Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Valente máis europeo

jueves, 15 de enero de 2015
Valente vital (Ginebra, Saboya, París) é o título da nova entrega promovida pola Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética que dirixe na Universidade de Santiago o escritor e profesor Claudio Rodríguez Fer.

O Valente máis europeoContinuando coa serie iniciada hai agora dous anos con Valente vital (Galicia, Madrid, Oxford), este novo libro prosegue co estudo integral dos episodios de relevo na traxectoria intelectual e literaria do poeta ourensán, analizando todos aqueles feitos de transcendencia acontecidos mentres residiu en Xenebra (onde foi moitos anos tradutor da OMS), Saboya (onde tamén permaneceu en diversas estadías) e París (cidade na que rematou a súa vida profesional na ONU).

Dividida en dous grandes capítulos, a monografía asínana tres recoñecidos estudosos da obra de Valente: Tera Blanco de Saracho e Claudio Rodríguez Fer (que se responsabilizan do ensaio “Valente en Ginebra: memoria y figuras”) e mais María Lopo (“Valente en París: fragmentos recuperados”). A través destas páxinas sabemos da participación do poeta en importantes eventos e iniciativas, da xestación e publicación de moitos dos seus textos e, sobre todo, da rede de relacións que teceu con outros amigos escritores, ben por carta ben presencialmente, como, poño por caso, María Zambrano, os irmáns Goytisolo, Juan Gelman ou Edmond Jabès, entre moitos outros.

Todo este labirinto biopoético foi reconstruído por Blanco, Lopo e Rodríguez Fer mercé, como eles confesan no proemio ao libro, “a los numerosos testimonios personales obtenidos en muy diversos lugares y al enorme tamaño del archivo del que hemos podido servirnos, compuesto por la gran biblioteca del autor, decenas de dossieres temáticos y miles de cartas inéditas”.

Polo tanto, este volume resulta un avance decisivo no coñecemento da figura de Valente por canto é ollado a través de cristais que ata o de agora non se manexaran “in extenso” pola comunidade científica (correspondencia e documentación descoñecida, por exemplo), o que favorece a novidade dos resultados obtidos no curso da rigorosa investigación, desenvolvida ao máis alto nivel académico e científico.

O medio milleiro de páxinas das que consta este Valente vital (Ginebra, Saboya, París) representa un esforzo loable nese ir profundando na vizosa andaina creativa de Valente, o que, debido á ampla arañeira de contactos mantidos con outros autores e personalidades do mundo cultural suízo, alemán e francés (e non só), é tamén un ir sabendo de diversos persoeiros que ven así mesmo iluminado o seu periplo persoal á luz do que co de Ourense viviron.

Sobresaliente estudo o que rubrican Tera Blanco de Saracho, María Lopo e Claudio Rodríguez Fer, unha mostra máis do meritorio labor que a Cátedra José Ángel Valente leva adiante dende hai anos.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES