Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xil da Ponte, o latoeiro dos Vilares

lunes, 19 de enero de 2015
A Casa da Ponte atópase a man esquerda baixando da igrexa dos Vilares cara o Merendero, antes de pasar a ponte sobre o río Lavadoiro e de chegar a aldea da Pena. Hoxe pasa desapercibida porque está no medio dunha silveira, pero antes tivo moita actividade, xa que nela tiña o obradoiro Xosé, o “Xastre da Ponte” que estaba alí de caseiro e, ao lado, estaba o do seu xenro, o latoeiro Xil da Ponte que estaba casado coa súa filla Manuela.

Penso que é a única casa da parroquia que ten troneiras para poder meter unha escopeta ou outra arma de fogo desde o primeiro andar, apuntando a porta de entrada e ao vertedeiro para defenderse de ladróns, atracadores e outras xentes que non son benvidas polos donos. As troneiras son uns furados que atravesan a parede e que se facían nas casas fidalgas que tiñan algo que protexer, porque aos que non tiñan nada non lle facían falta.

Nesa casa naceu e criouse con seus avós até os cinco anos, antes de emigrar cos seus pais a Euskal Herria, o investigador que resucitou o Apalpador nas montañas do Caurel, José André Lôpez Gonçâlez. Seu avó, o xastre, viñera da casa de Patricio de Vilasuso; era primo do meu avó materno que arrincou no monte do Viso as pedras para a escola habanera dos Vilares e irmán do mais famoso trapeiro, o tío Pedro de Patricio e da vella Requecha do Cando de San Salvador, nai de Xosefa, a regueifeira do Cando.

Pola parte de arriba da Casa da Ponte había un arrimo de madeira; unha especie de alboio cuberto con chapas de ferro e sen portas na entrada que daba á estrada, porque daquela non facía falta pechar as cousas, xa que os veciños respectaban escrupulosamente a propiedade allea. Naquela especie de pallar tiña o seu obradoiro Xil da Ponte, o latoeiro, e alí era onde nos facía os candís que alumaban a nosa escuridade e os nosos soños naquela longa noite de pedra, os embudes, as canadas para muxir o leite da Linda e mais da Roxa, o meu biberón para o leite e outros apeiros tan necesarios naqueles tempos nos que aínda non contabamos coa electricidade nin con eses modernos aparellos de plástico que os puideran suplir.

Lembro que de neno ía eu con meu pai encargarlle as canadas e os candis de gas cos que despois chamuscaba eu o pelo estudando na mesa da cociña, ao lado do unllar, antes de que Antonio Castro trouxera a electricidade desde os saltos que tiña a familia dos Coira do “Vilariño dos Cregos”, onde naceu Díaz Castro, no río Mandeo e no Eume. Lembro perfectamente que foi aló polo ano 1961, cando o comandante Soutomaior, Xosé Velo e o portugués Henrique Galvão secuestraron, xunto con outros vinte e un militantes do DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) o cruceiro “Santa María”, ou “Santa Liberdade”, na Guaira Venezolana para protestar polas ditaduras de Franco en España e Salazar en Portugal. Burlaron e humillaron aos mandos da V Flota Americana polo Atlántico adiante desde a mañá do 22 de xaneiro ao 3 de febreiro, cando despois de negociar cos ianquis se entregaron ao goberno brasileiro de Jânio Quadros en Recife, onde foron recibidos e tratados como heroes.

O Xil facía naqueles tempos de penuria e represión os candís baixos e os de copa a partir da folla de lata que soldaba maxistralmente con estaño utilizando un procedemento moi rudimentario. Aproveitaba as latas de sardiñas para facer as pezas mais pequenas dos candis porque as cousas daquela tampouco estaban para tirar nada e había que reciclar. Para as canadas e outros utensilios mais grandes tiña unhas pranchas de folla de lata que mercaba no comercio.

Despois, a cidade, como si fora un símbolo de progreso, chamou polo Xil e alá se foi, a Ferrol. Non souben mais del até moitos anos despois, cando andaba de albanel e veu facer unha casa moi cerca do Merendero. Hai quen di que nunca se esquecen as raíces.
Xil da Ponte, o latoeiro dos Vilares
Río, Raúl
Río, Raúl


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES