Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Hospital asilo de Vilalba (16)

jueves, 15 de enero de 2015
Ano 1918


O ano da gripe. Así foi coñecido. Chamáronlle gripe española porque foron os médicos españois foron os primeiros en manifestar a alarma por mor da mortalidade que ocasionaba. Nos demais países europeos e en EE.UU. ocultábase o andazo a causa da censura militar. As modernas investigacións apuntan a que se iniciou neste país americano en marzo de 1918 e foi transportada a Europa polos soldados que combatían nas frontes francesas. Non se sabe de fixo a cantidade de mortos que ocasionou, pero puideron ser uns 50 millóns de persoas en todo o mundo, bastantes máis que a sanguenta guerra que remataba. Deuse o caso que no outono dese mesmo ano xa estaba de volta O Hospital asilo de Vilalba (16)nalgúns lugares de EE.UU. despois de circunvalar o globo terráqueo. Os xornais de Vilalba case non deron información do asunto, pero debía estar presente a diario e causaría lóxica alarma. Xa se indicou o meritorio traballo médico de Plácido Peña Novo quen visitaba os enfermos para alivialos na enfermidade. Igual e exemplar labor foi desenvolto polo doutor Domingo Goás Canto.

Vilalbeses en Bos Aires. A inicios de ano chegan noticias de que na capital arxentina a antiga sociedade denominada «Hijos del partido judicial de Villalba» pasa a denominarse «Centro Villalbés». Trátase de potenciala. Tivo a sede na avenida Rodríguez Peña. Era presidente Tomás Barro e na directiva figuraba Rosendo Mato.

Asociación de mestres. En febreiro publícanse noticias de que os mestres do partido xudicial elixen directiva: presidente, José Somoza Eiriz; vice, Genoveva Rivas Blanco; secretario, José César Anllo; vice, Constantino de Castro; tesoureiro, Felipe Fernández. Tiña por fins a defensa do ensino e a dignificación da profesión.

Festa na «Tropical». Celebrouna a «Unión Villalbesa y su Comarca» o 21 de febreiro conforme o programa que viña sendo tradicional. Presidía a sociedade Segundo López Carpintero. Pronunciou un discurso, coma case sempre, Cosme Sacido Ramil. Tamén «Los Hijos de Burgás» e «Naturales de las Puentes de Garcia Rodríguez» organizaron as súas celebracións.

Conflito do correo. Vilalba, Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro unen esforzos para reclamar que o reparto do correo se faga diariamente. É certa a escaseza de carburante, pero tamén que a Comisaría Xeral de Abastecementos deu instrucións ós automóbiles transportistas para que mesturen unha parte de gasolina con catro de alcol e que así circulen a diario.

Festas de San Ramón pasadas -de 1917-. Publícanse as contas. En total supuxeron un desembolso de 2.899,25 ₧.

O bispo Solís en Vilalba. Xirou visita o 29 de abril. Foi recibido conforme o protocolo e no medio do fervor popular. Seguía itinerario cara ás Pontes e foi despedido en Campo de Puente -onde remataba a vila- cos acordes da banda de música.

Difícil situación. Vén provocada pola escaseza de artigos de alimentación. Espérase pola importación de gran que, disque, vai ser traído da Arxentina, pero cómpre unha rápida solución.

«Toxos e Flores». En maio o coro ferrolán debeu regresar de Madrid anticipadamente, onde ía dar algúns concertos, porque moitos dos coristas víronse atacados da enfermidade reinante na capital de España ―a gripe de 1918―. Estaba sendo moi obsequiado.

Establecemento tipográfico. En xuño Mariano Pérez Ceinos informa da próxima apertura dun establecemento tipográfico, de librería e centro de subscricións.

Sociedades habaneiras. O «Heraldo de Villalba» de 23 de xuño recolle as actividades das sociedades da comarca de Vilalba:
―A «Unión Villalbesa» ten previsto celebrar unha xira nos xardíns do «Palatino» o próximo 7 de xullo.
―«Hijos de Tardad y Distriz» acordou investir o capital recadado a interese na «Caja de Ahorro y Banco Gallego» tomando as oportunas disposicións para realizar as obras da casalevantar en Tardade.
―«Naturales de Puentes de García Rodríguez» decidiu celebrar a festividade do Carme o domingo 14 de xullo nos parques do «Palatino».
―A florecente «Progreso de Lanzós» celebrou unha brillante matinee no «Palatino» no mes de maio pasado que foi amenizada pola orquestra de Pablo Valenzuela.

Velada da «Juventud Antoniana». Tivo lugar o día 13 de xuño. Declamaron, actuaron e cantaron Pilar Chao, Antonio Pico, Francisco Paz, Mercedes Cascudo, Pablo Olano, Celestino Currás, Antonio Guntín, Julio Rego Gayoso, Concha Cascudo, Carmen Basanta e Víctor Mato. Pablo Pena Olano declamou unha inspirada poesía, vibrante canto á patria, que foi interrompida por grandes e prolongadas palmadas. Pablo Pena, que vestía uniforme de soldado español sostendo na man a bandeira amarela e vermella, foi premiado cunha calorosa ovación ó final, que se repetiu atronadora cando, ó achegarse á boca do escenario, berrou con forza: Viva España!

† Eulogio Goás Pardo. Faleceu o notario de Vilalba no amencer do 15 de xuño. Tiña 68 anos. A noticia causou xeral sentimento de pena polo moito que era apreciado este fillo ilustre da vila. En Monforte e Lugo cursou bacharelato, que rematou en 1866. Licenciouse en Leis na Universidade de Santiago en 1871 e máis tarde doutorouse. Foi notario en Ferrol e logo en Vilalba. Levaba no cargo 42 anos. Ó seu enterro asistiron, ademais da veciñanza e xente de concellos limítrofes, o deán da catedral de Mondoñedo, Gervasio Rodil Osorio; o párroco Juan Ramos; o alcalde Andrés Basanta; os avogados Ignacio Cacharrón e Germán Freire e os sobriños do finado, e médicos, Domingo Goás e José Pernas. Os avogados Víctor Basanta, Manuel Olano, Tomás Martínez e Ramón Santomé recollían as cintas do luxoso féretro. Os actos fúnebres foron dos máis concorridos que se recordan na vila.

Falta de combustible. As sociedades agrarias piden que con toda urxencia se faga chegar ó campo a gasolina necesaria para que as máquinas malladoras poidan funcionar.

Realidades e esperanzas. García Hermida desde as páxinas do «Heraldo de Villalba» pasa revista ás vixentes necesidades da vila. Precísase facer chegar o teléfono, construír unha praza de abastos e macelo público, tamén un campo de experimentación agrícola. E sería conveniente retomar a celebración da festa da flor que en épocas pasadas tivo grande éxito e aceptación popular.

Festa da «Unión Villalbesa».Celebrouse nos xardíns do «Palatino» en xullo. Entre os numerosos asistentes figuraban o santaballés Fermín Fraga, crego e un dos principais indutores desde A Habana de que se fundase a «Liga Santaballesa». Nestes momentos era secretario do Bispado en Pinar del Río e foi el quen na sobremesa pronunciou un vibrante discurso de amor a Cuba e a España.

«Aurora. Revista informativa-literaria». Nace en decembro de 1918 e chega ata novembro do ano seguinte. Imprimíase en Mancebo, de Mondoñedo. Foi o seu director Antonio García Hermida, que se ocupaba ó mesmo tempo do «Heraldo de Villalba». En «nuestro saludo» do seu primeiro número proclama: Dará cabida en sus columnas a todas las ideas y opiniones, ya que aspiramos sea el portavoz por medio del cual el pueblo, sin ambages ni rodeos, manifieste claramente su sentir en las mil facetas de la vida; claro es que dentro de los límites que la moral y buenas costumbres prescriben... En política no profesamos credo ni pertenecemos a partido alguno, por la sencilla razón de que ninguno nos satisface.
Vemos entre os seus colaboradores a Leandro Carré Albarellos, Ramón Cabanillas, Vidales Tomé, Mal de Vizoso, o mestre local Carlos Moltó... Noriega Varela dá a coñecer versos do próximo libro «Do ermo».

Cayetano Arias López. En Santaballa consérvase na memoria os versos que este poeta, gaiteiro, labrador e zoqueiro compuxo ó longo da súa vida. Coñecido como O Gaiteiro de Santaballa, vivía no lugar de Piñeiro. Durante moitos anos non había festa na parroquia ou no contorno á que non acudise para animar as celebracións, incluídas as que daban os habaneiros. Inspirador do cuarteto «Os amigos da terra», gran amigo e colaborador do párroco Domingo Pérez Ocampo, posuía excelentes dotes para a versificación de tradición popular. Na prensa da época publicou composicións que acadaron extraordinario éxito mesmo alén da Terra Chá. Nos seus temas son maioritarios os asuntos festivos, cheos de graza e de humor e aqueloutros que se refiren á vida diaria no rural. Cos seguintes serventesios dodecasílabos, de claro influxo dos poetas do tempo das Irmandades, celebra a aparición de «Aurora».

Nova directiva da «Unión Villalbesa y su Comarca». Foron nomeados para os cargos da sociedade: Eulogio Coira Rodríguez, presidente; Vicente Graña Castro, vice; Salvador Villarino Maseda, secretario; Calixto Chao González, vice; Jesús Cuba López, tesoureiro; Ramón González Rouco, vice; Vicente García Penabad, José Fernández Nieto, Graciano Castro Lozano, Inocencio Soto Romero, Jesús Pernas López, José Castro Lozano, Manuel Cazón Durán, David González Sáez e Victoriano Pérez como vogais. Suplentes: Manuel Corral Díaz, Juan Celeiro Castro, Marcelino Cadaneda, Francisco González Rouco e Ramón Rey Fraga. Comisión de Glosa: Benigno González Paz, Antonio de Bernardo e Manuel González Carballal.

De Santaballa. Ramón Gato e Ramón Ladra, entusiastas habaneiros, regalaron para a escola da Liga un bonito reloxo de parede. Lamentablemente na actualidade non se conserva. Vaise construír na parroquia un local para sede do seu sindicato agrícola. Coa finalidade de reunir fondos sortearase unha becerra. Á fronte do asunto, o párroco Domingo Pérez Ocampo.

Acaparadores. En Lugo produciuse un tumulto con intervención da forza pública cando a xente tentou impedir a exportación de subsistencias que gardaba un acaparador. Houbo feridos e detidos que debeu liberar o Gobernador Civil ante a presión popular.

Ascenso a tenente coronel. A este grao ascendeu o noso veciño e promotor da escola de Tardade e Distriz Manuel Pena Vidal.

Andazo de gripe. Para contribuír ós gastos ocasionados polo andazo da gripe, o concello de Vilalba pediu unha subvención de 500 ₧ á Deputación. A finais de ano aínda persistía a pandemia.

Ferrocarril eléctrico. O tren non acaba de callar. As últimas noticias eran que técnicos belgas realizaban estudos coa finalidade de estudar a súa viabilidade.
O Hospital asilo de Vilalba (16)
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES