Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nunha mezquita

miércoles, 14 de enero de 2015
Ó longo da miña vida tiven oportunidade de entrar unha vez nunha mezquita. Pasa xa dos vinte anos daquela. Foi a mezquita de Caracas, un edificio espectacular cun non menos espectacular minarete e unha lámpada central máis monumental aínda, se cabe, co impoñente e branco edificio.

Se busco, estou seguro de que aínda encontro as fotografías que puiden tomar alí dentro sen que ninguén me dixese nada.

O certo foi que, dos lugares que tiven oportunidade de visitar no transcurso daquela viaxe a Caracas foi -a entrada na mezquita- o que máis impresión me causou preto das altas torres do Parque Central. Non tanto, sen embargo, a unha miña curmá, que me facía as veces de guía e que tivo que quedar fóra.

Evidentemente, lembrei durante estes días aquela sala alfombrada tan grande coma un campo de fútbol e o efecto dos pés descalzos camiñando sobre o acolchado piso.

Realmente, sen decatarme estou mentindo, porque cos anos tamén gocei do privilexio -este máis común, por cercanía- de camiñar de vagariño por entre as columnas da de Córdoba e retratarme diante do fermosísimo "mihrab" que olla cara a Meca e que sempre nos sirve os celanovenses para explicar a importancia do seu coetáneo, aínda que estilisticamente moito máis humilde, da capela de San Miguel.

Certamente tanto nunha máis actual coma na outra absolutamente histórica -e xa non digo nada da alhambra granadina ou do alcázar de Sevilla- tiven ocasión de admirar varios exemplos de cómo a pretensión de interpretación a eternidade, independentemente da relixión que sexa (e á mesma altura cás catedrais de Santiago, de León, se cadra, ou mesmamente de Toledo, cá "duomo" florentina ou a vaticana basílica de

San Pedro) é capaz de exaltar as virtudes, neste caso artísticas e evocativas, do ser humano.

Logo, co tempo, os pasos leváronme a pernoctar durante tres ou catro días nunha das moitas ruelas perpendiculares das Ramblas barcelonesas -concretamente na rúa do Hospital- e aquela grandeza arquitectónica que eu tivera ocasión de admirar denantes en Caracas, Granada e Sevilla, ou mesmo dende a distancia da M-30, en Madrid, véuseme abaixo coma un castelo de naipes cando ó ver entrar a determinadas horas a moitos musulmáns a un garaxe, preguntei que había alí que convocase a tanta xente e me informaron de que aquilo con formas de baixo mal axeitado era unha mezquita.

É certo que para rezar -sexa no idioma que sexa e sexa ó deus ou ós deuses nos que un crea- non é preciso estar rodeado de grandezas arquitectónicas, pero aqueles días de Barcelona e aquel ambiente endogámico do barrio no que estiven instalado -moi preto do Raval- amosáronme unha face preocupante dunha forma de entender o máis alá que nada tiña que ver coa face amable que asomaba naquel impoluto edificio de Caracas.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES