Baixar das nosas nubes
Mato, Xesús - viernes, 10 de marzo de 2006
Para os cristiáns, chéganos hoxe a chamada para superar as tentacións da nosa fuxida, evasión, pasividade e comodidade, causa de tantas incoherencias e irresponsabilidades. O mandato de Xesús a Pedro, Xoán e Santiago, de baixar do monte, despois de lles mostrar un anaco da súa gloria e do noso futuro. é unha esixencia para decidírmonos a baixar á vida/realidade do mundo e cumprir a misión/tarefa encomendada por Xesús.
A reflexión serve para todas as relixións. Sobre todo para as chamadas abrahánicas: Xudaísmo, Cristianismo e Islamismo. No Éxodo (1ª lectura da misa deste domingo) aparece a promesa de Deus a Abrahám e á súa descendencia: bendicireite e farei crecer os teus descendentes coma as estrelas do ceo e as areas do mar...e todos os pobos da Terra terán bendición na túa descendencia(22,1-2). Por iso Abrahám é recoñecido como pai da fe, dos crentes tanto polos cristiáns coma polos xudeus e mahometanos.
Dous grandes puntos: adoramos ao mesmo Deus e recoñecemos a mesma orixe na fe. Somos descendentes/herdeiros da mesma fe/promesa. As nosas liortas e divisións deste tempo veñen de moi vello. A rémora do noso proceso histórico común fíxonos esquecer o desenvolvemento humano/racional do mundo e fomos optando pola defensa e a loita das nosas crenzas (moitas veces, levadas aos extremos), dos nosos principios, preceptos, fidelidades (infidelidades) e tamén fortes radicalismos excluíntes. Temos os mesmos mandamentos da Alianza e tamén os mesmos absurdos erros que se daban nos tempos de Xesús. Problemas cos templos e as doutrinas e cos poderes humanos. Seguimos a vivir separados como se considerásemos imposible a nosa reconciliación.
A situación é complicada. Precisa de moitas arrobas de humildade e de comprensión por parte de todos e desde todas as frontes. Superar radicalismos (que se dan en todas) leva consigo comezar por recoñecelos, sentir a necesidade de superalos e buscar lugares e situacións de encontro. Ten de unirnos a verdade e o amor. Na aldea global, que é hoxe o mundo, cheo de intereses económico/políticos, no que somos necesarios todos, non podemos seguir vivindo do mesmo xeito, alleos aos problemas que afectan á irmandade.
O difícil entendemento para abrir camiños de futuro ten de vir polos vieiros de saír de nós mesmos, dos nosos tabores e radicalismos que construímos e fixemos medrar perante varios séculos desde os nosos refuxios/templos doutrinais, con persecucións e guerras. Todos estamos chamados a camiñar, coma o noso común pai na fe, tamén na esperanza. Na fe e na confianza, abertos ao futuro que temos de construír entre todos.
O coñecérmonos máis, o escoitármonos, o diálogo sincero, o respecto, a tolerancia e a acollida fraternal....deben ser os nosos caxatos para acadar o camiño do encontro.

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora