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora